A Comisión Europea avisa de que a investigación independente do accidente de Angrois "segue pendente"

O BNG traslada nova información á CE para completar a denuncia contra España sobre seguridade ferroviaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2020 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

A comisaria de Transporte da Comisión Europea, Adina Valean, avisou de que a investigación independente do accidente de Angrois, no que faleceron 80 persoas en Santiago en 2013, "segue pendente". Así o dixo en resposta ao BNG, nunha contestación con data do 26 de febreiro na que explica que a Comisión Europea solicitou ás autoridades españolas que a "manteñan informada periodicamente" sobre a "longa lista de medidas que deben adoptar os distintos axentes do sector ferroviario en España e os prazos de execución".

Accidente do Alvia en Angrois
Accidente do Alvia en Angrois | Fonte: Europa Press

O informe da Axencia Ferroviaria Europea, encargado pola Comisión Europea, sobre o accidente de tren de Angrois concluíu en xullo de 2016 que a investigación realizada en España pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) non foi independente --ao depender do Ministerio de Fomento-- e nela non se abordaron "elementos clave".

Por iso, a UE instou nos últimos tempos a que leve a cabo unha investigación independente, cuestión que reclaman de forma insistente as vítimas do accidente de Angrois, pero aínda sen éxito.

Pola súa banda, Ana Miranda trasladou á Comisión Europea nova información no marco do procedemento de infracción aberto --en xaneiro de 2018-- contra o Estado sobre as medidas de seguridade ferroviaria, que inclúe o accidente de Angrois, co fin de que sexa incorporada na investigación en curso.

Entre a documentación, inclúe a recente resposta realizada polo Goberno central ao BNG no Congreso, na que se asegura que a CIAF "goza de plena independencia funcional", á vez que se defende que a investigación realizada no seu día "realiza unha análise pormenorizada, correcta e independente do accidente".

Así mesmo, a portavoz do Bloque en Europa censura que, "desde que sucedeu o accidente, os distintos gobernos do Estado non deron nin un só paso por garantir unha comisión independente, senón todo o contrario, o seu empeño foi impedir que se fixese".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta