Santiago ofrecerá habitacións ao 'sen teito' e creará un servizo de atención a maiores e dependentes

A partir do xoves non se poderá pagar en efectivo nos autobuses, que rexistran unha caída do 80% de usuarios

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2020 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

As persoas que sobreviven nas rúas e que carecen dun teito onde resgardarse en Santiago contarán con prazas en albergues e pensións, como parte das medidas da alerta sanitaria na cidade e a loita contra a expansión do coronavirus (o COVID-19).

Sen teito
Sen teito

O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, confirmou que o Goberno local está en conversas coa Cruz Vermella e que se farán percorridos pola cidade para falar con estas persoas, á que se lle ofrecerá a posibilidade de recolocarse nun recinto pechado. De momento, son 10 os identificados e que se atopan nesta situación.

A pesar diso, de momento non se lles poderá obrigar a aceptar a proposta, posto que unicamente o xuíz pode ordenar un ingreso forzoso e a cuestión "escapa á competencia municipal. É por iso que o Concello está a consultar o tema coa Subdelegación do Goberno, para ver se é posible "obrigalos" a optar pola recolocación de acordo á Lei de Emerxencia.

A cociña económica funcionará de forma extraordinaria e facilitaranse 'tuppers' de almorzo, comida e cea, posto que resulta "imposible" xestionar o servizo dentro do propio recinto polas medidas de seguridade.

Bugallo tamén debullou os puntos abordados no encontro con representantes do sector alimentario. As cadeas garantiron "a subministración para toda a cidadanía", e a situación queda "normalizada" tras existir problemas de existencias a semana pasada que obrigaron aos supermercados a interromper a liña con entidades como a cociña económica e Cáritas, entre outras, que xa se retomou.

As cadeas disporán dunha liña de atención telefónica e vía internet pensando nos maiores e nas persoas dependentes, e o Goberno local habilitará o número 010 para dar servizo a colectivos vulnerables tanto en necesidades alimentarias como de medicamentos, entre outras, que estará en funcionamento a partir do xoves, segundo sinalou o rexedor.

Tamén se manterá aberta a Praza de Abastos, cuxa xerencia se encargará de que se cumpran as recomendacións en materia de seguridade e da alerta sanitaria.

Doutra banda, o Goberno local está en conversas coas empresas concesionarias dos comedores escolares para habilitar un programa a domicilio que prestará servizo tanto a nenos como dependentes. O obxectivo é que estea operativo a partir do mércores, cando está convocada unha xunta de Goberno local extraordinaria.

TRANSPORTE

Outro dos temas abordados na reunión deste luns do Goberno local é o transporte público, que xa experimentou unha redución da capacidade dos autobuses a un terzo do aforamento e unha distancia prudencial entre os condutores e os usuarios.

As máquinas de compra de billetes trasladaranse á parte traseira dos vehículos e habilitaranse espazos en diferentes puntos da cidade para que, a partir do xoves, se evite o pago en efectivo. Deste xeito, teranse que adquirir os billetes con cartón ou abonos, e non se poderán adquirir dentro dos propios autobuses.

Bugallo avanzou que o número de usuarios se reduciu nun 80 por cento esta fin de semana e o servizo experimentará un reaxuste en función da evolución de uso dos próximos días. Os condutores son os encargados, de momento, de controlar o aforamento dos vehículos, que experimentaron un "descenso significativo" de uso.

Doutra banda, tamén se valorará o peche dos parques e xardíns públicos, e Bugallo asegurou que de momento "non se multou a ninguén" nin se formalizou denuncia algunha, agás algunha actuación en establecementos que non pecharon no horario establecido. Doutra banda, o control da Policía Local estará a cargo da Subdelegada do goberno.

AS OBRAS MANTÉÑENSE

A xunta de goberno prevista para este mércores decidirá as condicións dos servizos que se seguirán prestando a través das concesionarias, como son a limpeza viaria ou a iluminación pública, e tamén abordará os casos nos que será necesaria a suspensión temporal, reforzo ou modificación de contratos existentes.

Finalmente, Bugallo sinalou que o obxectivo do Goberno local é manter as obras que se están realizando en diferentes puntos da cidade, como a actuación en Concheiros, pero advertiu de que se trata dunha decisión "provisional" e que será revisada ao longo do proceso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta