O federalismo galego pide reformar a Constitución de cara a unha nova organización territorial do Estado

A Asociación Federalista de Galicia (AFG) celebra o seu primeiro acto público en Santiago de Compostela e coa presenza do equipo de intelectuais que a conforman.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/03/2020 | Actualizada ás 09:24

Comparte esta noticia

A Asociación Federalista de Galicia preséntase publicamente este mércores 4 de marzo nos locais da Fundación Abanca. Durante o acto intervirán o catedrático de Ciencia Política e presidente da Asociación, Ramón Máiz, o presidente de Federalistas d´Esquerres Joan Botella, profesora de Estudos Europeos da USC, Cristina Ares e o presidente de Madrid Federal, Jesús Ruíz Huerta. O acto será presentado pola xornalista Irene Lamas.

Exterior do Parlamento de Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo
Exterior do Parlamento de Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo

Entre os obxectivos da Asociación Federalista de Galicia está impulsar a cultura e a conciencia federal. Xunto a isto, propiciar a reforma da Constitución española para darlle unha visión federal e contribuír á construción “dunha Europa federal, democrática, xusta e solidaria”. Para isto, a entidade pretende fomentar e aumentar o coñecemento das ideas federalistas mediante debates, conferencias, reunións e encontros entre diferentes actores políticos e sociais.

Así mesmo, busca elaborar e editar documentos, publicacións e artigos relacionados co federalismo, establecendo contactos e alianzas con outros grupos do Estado e de Europa. Os promotores da AFG buscan difundir os valores estruturais do federalismo para permitir a existencia dunha comunidade política “presidida pola unidade na diversidade electoral, cultural, institucional e nacional”. 

A AFG entende que o federalismo é unha visión política nacida para resolver problemas da cidadanía, ademais de ser un esixente ideal normativo da democracia, todo isto baseado “no pacto, na negociación, no goberno mediante acordos revisables e potestades compartidas”. Para isto sinalan que o federalismo postula como un dos seus eixos básicos e irrenunciables a igualdade e solidariedade interterritoriais. Defende tamén o pluralismo cultural e lingüístico ao fío dos procesos abertos de creación e intercambios culturais, tanto no conxunto da Federación como no interior de cada unha das entidades federadas.

A Asociación Federalista de Galicia está presidida por Ramón Máiz Suárez e por unha xunta directiva integrada por Francisco Caamaño Domínguez, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade da Coruña, como vicepresidente; Francísco Candela Castrillo, como secretario; Cristina Ares Castro-Conde, como tesoureira e Xosé Ramón Pousa como vogal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Carmen

O federalismo é a resposta a volta que está dando a sociedade cara os tempos pasados que tanta dor causaron, os soberanismos, ou comigo ou contra min, a resposta á crispación interterritorial. Bos exemplos de federalisnmo temos en Europa e resto do mundo. España tamén pode facer ese camino que esixe xenerosidade e solidariedade, estudio e reflexión por todas as partes

1 Mugueimes

O federalismo é uma das respostas possíveis. Não a resposta única. Mas para poder optar pelo federal, antes devemos ter capacidade de escolha e liberdade. Sem soberania, o federalismo que pretendem é uma imposição desde arriba. E com imposição não há lugar para democracia. Acontece que muitas têm medo a ser livres e a deixar que os demais decidam por si próprios. Então, o seu federalismo é um novo jeito de dominação disfarçada. Uma nova transição atada e bem atada.

1 Gamela

Como todo o mundo pode comprobar estamos no mellor momento para levar a cabo un proxecto federal = "o federalismo postula como un dos seus eixos básicos e irrenunciables a igualdade e solidariedade interterritoriais" (Eramos poucos e pariu a avóa?)