O crack que lle espera a economía galega: Ertes, despidos masivos e gran caída do PIB

O decreto do 14 de marzo establece que as empresas poden acollerse aos ERTEs en caso de que a súa actividade teña que parar por causas de forza maior. O Colexio de Xestores Administrativos de Galicia anunciaba o pasado luns o desbordamento das xestorías pola cantidade de ERTEs aplicados na nosa comunidade. Entre os sindicatos hai posicións que van desde cualificar de inxusta esta medida temporal e quen consideran reversibles as medidas do Real Decreto.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 25/03/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A economía galega camiña cara un gran buraco negro. Pode ser temporal ou pode ser permanente. Diso dependerá a duración desta crise sanitaria sen precedentes na nosa historia. A situación o pasado martes 24 de marzo era de 13.976 ERTEs, con 71.084 traballadores afectados. Os Expedientes de Regulamentación Temporal de Emprego (ERTEs) están afectando con maior ou menor incidencia a todos os sectores produtivos. O propio Colexio de Xestores Administrativos de Galicia sinala que a situación de medo ao contaxio e a incerteza sobre o futuro laboral, leva a moitas PEMES e autónomos a solicitar a paralización temporal da súa actividade.

Obreiro
Obreiro

A decisión gobernamental de paralización temporal da actividade económica, non é contemplada como unha solución ideal polas forzas sindicais. Aínda así, existen matices dentro da análise dos principais sindicatos galegos, mais todos teñen en común o temor a medidas drásticas logo de que finalice o período de corentena.

AVALANCHA DE ERES

Os máis de seiscentos despachos colexiados de xestores administrativos están “traballando contra reloxo para responder ás demandas dos seus clientes”. Porque nada máis se anunciaran as medidas, PEMES e autónomos acudiron aos seus xestores e xestoras para facer fronte a un momento cando menos inseguro. Desta maneira, o propio Colexio de Xestores declaraba nun comunicado do 23 de marzo que “nalgúns despachos o 90% dos clientes xa manifestou a súa intención de abrir EREs”. Tamén que, negocios con permiso para abrir, como as ópticas ou profesionais da saúde temen non poder acceder ás axudas do Goberno”, pois non teñen obriga de pechar.

“O primeiro que se debe facer é informarse sobre o ERTE, que é, como se aplica, que debe facer para declaralo antes de iniciar calquera trámite” di Pilar Otero, presidenta do Colexio de Xestores Administrativos. “Hai que ter en conta ademais que cada empresa ten as súas circunstancias, por iso insistimos na importancia de ter as cousas ben claras antes de aplicar o ERTE”. Con todo, Pilar Otero recalca que estes expedientes son “reversibles”.

Carpinteiro, traballador, Seguridade Social. MINISTERIO DE EMPREGO - Arquivo
Carpinteiro, traballador, Seguridade Social. MINISTERIO DE EMPREGO - Arquivo

“O ERTE finaliza cando finaliza a corentena, a partir dese momento automaticamente a persoa afectada polo expediente volve ao seu posto de traballo que debe estar garantido polo menos seis meses” di Pedro Blanco de UGT-Galicia. Eses seis meses están garantidos por lei, cousa que non impediría que a empresa pasase do ERTE a aplicar un ERE, unha opción máis drástica. “Podería ser, mais a parada de produción ten que ser por causa de forza maior para as empresas que deben deter o funcionamento” di Maica Bouza de CCOO-Galicia.Creo que se optou pola peor saída e a máis inxusta que é presentar EREs e ERTEs, isto permitirá o abuso da patronal cara os traballadores” di Paulo Carril, secretario xeral da CIG.

CONTINUIDADE DOS POSTOS DE TRABALLO

Os motivos de peche por “causas de forza maior” como sería a afectación dunha empresa polo COVID-19, permite abrir un ERTE a esa empresa. Durante o período de peche temporal, as empresas teñen unha serie de vantaxes definidas no Real Decreto, como as cotizacións á Seguridade Social por parte desas empresas. O temor vén, como xa se dixo antes, dun posible despedimento dos e das empregadas, quer por ERE quer de maneira individualizada.

As medidas si favorecen ás empresas en canto cotas á Seguridade Social e outros puntos en caso de presentaren ERTE, o que non se garante é a continuidade no posto de traballo logo do período de seis meses posterio á finalización do expediente” di Pedro Blanco. Sobre esa inseguridade laboral, Paulo Carril apunta que as medidas do Goberno central aproveitan a crise actual “para darlle outra volta máis ás políticias neoliberais que se están aplicando noutras partes, e a iso sumarlle a recentralización administrativa invadindo competencias autonómicas”.

Todo isto colle a Galicia xusto cando se daban os primeiros pasos de recuperación logo do que foi o período máis crítico da crise iniciada en 2008. “Galicia foi das últimas comunidades en entrar no bucle da crise de 2008, xa se daban pasos cara a recuperación, mais esta crise do COVID-19 colleunos a todos por igual” describe Maica Bouzas que tamén lembra algo importante, que aínda quedaban por recuperar case 100.000 postos de traballo desde o 2008.

AXUDAS ECONÓMICAS E SAÍDA DA CORENTENA

A falta de crédito foi un dos detonantes para que estoupase a crise económica e as consecuencias que sentimos desde hai doce anos. O Goberno central anunciaba a pretensión de mobilizar case 200.000 millóns de euros para un plan de choque económico, o obxectivo é non deixar caer a economía. Medidas económicas que buscarían desde liñas de crédito con intereses baixos ou sen eles, o estudo de parar os alugueres un tempo e tamén o estudo dunha renda mínima.

A Unión Europea, sempre moi reticente ás axudas deste tipo desde 2008, todo por manter os índices de déficit, agora anuncia compra de material sanitario e a relaxación fiscal por valor de 20.000 millóns de euros, segundo a Presidencia da UE. Permitirá todo isto saír da temida crise económica que auguran algunhas voces da economía europea? “A nós o que nos preocupa é que esas axudas son insuficientes e as medidas que se toman son inxustas” di Paulo Carril, que engade “a implementación de políticas públicas son de urxente necesidade”.

“Debemos ter en conta que isto é unha paréntese, non é unha recesión, terían que cambiar moito as cousas para que iso acontecese” apunta Pedro Blanco. “Non vexo a sensación de derrota que había en 2008, si que vexo preocupación entre a xente pola súa saúde”. Sen sensación de derrota, mais as axudas son necesarias inmediatamente, segundo as fontes consultadas. “Os estímulos económicos tardarán un tempo en ter efecto, tamén estamos nun estado de alarma e non deu tempo a ver se había colchón abondo” analiza Maica Bouza. Con todo, e con estímulos anunciados, Bouzas lembra que “Inditex quería aplicar un ERTE cando tivera uns beneficios de 3.900 millóns de euros, aí foi cando dixemos: non podedes aguantar uns meses logo de semellante saldo?” E situacións así poden repetirse.

Pilar Otero, do Colexio de Xestore, recomenda calma “de momento estamos no comezo, por iso a decisión sobre un ERTE debe tomarse de maneira consciente e esperar a resposta da Administración”. Otero ademais lembra que actualmente existen ferramentas telemáticas para suplir a falta de atención persoal en oficinas, por iso o Colexio está ultimando un plan de choque para “paliar as consecuencias económicas e axudar aos despachos neste período de crise”. Tamén lembran que o colectivo profesional solicitou ao Goberno central que amplíe polo período dun mes o prazo de cumprimento de todas as obrigacións administrativas para asegurar que as PEMES e autónomos poden facer fronte a ditas obrigacións.

De momento a avalancha de ERTEs segue. Os sindicatos e profesionais administrativos piden cautela e estudar a fondo a situación da empresa ou da persoa profesional autónoma antes de presentar a solicitude. Xunto a isto, piden tamén estar sempre atentos a todas as liñas de crédito, axudas e opcións que as diferentes administracións estean aportando.

CONCESIONARIOS E SECTOR DE AUTOMOCIÓN

Os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) en 189 concesionarios en Galicia afectarán a un total de 6.500 traballadores, segundo estimacións da patronal, Faconauto. Nun comunicado, sinala que estas medidas están "encamiñadas a protexer o emprego no sector e a dar continuidade ás empresas", as cales afectarán a 151.000 empregos en España.

Os concesionarios de automoción están a acollerse maioritariamente a ERTE por causa de forza maior, incluído no decreto de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do coronavirus. Mentres, uns 10.000 empregados manteranse operativos en todo o territorio estatal para atender as peticións de servizos urxentes dos sectores estratéxicos para a xestión da crise provocada pola pandemia.

A actividade dos concesionarios cesou totalmente desde que se declarase o estado de alarma, tanto no seu parte comercial como no seu parte de posventa, salvo os servizos de urxencia que estableceron, o que provocou unha caída nas súas vendas de vehículos novos do 85%, mentres que os traballos nos talleres caeron un 99%.

Faconauto cuantifica en preto de 2.500 millóns de euros o impacto do período de estado de alerta sobre a facturación das redes de concesionarios. Por iso, pediu celeridade, na medida do posible, para a súa tramitación administrativa e que haxa uniformidade de criterios nas comunidades autónomas á hora de resolvelos.

ERTE EN EL CORTE INGLÉS

El Corte Inglés presentou este mércores ante o Ministerio de Traballo un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) por causa de forza maior para un total de 25.900 empregados, segundo informou a compañía nun comunicado.

En Galicia, a cadea conta con centros no catro provincias que van desde grandes superficies comerciais, pasando por outlets ou establecementos de Viajes El Corte Inglés. En concreto, a firma presidida por Marta Álvarez acolleuse ás medidas habilitadas polo Goberno e recollidas no Real Decreto 463/2020 de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma con motivo da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19.

Perda de emprego en comunidades polo coronavirus, segundo Ceprede. CEPREDE
Perda de emprego en comunidades polo coronavirus, segundo Ceprede. CEPREDE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Tuiop

Pero seguro que los liberados sindicales de la Xunta se siguen forrando entre cubata y cubata

1 Tupia

Se é verdade o que dis, denúnciao. É a TÚA responsabilidade. Ou estamos ante outro "caladiño" máis..?