Virólogos da Universidade de Santiago: "O virus sobrevive poucos días no plástico, un día en papel e horas en moedas"

Recomendan pautas de hixiene como as medidas máis eficaces, airear a roupa e agardar un día para manipular libros comprados, entre outras medidas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/03/2020 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

Dous profesores virólogos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) analizaron a supervivencia do novo coronavirus covid-19 en distintas superficies e indicaron que, en xeral, pervive "poucos días" en superficies non absorbentes como o plástico ou o metal; como "máximo, un día" no papel ou cartón; e "só unhas horas" nas moedas.

Colas no exterior dun supermercado controladas por militares tras a declaración do estado de alarma pola pandemia de coronavirus
Colas no exterior dun supermercado controladas por militares tras a declaración do estado de alarma pola pandemia de coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

Con todo, os expertos virólogos da Facultade de Bioloxía Isabel Bandín Matos e Carlos Pereira Dopazo recomendan unha boa hixiene de mans antes e despois de ir ao supermercado ou ao facer a comida para manter as condicións de seguridade sanitaria.

Así mesmo, tamén recomendan que os produtos adquiridos nun supermercado e que veñen envasados en plástico, deberían ser transferidos a recipientes caseiros. En todo caso, inciden en que "o importante é que a carga viral nestes obxectos é baixa e que a probabilidade de infectarse tamén o é", xa que a medida que pasa o tempo a carga viral vaise reducindo.

Con todo, é "recomendable" lavar as mans con xabón tras volver do supermercado, volver lavalas tras baleirar a compra e novamente antes de preparar a comida.

En canto ao diñeiro, os virólogos sosteñen que é un "foco de transmisión" se non se ten coidado hixiénico nesta fase. A non manipulación de diñeiro en metálico e o uso de tarxetas ou outros sistemas de pago "contribúen á redución das actividades transmisoras do virus".

"O virus non se transmite vía alimentos", sinalan os expertos da USC, que indican a "importancia" de que as persoas que manipulan os alimentos tanto nos supermercados como nas reparticións a domicilio o fagan en condicións asépticas.

"O idóneo sería que os repartidores a domicilio cambien as luvas frecuentemente, pero isto pode ser contraproducente, se chegamos a un momento no que a subministración deste material se bloquee. Desinfectarse as mans enguantadas entre servizos non é mala idea, pero tampouco a subministración de desinfectante está asegurado", esgrimiron.

Así as cousas, sinalan que se o profesional non tocou nada da vivenda, "non debería supor un problema". No caso do peixe ou outros alimentos que se reparten a domicilio, "unha vez que se cociñan, non hai que preocuparse do virus".

A compra de libros en liña tamén implica tomar unha serie de precaucións. Bandín e Pereira recomendan non tocar este obxecto durante 24 horas, que é o tempo que o virus sobrevive neste tipo de superficies.

Unha vez que se sae do fogar, é recomendable ademais de lavar as mans con eficacia, airear a roupa durante 24 horas e, se é necesario, "lavar con deterxente os tiradores das portas".

En resumo, Bandín e Pereira conclúen que as pautas recomendadas son simples medidas de hixiene, que nesta situación "de risco, se deben extremar". Neste sentido, poñen o foco na desinfección dos teléfonos móbiles, que son "transmisores moi eficaces de axentes infecciosos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 O Xan

Pero se aguanta máis no plástico das tarxetas que nas moedas... E nós botóns dos números das tpv's? Non haberá algún interese raro en todo esto, do tipo «non se lle vaia escapar un patacón» ao fisco, bancos, etc?

2 Jon

Qué pasa cos repartidores De pan a domicilio que, en moitos casos, cobran No momento da entrga?

1 Gamela

Eu non son virólogo nin quero selo... pero hai dous días outros virólogos dun laboratorio de EUA segundo publicaba El Pais afirmaban que este virus permanece tres horas no aire, catro horas nas moedas, un día no cartón e ente dous e tres días no plástico e no aceiro inoxidable dun grifo... Se todo isto é certo, podedes estar tranquilos: TODOS INFECTADOS ! Se fóramos algo máis sensatos entenderíamos que é imposible aillar o AIRE, non vivimos en burbullas nin falta que fai... A VIDA é algo que SUCEDE mentras o 80% a penas terán síntomas pero contaxiarán ao resto, o 15% levanrán un bo susto e curarán mentras o 5% morrerá (porque tiña que morrer algún día) ? Como sigamos en Plan Virólogo tentando controlar o incontrolable e botándolle a culpa ao veciño que che proporciona a comida a VIDA deixará de ser un Lugar Habitable ! E convertirémola nun INFERNO!