Marín premia a idea máis orixinal para resistir o confinamento

Trátase dunha iniciativa da propia Policía Local, que abriu un espazo na rede para que os veciños e veciñas fosen facendo públicas as actividades coas que amenizan o seu tempo libre.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2020 | Actualizada ás 09:45

Comparte esta noticia

Neste tempo máis ca nunca cómpre facer comunidade, cómpre xuntármonos, compartir, darnos forzas e resistir os días complicados sen saír das casas que aínda veñen por diante. Nisto anda Marín e mais a súa Policía Local, que decidiu impulsar unha iniciativa para que toda a veciñanza que se anime a participar nela comparta a través do Facebook da propia institución as actividades do seu día a día para sobrelevar o aburrimento.

Unha das imaxes compartidas pola Policía Local de Marín
Unha das imaxes compartidas pola Policía Local de Marín | Fonte: Facebook Policía Local de Marín

Así pois, baixo o hashtag #Marínencasa, o corpo de seguridade pide que todo o que queira envíe unha fotografía sobre como ocupan as familias o tempo libre nas casas coas crianzas, as mascotas.... A dirección á que deben remitirse é PoliciaMarinEnCasa@gmail.com. Polo de agora, todas as propostas están sendo subidas aos comentarios dese mesmo post en Facebook, onde a veciñanza pode ir pinchando no 'gústame' ou no 'encántame' daquelas que vexa máis singulares.

A MELLOR IDEA LEVA PREMIO

Porque, ollo, cando finalice o estado de alarma e se levante o confinamento, o autor da fotografía que conseguira reunir o maior número de interaccións levará premio, dobre premio!: un detalle de agradecemento pola súa idea e unha cea para dúas persoas no restaurante El camarote-Marín. 

Por iso, a Policía Local avisa de que "canto máis orixinal sexa a idea, mellor". Ata o de agora, a veciñanza de Marín non está poñendo fácil esta competición: hai quen anda xogando ao pimpón na mesa da cociña con dúas sarténs e dous rollos de papel hixiénico como separadores; hai quen improvisou un billar, hai quen adorna con globos toda a fachada da súa casa... A cousa estará reñida, pero o caso é poñer a andar a imaxinación, pasalo ben, e levar con humor estes días en que debemos coidarnos moito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta