Enxeñarías e Ciencias da Saúde dominan o 'ranking' de empregabilidade

A Xunta e a ACSUG crean un índice de inserción para catalogar os títulos de "maior atractivo laboral", pero con datos de 2013-2014.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2020 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

A oferta do sistema universitario de Galicia (SUG), clasificada polo seu "atractivo laboral" e o seu rendemento á hora de facilitar un emprego. A Xunta, a través da Axencia para Calidade do SUG (Acsug), creou un 'ranking' no que clasifica un total de 123 graos das tres institucións académicas mediante un índice de inserción laboral, que de momento se basea en datos recompilados a través de enquisas aos egresados do período 2013-2014.

O obxectivo deste 'ranking' de graos é o de ofrecer información ás familias e aos estudantes á hora de escoller o seu futuro académico, segundo explicou en rolda de prensa o secretario xeral de Universidades, Xosé Alberto Díez de Castro, aínda que tamén servirá de base para "a toma de decisións", a corrección da propia oferta de prazas e dos títulos.

A pesar diso, a listaxe representa unha foto fixa e un momento académico concreto, o da primeira promoción "maioritaria" de egresados en graos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior, polo que se trata do punto de partida para analizar as tendencias do catálogo de titulacións e está suxeito a correccións e melloras no futuro.

O feito de seleccionar os datos do estudo de inserción desa promoción concreta levou, de feito, a deixar fóra algúns títulos, como Veterinaria e Farmacia, ou Filoloxía Clásica, ben por falta de datos ou de titulados.

Esta circunstancia obsérvase xa nos primeiros postos da táboa, onde aparecen numerosos graos con escaso número de egresados. O 'ranking' está encabezado, de feito, polos graos en 'Tecnoloxías Mariñas' e en 'Náutica e Transporte Marítimo', con catro egresados cada un, e reflicte tamén outros títulos con tres, dous e ata un só titulado.

Díez de Castro insistiu, no entanto, en que este indicador permite obter algunhas conclusións xerais e corroboradas por outros estudos, como que as ramas de Enxeñarías e Ciencias da Saúde dominan os primeiros postos da listaxe. Así mesmo, estendeu esta tendencia tanto á variable do salario, o desempeño de tarefas relacionadas co seu estudo ou a relación do traballo coa titulación escollida, os outros tres factores utilizados para calcular o índice de inserción.

CHAMADA Á "REFLEXIÓN"

A outra cara deste indicador afecta á rama de Ciencias Sociais e Xuríricas, cuxo primeiro título no 'ranking' aparece no posto 22 (o grao en ADE da Universidade de Vigo no campus de Ourense). A listaxe péchana graos como Xeografía e Historia, Dirección e Xestión Pública (da UVigo) ou Humanidades do campus de Ferrol.

O secretario xeral de Universidades incidiu en que estas tendencias deben suscitar unha "reflexión" que xa existe nas tres institucións académicas e citou recomendacións da propia Conferencia de Reitores das Universidades Españolas.

Entre elas, mellorar a información de empregabilidade nas webs de cada centro, limitar a oferta de títulos e prazas naquelas con peor inserción ou calidade da inserción ou "incentivar ou desincentivar" economicamente en función das resultados de empregabilidade.

Traballo nun laboratorio. INSTITUTO DE COORDENADAS
Traballo nun laboratorio. INSTITUTO DE COORDENADAS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta