Ser invidente en tempos da COVID: "Nunca pensei que botara en falta o ruído da cidade"

É o que conta Jesús Suárez. Nestes momentos no que o silencio é protagonista nas rúas, as referencias sonoras para el, e tamén para Carme e Felipe, mudaron. E agora que o contacto con outras persoas se volve inseguro, eles, que ven coas mans, din sentirse máis perdidos. Aquí van as súas historias de confinamento.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O silencio fíxose coas rúas. Hai xa tempo que non se escoita balbordo nas terrazas e nos bares, que os coches non fan soar as súas bucinas en atascos infinitos, que as trades non furan en obras en cada esquina... Tamén calou o ruído comunitario, da veciñanza activa - esa media conversa que pillas cando pasas por diante dunha tenda ou esa gargallada que sobresae dende o outro lado da beirarrúa -. As persoas confinámonos nas nosas casas e, no canto, os paxariños vense donos dun espazo sonoro máis libre.

Un can guía de axuda a persoas invidentes
Un can guía de axuda a persoas invidentes | Fonte: ser.es

A contaminación acústica baixa e a cidade vólvese máis "camiñable". Nótano ben as persoas invidentes, para quen os ruídos significan moito máis que para calquera outra persoa, e que nestes días habitan os espazos - ese camiño cara a tenda do barrio ou cara á farmacia - dun xeito moi diferente.

A EXPERIENCIA DE CARME

"Todo ese ruído que antes tanto me molestaba, ese que nos desconcentraba e nos facía perder as referencias, agora, paradoxicamente, estrañámolo moito". Quen fala é Carme Lucía Villalobos, unha muller invidente que vive en Compostela e que sente o silencio da rúa dende o interior da súa vivenda. "É incrible, irreal, non es capaz de entendelo!".

Ela leva sen pisar a cidade dende o día 12 de marzo. Ten a sorte, conta, de que o seu marido se encarga de facer a compra e o resto de recados que precisan no día a día. "Hai que ter en conta que nós temos unha dificultade engadida: a xente ve cos ollos, pero nós vemos coas mans". Tocar é inherente á súa forma de vivir, cousa que xusto neste tempo resulta o menos recomendable. Os guantes para eles tampouco son a solución, porque "che quitan máis vista da que xa non temos, quedas sen tacto". Por iso, e xa que "o medo é libre!", Carme séntese na casa nun espazo seguro.

Segundo os datos da ONCE, en Galicia hai 3.802 persoas cegas, das cales o 40% son persoas maiores de 65 anos. O 25% delas non ve nada e o 75% restante ten algún "residuo visual" que lle permite certa autonomía. Carme Lucía bota en falta esa quedada cos amigos, esas actividades ás que sempre acudía. Mais o día váiselle pasando entre chamada e chamada e algunha que outra videoconferencia. "Aínda que a nós non nos interesen, así os amigos poden vernos; ás veces reunímonos ata 10 persoas, coa taza de café na man e todo!", fala riseira. "Se me contan todo isto hai dous meses, diría que o ía levar moi, moi mal; pero crear rutinas no día a día axúdame".

A EXPERIENCIA DE JESÚS

Na outra cidade grande da provincia, nun piso céntrico da Coruña, Jesús Suárez fai todo un percorrido coa súa man ata chegar ao botón do ascensor. Realiza esta manobra cada vez que baixa facer a compa ás tendas de toda a vida. "Son máis pequenas e está todo máis controlado", conta. "Non se me ocorre meterme nun gran supermercado". Por seguridade e tamén por concienciación: "As tentas de barrio teñen moita importancia e creo que están funcionando moi ben", reivindica. Así pois, bastón nunha man e bolsas na outra, camiña polos lugares que xa ten ben aprendidos na memoria.

"Agora só se escoita silencio, notas esa sensación de cidade baleira, de que non te cruzas con ninguén, de que non hai coches... Todo iso xérame certa inseguridade". Se Jesús se atopara perdido ou con algunha dúbida, tería máis dificultades agora para preguntar ou buscar referencias. "Nunca pensei eu que o balbordo da xente e o ruído da cidade se podía botar tanto en falta", relata. "Para nós os ruídos significan moito máis ca para outras persoas". Agora, cando se achega a un cruce de rúas, non ten as referencias dos coches tan claras, polo que se ve na necesidade de "poñer máis atención". 

A distancia de seguridade con el débena marcar o resto de persoas que camiñan pola rúa. Esta medida tamén se pode volver un problema engadido en momentos puntuais. "A xente sabe que te ten que tocar para axudarche a facer algo, pero agora ten medo a achegarse...". Ou che falan con claridade, di Jesús, ou realmente pode un sentirse "nunha illa". "Se ocorrese algo, non está ninguén ao teu lado, quedas parado, metes un berro... Non sabes ben como facer", recoñece.

De volta da compra, Jesús deixa o bastón na entrada da casa. "É un elemento que toca toda a rúa, moitísimas superficies por onde alguén puido cuspir, tirar unha cabicha... Trátase dun foco de infección importante, por iso non toca a miña casa". 

A EXPERIENCIA DE FELIPE

Preto de Jesús, no barrio de Montealto, vive Felipe Cotelo. El ten un Gadis xusto debaixo da súa casa, pero tamén prefire ir ao pequeno comercio. O que máis o limita, conta, "é esa sensación de non saber exactamente se podes entrar, se tes que esperar, se estás na distancia adecuada... Estás un pouco perdido". Iso si, pola rúa camiña agora moito máis lixeiro. Nin se atopa con carteis de bares, nin con tanta obra, nin con ningún outro atranco que lle impida andar con tranquilidade. "O pouco que saes, nótalo". "Ás veces o ruído do tráfico oriéntate, pero cando é demasiado déixate a dúas velas, porque nin ves nin oes". 

Felipe realiza talleres de coiro, fai teatro e forma parte dunha coral dentro da Asociación de Afectados por Retinose Pigmentaria, a enfermidade que o deixou sen vista. Agora todas esas actividades paralizáronse e enfróntase á futura volta progresiva á normalidade non sen medo. "Sénteste diante dun precipicio no que non sabes que facer", relata. "Para nós é moi difícil manter as distancias; entras nun bus e tes que ir tocando para ubicarte... Iso prodúceme un pouco de inquietude". Máis aínda cando intúe certa "psicose" ao contacto. "Pouco a pouco e paso a paso".

Carme tamén pensa que, logo de que se levante o estado de alarma, esperará un chisco máis para saír. "Pouco a pouco", di ela tamén. "Iso si, estrañamos moito os abrazos, os bicos, e todas esas cousas!". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta