Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2024 | Actualizada ás 14:14
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) traballan nunha investigación europea, xunto a máis dunha decena de institucións de cinco países, para reducir a captura incidental (non desexada) de megafauna mariña ameazada. Coordinado pola Universidade de Barcelona, o proxecto comezou en xaneiro de 2024 a súa actividade e prolongaranse ata decembro de 2027. Está financiado pola Unión Europea a través do programa Horizonte Europa.
O consorcio, formado por 13 institucións de España, Portugal, Francia e Reino Unido, contará cun orzamento de case 9 millóns de euros. Esta acción interdisciplinar busca proporcionar coñecementos prácticos que permitan mellorar os sistemas de observación, protexer a biodiversidade mariña e promover prácticas pesqueiras máis responsables.
A reunión de lanzamento do proxecto reúne en Barcelona desde este xoves e ata o sábado a máis de 40 representantes das 13 institucións que conforman o consorcio, entre as que se atopan tamén a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o CSIC a través do Instituto e Investigacións Mariñas e de varios dos centros do Instituto Español de Oceanografía.
Durante a primeira xornada de traballo, o consorcio Reduce abordará o contexto actual nos caladoiros de pesca de longa distancia e a situación da xestión pesqueira onde operan as frotas europeas, así como sobre o estado dos ecosistemas mariños no Atlántico centro-oriental. A reunión de lanzamento servirá ademais para, no seu segundo día, debater sobre a integración de datos de capturas incidentais de frotas europeas na zona obxecto de estudo xunto con información sobre o esforzo pesqueiro e a distribución de especies.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.