Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2020 | Actualizada ás 12:37
O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, sinalou como "fundamental" que se produza un "cambio político" na Xunta tras as eleccións do 5 de abril "para que avancen os dereitos dos galegos e as galegas no exterior".
Segundo recolle un comunicado emitido na mañá deste martes pola candidatura de confluencia, o tamén secretario xeral de Podemos Galicia mantivo ao longo do luns unha serie de reunións en Buenos Aires con colectivos de galegos na cidade bonaerense e dirixentes do goberno da República Arxentina. Ademais, participou nun encontro con militantes de Podemos e Esquerda Unida en Arxentina.
Gómez-Reino, que ten previsto regresar a Madrid este mércores tras permanecer nos últimos días no país latino, destacou que a comunidade galega en Arxentina está "moi viva" e "entende necesario o cambio político en Galicia como unha ferramenta fundamental para que avancen os dereitos dos galegos e galegas no exterior".
"Trasladamos a nosa vontade desde Galicia en Común-Anova-Mareas de construír un novo tempo político no que Galicia sexa unha ponte fundamental cos países de América Latina", sinalou o candidato, que detectou o "traballo" que leva a cabo a colectividade galega en Arxentina en centros como o colexio Santiago Apóstolo ou a Federación de Sociedades Galegas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.