As escolas do rural, en perigo de extinción ante a falta de matrículas: o caso da escola infantil do Gaioso, en Santiago

A escola infantil do Gaioso, na parroquia compostelá do Eixo, ten a día de hoxe 9 matrículas, que segundo nos conta o pai representante das familias, Paul David Silva Pérez, para o ano pasarán a estar no límite entre o peche e a continuación. "Precisamos dárlle estabilidade a esta escola, non podemos estar sempre no límite, é moi agotador...", lamenta.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 05/05/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O 4 de xullo de 1808 a escola do Gaioso, na parroquia compostelá do Eixo, xa estaba en funcionamento. Como lembran os máis anciáns da zona, probablemente xa estivese funcionando como escola dende moito antes, pois recordan que nela xa había un mestre dando clases antes desa data, pero sobre o papel a data documentada é 1808. Agora, máis de 215 anos despois, non tendo pechado nin tan sequera durante a guerra, tendo pasado logo a ser fundación da igrexa tralo pasamento do seu fundador, Domingo Cepeda Raíces e, dende o 1956 sendo escola sen pechar nin un só día as súas portas, atópase en perigo de desaparecer. Non hai nenos. Non hai servizos. Non hai profesores fixos. Non hai axudas nin vontade por parte da Administración. Así o denuncian dende a AFA do colexio ao Galicia Confidencial. E, aínda que esta situación non é exclusiva do Gaioso, pode ser tomada como exemplo dunha realidade que está a afectar a centos de escolas por todo o territorio galego.

Escola de Educación Infantil do Gaioso, na parroquia compostelá do Eixo
Escola de Educación Infantil do Gaioso, na parroquia compostelá do Eixo | Fonte: EEI Gaioso

"Actualmente atopámonos con 9 matrículas", cóntanos Paul David Silva Pérez, pai dunha pequena que estuda nesta escola. Lembra que "xa o ano pasado o pasamos moi mal para atopar nenos, tras unha época postcovid que foi un 'anti-boom' demográfico. Agora todo volveu á 'normalidade', a normalidade dun país onde a falta de nacementos está afectando ao conxunto da sociedade, pero especialmente ás zonas do rural, onde nin sequera queda xente nova en idade de ter fillos. "No conxunto de Galicia pecharon en 10 anos unhas 160 escolas, máis do 90 % delas rurais", asegura este pai, que apunta que "algunhas delas pecharon por falta de servizos e matrículas, pero outras, por decisións estrictamente políticas".

En concreto, o número límite de matrículas que se deben cubrir para que unha escola do rural non peche é de 6, e aínda que nestes momentos no Eixo teñen 9, o futuro pinta negro: "Para o ano poderiamos quedar no límite, sexa pola finalización de ciclo ou por cuestións laborais das familias, polo que "precisamos dárlle estabilidade a esta escola, non podemos estar sempre no límite, é moi agotador...", lamenta Silva Pérez. 

"NESTAS ESCOLAS A FIGURA DA MESTRA É FUNDAMENTAL E XA LEVAMOS TRES ANOS CONSECUTIVOS CON INTERINIDADES"

De feito, conta que na escola do Eixo "despois de que a mestra que levaba 15 anos de servizo nela se xubilase, non volveu saír a praza con destino definitivo, cando é algo obrigatorio". E é que "nestas escolas a figura da mestra é algo fundamental, é o piar base, e xa levamos tres anos consecutivos con interinidades", lamenta Silva Pérez. E todo iso a pesares de que a normativa de educación infantil di que o neno é recomendable que estea coa mesma mestra ata os seis anos. Isto tamén perxudica á escola á hora de atraer nenos, pois "cada vez que celebramos xornadas de portas abertas a mestra ten que dicir que non sabe se seguirá alí o ano que vén e, polo xeral, nunca sigue". Este pai asegura que falou en persoa coa Dirección Xeral e que "me prometeron o ano pasado que se conseguía nenos este ano a praza de docente sairía con destino definitivo, e non só os conseguimos, senón que ademais chegou a 9 (cando só tiñamos 4 e faltaban só 2 prazas para cubrir o cupo)". Aínda con todo, e a pesares dos grandes esforzos das familias, a profesora con destino definitivo segue sen existir.

Por outro lado, para este pai, esta situación, aínda que inxusta, polo de agora non supuxo un gran atranco, pois "a nova fornada de profesorado que está saíndo é moi boa, moi profesional e moi implicada coas escolas rurais; o ano pasado foi fenomenal e este ano coa nova profesora estamos moi contentos, deulle un cambio total de imaxe á escola, tanto por dentro como por fóra". Ademais, as tres últimas escolas rurais de Santiago seguen o mesmo plan de formación e programación didáctica por iniciativa das mestras. Con todo, este ano a escola do Eixo foi a única da zona que non conseguiu ningunha matrícula, "non sabemos a razón exacta, porque as xornadas de portas abertas foron as mellores dende que estamos nós alí, pero ninguén puxo esta escola como primeira opción".

Lamenta que "a escola do Eixo, xunto coa de Bispo Teodomiro e a escola do Rial son as tres únicas de Santiago que non contan con servizo nin de madrugadores nin de comedor e competir sen estes servizos co resto de escolas de infantil é moi complicado", confesa Silva Pérez. A única escola que ten praza docente definitiva é a do Rial, que "para o ano vai ter case o cupo máximo das 20 matrículas", pois antes as escolas podían ter ata 25 matrículas por aula, pero agora o rateo baixou a 20, o cal, segundo este pai, "segue a beneficiar ás escolas que teñen servizos de comedor e madrugadores, ás concertadas e ás privadas que contan con ditos servizos".

"SEGUIMOS RECLAMANDO A CREACIÓN DO CRA COMPOSTELA: AS TRES ESCOLAS RURAIS DE SANTIAGO TEÑEN O MESMO PROXECTO PEDAGÓXICO"

Silva Pérez apunta que as escolas de Marrozos, Laraño e o Eixo están funcionando as tres co mesmo proxecto pedagóxico, cada unha coas súas particularidades, algo que normalmente só sucede no caso do CRA (Centro Rural Agrupado), pero que por iniciativa e implicación das mestras está sendo unha realidade aínda sen ser CRA. A vía en positivo, como explica, é que "estamos traballando insistentemente na idea da creación do CRA Compostela, con estas tres escolas rurais de Santiago (Gaioso, Bispo Teodomiro e O Rial), o número mínimo para poder establecer un CRA, e ese proxecto xa está presentado", aínda que, segundo confesa, "segue sen resposta por parte da Xunta de Galicia, o cal nos volve a poñer nunha situación de incertidume e indefensión".

A pesares de todo, as tres escolas están realizando as mesmas actividades, realizan xornadas de convivencia xuntas, excursións, comparten proxectos de inclusión e innovación docente e todo isto independentemente da mestra que toque, o cal é "outro punto forte para soster a captación do alumnado". "A formación do CRA é fundamental para a supervivencia destas escolas, entre as cales hoxe en día só a escola do Rial conta con boa saúde, pois esa zona medrou en poboación, está cerca de Bertamiráns e hai máis nenos", destaca Silva Pérez.

"AS FAMILIAS PRECISAN SERVIZOS E NESTA ESCOLA NON OS TEMOS, NOUTROS CONCELLOS ESTAS ESCOLAS TEÑEN TRANSPORTE, COMEDOR E MADRUGADORES"

Polo que respecta aos servizos, este pai é consciente de que "as familias precisan servizos e nesta escola non os temos". Por iso reivindica, en primeiro lugar, "a fixeza da mestra, algo fundamental nestas escolas e que non se dá logrado a pesares das presións que tamén se están exercendo por parte dos sindicatos (STEGA, CIG e UGT)". Tamén que se atenda correctamente as necesidades dos nenos con necesidades educativas específicas, TEA (trastorno do espectro autista), etc., porque "tanto a escola de Marrozos e a do Eixo estamos adscritos ao colexio de Lamas, que está obrigado a darnos asistencia nestes apoios, pero despois de moito loitar só conseguimos que nos concederan unha hora á semana, algo que é un insulto, un abandono e unha indefensión". "Só buscamos dignidade para todas as crianzas", reivindica. Neste aspecto, a creación do CRA Compostela sería a solución idónea para que as escolas conten cos seus propios recursos, especialistas e profesionais.

Ademais, mesmo tiveron falta de "mesas e sillas novas", porque "este curso empezamos con mobles do Ikea porque non nos cambiaban os vellos e oxidados que tiñamos a pesares de que estaban solicitados dende o curso pasado". E, por suposto, o que lle reclaman a maioría das familias é "o servizo de comedor". "Ter ao teu fillo nunha escola rural é verdade que esixe dunha implicación por parte das familias, sobre todo de tempo para poder xestionalo, porque noutros concellos estas escolas rurais funcionan con transporte, madrugadores e comedor, pero no concello de Santiago esta é unha discriminación histórica", confesa Silva Pérez, que asegura que a pesares de que a proposta de incorporar estes servizos foi levada a pleno e aprobada por unanimidade, non se puido levar a cabo pola contrato vixente, e dicían, dende o anterior goberno, que para crear un novo prego no servizo dependían da demanda, ao cal este pai resposta: "Como vai haber demanda destes servizos se as escolas polo de agora non os poden ofertar?". Neste sentido dende a AFA Gaioso seguen en contacto coa administración local na busca dunha solución.

"UNHA ALDEA SEN NENOS NON TEN VIDA, PERO SEN ESCOLA MORRE"

Silva Pérez asegura que "traballamos sempre en positivo e non perdemos a esperanza de atopar familias que valoren a nosa escola rural pola súa contorna conectada coa natureza, pola súa bicentenaria historia, polo ser gran patio verde con frutais único en todo Santiago...". Pero claro, é consciente de que non todo o mundo pode conciliar facilmente: "eu teño unha redución de xornada para poder coidar da miña filla, porque valoro que miña filla poida educarse nun entorno verde e natural, e necesito tempo para iso, pero non todo o mundo pode ou desexa facelo ou incluso hai xente que non pode ter axuda familiar na crianza para poder traer ao seu fillo ou filla ao Gaioso". A situación demográfica da parroquia do Eixo non é boa, máis dende a AFA Gaioso apuntan que si hai nenos nesa zona, o que precisan é que a veciñanza volva depositar a confianza nesta escola bicentenaria. "Unha aldea sen nenos non ten vida, pero sen escola morre", conclúe Silva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta