Por Alberto Quian | Madrid | 02/12/2012
As redes sociais en liña viñeron para amplificar a nosa vista, o noso oído e as nosas conversas, pero tamén terían que ter agudizado o sentido crítico e a dúbida que deben aflorar no medio do fluxo caótico e masivo de informacións, comentarios, opinións, rumores e bulos que se verten a un ritmo endiañado nestas canles de comunicación. Con todo, parece que isto non está sendo así. De feito, estámonos afacendo a ser infoxicados e confundidos cada día por todo tipo de desinformacións e rumores que se viralizan pola Rede. Calquera usuario habitual de redes como Twitter ou Facebook terá sido algunha vez testemuña ou ata vítima dos bulos e rumores que sen contrastar circulan e contaminan a Rede, contaxiándose de usuario a usuario.
Contaxios que se producen sinxelamente pola fe, a emocionalidade, a paixón e/ou a empatía que conecta a uns usuarios con outros, convertendo actos tan aparentemente inocentes como un "retweet" en Twitter ou un "compartir" en Facebook en accións irracionais que poden ata ter efectos nocivos non só para o individuo (situalo fóra da realidade e afastado da verdade), senón tamén para o grupo (unha mentira compartida mil veces nas redes sociais transformarase en verdade e alterará ou condicionará actitudes e comportamentos grupais).
O último e sangrante exemplo en España foi a polémica suscitada pola emisión no programa 'Salvados' titulada ‘Oligopoly: o xogo da enerxía’, dirixido por Jordi Évole e Ramón Lara e emitido en La Sexta o pasado 18 de novembro. O programa deixaba en moi mal lugar ás eléctricas españolas e causou a lóxica e esperada axitación e contestación por parte da patronal das compañías enerxéticas. Ata aí, nada fóra do normal. Pensar que as eléctricas non ían buscar exercer o seu dereito a réplica e xustificación estaría fóra de calquera lóxica e intúo que tamén do guión da propia produtora do programa, El Terrat. Así que o comité de comunicación da patronal eléctrica Unesa decidiu enviar unha queixa a José Manuel Lara, presidente do Grupo Planeta e de Antena 3 e La Sexta, para pedir unha “compensación” polo trato recibido en 'Salvados', esixindo un espazo onde poder reparar a súa imaxe. Nada escandaloso, todo o contrario, agás pola "esixencia". O dereito a réplica alimenta un sistema democrático. Que Unesa buscase exercer ese dereito non debese, pois, escandalizar nin alterar os ánimos de ninguén.
Con todo, esta carta motivou un exercicio de invención, interpretación, suposición, imaxinación... do que se extraeu a conclusión de que a patronal eléctrica tería exercido presións sobre Lara para que retire o programa 'Salvados'.
Sinceramente, e dado o estado de decadencia absoluta de España en todos os niveis que podamos analizar, non sería algo que me puidese sorprender. Pero como individuo que busca a información veraz, debía cuestionar o que simplemente era un rumor mentres non se demostrase o contrario. E ninguén, polo menos ata este momento, o fixo, malia o cal moitos deron por certo o rumor, sen contrastar, sen comprobar, sen verificar, sen querer coñecer a verdade e os seus matices por ningún método nin por ningunha canle. Porque a información para moitos parece ser unha cuestión de fe, non da razón. Así que o rumor —e atrévome dicir xa o bulo— circulou e se expandiu polas redes, e o ridículo chegou a tal punto que ata miles de persoas empuxadas pola súa fe —77.739 mentres escribo isto— asinaron nunha acción posta en marcha na plataforma Change.org para evitar que o señor Lara se cargue o programa 'Salvados'. Ninguén preguntou a quen xerou o rumor que información tiñan, cales eran as súas fontes, se as contrastaron... Son as cousas do mal chamado xornalismo cidadán.
Igual de grave é que o supostamente ben chamado xornalismo profesional se fixese eco dun rumor sen contrastar, elevando a noticia unha acción sen fundamento algún.
Como se pode ler na petición a través de Change.org, non existe fundamento nin proba algunha, só suposicións, medos, temores... que se expresan claramente nos "parece que...", "témome que...", "pode..." dun texto que non aporta nin un só dato ou proba da presunta ameaza para retirar 'Salvados' da programación de La Sexta. Velaquí os dous últimos parágrafos dese texto sen pés nin cabeza que tenta xustificar a ciberacción que tantos miles de apoios recibiu:
Lo de Jordi Évole los ha descolocado. Por primera vez un periodista quijotesco se atreve a arremeter contra los colosales molinos. ¡Y con un 12% de audiencia! Porque no les importaría si lo siguiesen cuatro gatos, pero eran varios millones los que estaban viendo el programa. Esto ha provocado una airada protesta (o amenaza) del oligopolio, que se ha dirigido a Manuel Lara, presidente del Grupo Planeta (que controla Antena 3 y la Sexta) para exigirle un espacio en el que poder lavar su imagen. Me temo que la temeridad de Jordi Évole, el periodista más valiente que tenemos hoy en España, puede costarle el programa. Por favor, no os lo perdáis el próximo domingo. Hay que darle un 15% de audiencia para que, si Lara cede a la presión de los ladrones del oligopolio y retira el programa, que no se diga que fue por falta de seguidores. Es necesario proteger a los que dan la cara por todos.
Todo suposicións, nada máis, aparentemente mesmo inofensivas, se non fose porque os rumores e os bulos na Sociedade Rede teñen un poder de viralización extraordinario e poden acabar intoxicando a masas de xente, como foi o caso. Tería bastado contactar con El Terrat e indagar neste asunto para tentar clarificar se houbo ameazas, presións, intencións, insinuacións de liquidar 'Salvados' ou se simplemente a patronal, como certamente se publicou, só procuraba o seu lexítimo dereito a réplica e mesmo de crítica, do que ninguén pode desproveer a ninguén nun sistema democrático (outra cousa ben distinta son as formas e o abuso de poder que se poda cometer para acadar ese dereito de réplica). De aí a deducir que hai ameazas para censurar 'Salvados' hai un treito imaxinativo e especulativo bastante grande.
Para resolver, polo menos de momento, este tema, copio e pego aquí o correo electrónico que amablemente me pasou a compañeira Viki Costas coa resposta de Yolanda Lafuente, do departamento de prensa de El Terrat, á súa solicitude para intentar aclarar a verdade sobre o que circulou estes días pola Rede en relación ao caso 'Salvados' vs Unesa:
Hola Victoria: Es cierto que se ha generado por un movimiento espontáneo de los seguidores de Salvados para dar apoyo a Jordi después de la carta que Unesa le mandó al Sr. Lara, para manifestar su disconformidad con el programa Oligopoly y reclamar un espacio en Antena 3 (no Salvados) para justificarse. Esta carta ha suscitado sospechas, entre los seguidores, de que podían llegar a retirar el programa, por la presión de las eléctricas al Grupo Planeta. En realidad al programa no le consta, al menos, nadie nos ha notificado la intención de retirarlo. En ese aspecto nuestro equipo está tranquilo. Y por lo que se refiere al respaldo de los ciudadanos, qué decir... estamos alucinados, asombrados y muy muy agradecidos. Un saludo Yolanda Lafuente
Preguntar, contrastar, corroborar, verificar... seguen sendo asuntos clave por resolver nos chamados medios sociais, onde ás veces as paixóns e os actos de fe xogan contra a verdade.