Todo o que debe mudar

Don Miguel de Unamuno é autor de varias frases que xa forman parte da cultura popular no Estado español. “Venceredes, pero non convenceredes”, pronunciada o 12 de outubro de 1936 no paraninfo da Universidade de Salamanca, resume perfectamente un momento histórico, aínda que D. Miguel nin sequera puidera chegar a percibir ata onde ían chegar os sublevados no emprego da barbarie e a forza bruta para impoñer a súa sen razón.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 03/04/2020

Comparte esta noticia

Alejandro Amenábar plasma moi ben a situación nos últimos minutos de “Mentres dure a guerra”. Os sucesores de Millán–Astray seguen facendo méritos para que a frase siga vixente mais de 80 aos despois, e sobre todo a parte da intervención do reitor salamantino na que dí: “Venceredes porque tedes sobrada forza bruta…”. A falta de razón agochase sempre baixo proclamas encendidas, adxectivos hiperbólicos e propostas autoritarias, é no que se crian e é o que saben, como botón de mostra so temos que escoitar estes días a Santiago Abascal , exemplo sempre sobresainte de carroñeria política, pouco edificante e escasamente patriótico.
Outra das frases de Unamuno que teñen pasado á cultura popular é a de “Que inventen eles”, pronunciada, ou mellor dito escrita, trinta anos antes da que resoou en Salamanca, nunha polémica que mantivo co Ortega y Gasset. En xullo de 1906 Unamuno escribía poñía nos beizos dun personaxe de ficción as seguintes palabras “Invente, pois, eles e nos aproveitarémonos das súas invencións. Pois confío e espero que estarán convencidos, como eu o estou, que a luz eléctrica alumea aquí tan ben como alí onde se inventou”.  Nisto Unamuno estaba errado. Non, a luz non alumea o mesmo aquí que no sitio onde se inventou, todo sexa porque inventala significa ter unhas capacidades que non se teñen que dar no lugar no que se usa, e que igual que se inventou a luz eléctrica outras cousas poden xurdir do mesmo xenio, o que non se consigue encendendo e apagando unha lámpara.

O presidente de Vox, Santiago Abascal, en rolda de prensa na sede do partido. Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo
O presidente de Vox, Santiago Abascal, en rolda de prensa na sede do partido. Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo

Si o “Que inventen eles” foi unha maldición que perseguiu á economía española durante décadas, que sigue viva e coleando, só fai falta ver as estatísticas oficiais sobre gasto de I+D+I en España público, e sobre todo privado, e como evolucionou durante a crise económica. Nas últimas décadas, a primeira maldición veuse acompañada por outra que se resume en: “Que fabriquen eles”, esta vez frase anónima.

Aínda que non sirva de consolo, nese “Que fabriquen eles” non estamos solos. Durante as últimas décadas case todos os países avanzados sofren un proceso acelerado de desindustrialización, de deslocalización de actividades industriais cara aos países con salarios baixos, nomeadamente China, constituída na fábrica do mundo. As cifras do peso da industria entre as diferentes economías nacionais varía moito, e mais varía a composición dos produtos que compoñen a produción industrial. Dentro da zona euro en 2018 a produción industrial supoñía, de media, o 20% do PIB, pero atopamos situacións moi diversas, incluso entre as economías de maior peso, en Francia apenas é un 14% mentres en Alemaña case chega a un 26%, sobre todo centrado na produción de bens de contido tecnolóxico alto. España situase nunha posición intermedia, un 17,7%. En todos os casos porcentaxes sensiblemente inferiores aos do último cuarto do século XX.

O declive industrial ten feito, xa hai algún tempo, saltar alarmas. As consecuencias positivas dos procesos de globalización, a curto prazo, son evidentes, na forma de produtos mais baratos, aínda que non sempre as rebaixas nos costes se trasladen aos consumidores, pero as consecuencias negativas comezan a ser tamén evidentes. A desindustrialización é seguida de procesos de terceiarización da economía, nos que abundan os traballos precarios e mal pagados, aprofundando as brechas entre clases sociais.

En Estados Unidos esta situación ten dado lugar a importantes debates, políticos, e tamén académicos, que tentan pescudar as consecuencias, a medio e longo prazo dos procesos de deslocalización e como estes inflúen nas capacidades innovadoras da economía estadounidense, que non deixan de ser as capacidades para crear riqueza. Son destacables dous libros produto do traballo de equipos de investigación do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, MIT, integrados na Production in the Innovation Economy Commission: Making in America: from innovation to market, coordinado por Suzanne Berger, e Production in the Innovation Economy, coordinado por Richard Locke e Rachel Wellhausen. As conclusión destes estudios son bastante claras: a falta de capacidades industriais, a falta dun sector industrial potente pode acabar pasando factura á capacidade dun país para innovar.

Hoxe a falta de capacidades industriais volta a estar, traxicamente, de actualidade. A crise sanitaria provocada polo COVID19 ten posto sobre a mesa as escasas capacidades en España, e mesmo en Europa, para producir, en cantidades mínimas sequera, bens imprescindibles para loitar contra a pandemia que entre nos vai camiño, acelerado, de levar por diante a mais de 10.000 persoas: mascarillas, respiradores, test de detección… A marchas forzadas as fábricas reconvértense e en cada unha téntase arrimar o seu grao de área nunha tarefa titánica, contra o tempo.

Despois desta crise teñen que mudar moitas cousas. Teñen que mudar as políticas de privatización que as dereitas teñen imposto en tantas comunidades, nomeadamente as políticas de privatización da sanidade. É claro sobre as costas de quen está caendo o peso de superar esta crise. E algo que non podemos esquecer.

Temos que fortalecer o sistema de protección social e de resposta a emerxencias, porque temos que interiorizar que o que pasa hoxe pode voltar a pasar. E temos que pensar en que capacidades produtivas debemos manter perto. Mais alá dos beneficios, para algúns, a curto prazo, debemos pensar a medio e a longo prazo, e pensar socialmente.

Hai anos os movementos campesiños dos países en vías de desenvolvemento, por exemplos os agrupados en Vía Campesina, acuñaron o termo “soberanía alimentaria”, que definen como “o dereito dos pobos, dos seus países ou unións de Estados a definir a súa política agraria e alimentaria, sen dumping frente a países terceiros”. Tal vez sexa o momento de definir a necesidade de manter capacidades mínimas en distintos sectores, que é preciso manter dentro de determinados espazos. A globalización pode ser positiva, pero debe ser regulada.

Mañá deberemos pensar si un sistema, como é o sistema capitalista neoliberal, despiadado e insolidario, é o sistema que queremos: un sistema que está a facer negocio coa necesidade tal e como estamos vendo, multiplicando os prezos de produtos imprescindibles, deixando ao pairo a millóns de persoas… O capitalismo necesita bridas, librouse despois da desfeita de 2008. Non voltemos a errar mañán.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.