Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 03/03/2020 | Actualizada ás 20:42
O candidato do PPdeG á Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo este martes en valor a estabilidade económica de Galicia, con menos paro que hai un ano e novos afiliados á Seguridade Social.
Con motivo da celebración da iniciativa 'Un café con Feijóo' en Pereiro de Aguiar, Feijóo destacou os principais investimentos realizados neste municipio, entre as que destacou a ampliación do CEIP Ben-Cho-Shey, o incremento das prazas públicas en residencias de maiores e en escolas infantís, o parque acuático, así como as instalacións deportivas de Monterrei e o novo centro de saúde.
Así mesmo, referiuse á declaración dunha aldea modelo no municipio, co fin de rehabilitar e recuperar terreos abandonados, e ás subvencións para facilitar a instalación de empresas en Pereiro de Aguiar.
"É o que tentamos facer en todos os concellos: mellorar a sanidade, a educación, facer equipamentos sociais para os maiores e máis pequenos, sen esquecer o deporte e a cultura", indicou Feijóo, que asegurou que este modelo de Pereiro de Aguiar é o que busca expandir ao resto dos concellos de Ourense e Galicia.
DESEMPREGO
Sobre os datos de desemprego coñecidos este martes, sinalou que o paro en España se comportou "francamente mal", a diferenza de Galicia, que é a segunda autonomía en baixada de paro nos últimos doce meses.
"Lamentablemente, as políticas económicas laborais do Goberno central non axudan a reactivar a economía; ao contrario, son mensaxes negativas para o investimento nacional e estranxeiro", indicou.
Ademais, sostivo que Galicia resiste mellor que a media de España. "E hoxe podemos dicir que non só baixa o paro en 1.700 persoas, senón que melloramos a afiliación á Seguridade Social en 5.000 novos afiliados", apuntou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.