Transportistas, os "esquecidos" nesta crise: sen protocolos de hixiene e sen ter onde comer na estrada

O sector vive o "contraste" en Galicia entre os que traballan "ao máximo das súas posibilidades" para levar alimentos e os afectados polo parón da automoción.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2020 | Actualizada ás 11:09

Comparte esta noticia

O 85% do transporte do estado móvese por estrada e os profesionais do sector son de capital importancia nun momento de estado de alarma para evitar o desabastecemento pola crise do coronavirus. Os camioneiros en Galicia enfróntanse estes días a diferentes problemáticas como o peche de restaurantes, colas en fronteiras e falta de protocolos de hixiene nos lugares de recollida e entrega, así como escaseza de máscaras e luvas.

Así o trasladan en conversación con Europa Press, o coordinador xeral da Federación Galega de Transportes (Fegatrans), Alberto Vila, e o presidente da Federación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Fetram), Antonio Señarís, que analizan as principais dificultades que afrontan as 800 empresas do sector en Galicia, cunha frota de ao redor de 20.000 camións.

Os transportistas están a traballar "na medida do posible" con máscara e luvas, pero Vila considera que hai que "facilitar máis instrumentos para traballar nas mínimas condicións de hixiene que se necesitan" en zonas de carga e descarga, pois "non está a ser a cousa fácil".

"Si notamos moita falta de material de precaución", opina Señarís. Ademais, "en moitas fábricas segue habendo o protocolo de entrega de mercadoría, dos albaráns de documentación da viaxe, nunha sala de 20 metros cadrados con 15 ou 20 persoas, onde non hai nin o metro de separación".

A continuación, Señarís fala doutro exemplo que "non hai por onde collelo", trátase dun almacén en Narón dunha cadea de supermercados con todos os transportistas "amontoados".
Vila sostén que "preocupan" as condicións hixiénicas. Así, solicitouse ao Goberno que se poidan usar os aseos en áreas de servizo coas garantías "necesarias", dado que comeza a haber vetos nalgunhas fábricas.

PIDEN PUNTOS ESTRATÉXICOS CON RESTAURANTES

Outra complicación engadida é o peche de restaurantes decretado polo Goberno, o que complica as posibilidades dos camioneiros de alimentarse. "Está pechado todo e á xente que anda pola estrada hai que darlle unha solución", opina Vila (Fegatrans), quen detalla que se pediu ao Goberno que nas áreas de servizo "se poida vender comida en formato de cáterin".

Nesta liña, Señarís (Fetram) lamenta que hai "unha porcentaxe moi baixa de sitios" nos que poder parar. Aposta por que "todas as fábricas que teñan comedor ou un espazo para quentar a comida terían que prestalo aos transportistas". "O Ministerio de Transportes tería que coller un compás e marcar cada 300 quilómetros desde a Porta do Sol sitios onde pór centros habilitados só para transportistas en todas as autovías e estradas, con comedores, lugares seguros e vixiados", propón Señarís.

"Unha fatiga de conducir cunha mala alimentación é unha bomba de reloxaría na estrada", avisa Antonio Señarís. "Estamos totalmente esquecidos", apostila.

MÁIS TRABAS

Outra traba que teñen que sortear os transportistas son as fronteiras. Aínda que non hai restricións para o seu movemento, teñen que padecer grandes colas en puntos de control como Tui, así como entre Irún e Francia. Tamén reclaman os transportistas galegos que os talleres de reparación sigan abertos neste estado de alarma para poder proceder a arranxos en caso de ser necesarios.

Entre os aspectos positivos valórase a normativa para flexibilizar horas. Señarís indica que "é unha necesidade non só en tempo de crise sanitaria, senón que era unha demanda importantísima" que facilita "a volta a casa e a posibilidade de marcharse das zonas de risco".

Os "CONTRASTES" NO SECTOR

Unha das cuestións sobre as que reflexiona Alberto Vila é a situación de "contrastes" que vive o sector, dado que os camioneiros que se dedican ao envío de alimentos "están a traballar ao máximo das súas posibilidades" coa subministración garantida, mentres que os vinculados á automoción "están a parar" debido ao peche da planta de PSA Vigo e as diferentes auxiliares, o que afecta tamén a "moito transportista portugués".

A este respecto, Antonio Señarís contrapón a situación "un pouco caótica" que vive o sector da alimentación co estado "alarmante" para os relacionados coa automoción.

Un camión pasa o posto fronteirizo de Somport (Huesca) entre España e Francia tras o peche de fronteiras acordado polo Goberno, en Huesca / Aragón (España), a 17 de marzo de 2020.. Verónica Lacasa - Europa Press / Europa Press
Un camión pasa o posto fronteirizo de Somport (Huesca) entre España e Francia tras o peche de fronteiras acordado polo Goberno, en Huesca / Aragón (España), a 17 de marzo de 2020.. Verónica Lacasa - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta