Aposta por Cabozo

Galicia Confidencial converteuse no primeiro medio de información presente na rede social galega Cabozo. Un paso natural e lóxico que deu este diario online na súa estratexia de consolidación como medio profesional e de referencia en Galicia.

Por Alberto Quian | Madrid | 08/04/2011

Comparte esta noticia

Hai agora un mes, Xurxo Salgado, director de GC, propúxome facerme cargo da estratexia e da xestión das redes sociais deste diario, no que colaboro desde maio de 2010. Aceptei por ese encanto que teñen para min os proxectos comunicativos en fase de desenvolvemento.

A última semana de marzo puxemos en marcha o plan estratéxico para redes sociais. Entre os nosos obxectivos:

  • Potenciar as redes sociais como plataforma de distribución dos nosos contidos.
  • Fortalecer a imaxe de marca de GC e crear comunidade entre os nosos lectores.
  • Establecer vínculos moito máis estreitos e multidireccionais coa nosa audiencia e coñecer mellor os seus intereses e necesidades.
  • Interactuar e conversar con cidadáns, pero tamén con colectivos, asociacións, ONG, institucións, políticos e partidos, representantes da cultura…
  • Sondar a opinión de todos eles sobre temas de actualidade.
  • Escoitar as súas opinións e suxestións e retroalimentarnos.
  • Fomentar a súa participación e cooperación.
  • Xerar sinerxías con outros xornais e blogs amigos.
  • Buscar fontes de información nas redes sociais.
  • Identificar tendencias e historias de interese.
  • Incorporar as redes sociais ao exercicio xornalístico.

Unha das miñas prioridades foi incorporar a GC a Cabozo, unha rede social netamente galega. Era, como xa dixen, un paso natural que había que dar. A noite do pasado domingo 3 de abril, GC converteuse no primeiro medio de información que forma parte desta comunidade web galega que conxuga o mellor de Facebook e Twitter.

É evidente que para os demais medios galegos esta rede non ten aínda suficiente atractivo. Nun exercicio de especulación podemos pensar que isto se pode deber ou ben a que descoñecen esta rede social (o cal poría en dúbida os coñecementos dos responsables online destes medios sobre a actualidade dixital local), ou ben a que cren que o proveito e a utilidade que lles pode proporcionar Cabozo son moi limitados polo seu número actual de usuarios (3.521 caboceiros), ou ben a medos atávicos e absurdos prexuízos que frean aos medios galegos –onde o uso do castelán está moi arraigado– a introducirse nunha rede social netamente galega e a interactuar coa súa comunidade. Sexa como for, cometen un craso erro.

Certamente, o feito de que GC estea a situarse como medio de referencia para a comunidade galegofalante e a sintonía que mantén con Cabozo animaban a introducirse na única rede social galega e en galego construída en Galicia con código propio. Pero había máis motivacións: unha, contribuír coa marca GC ao desenvolvemento dun espazo propio de conversación na rede para os cidadáns galegos; outra, atender a un nicho de usuarios clave para GC e, obviamente, sacar vantaxe á competencia.

A análise fácil e inxenua converte aos 3.521 membros de Cabozo nunha anécdota dixital prescindible comparados cos máis de 500 millóns de usuarios de Facebook e os 200 millóns de Twitter. Pero esa non é a lectura que fixemos nós. É obvio que ningún medio galego pode aspirar a ser seguido nin sequera pola milésima parte dos usuarios de Facebook e Twitter. O medio líder en Galicia, La Voz, ten 6.743 seguidores en Twitter e 15.731 en Facebook; Xornal de Galicia conta con 1.906 seguidores en Twitter e 6.544 en Facebook; no caso de Faro de Vigo, a súa conta en Twitter é seguida por 685 usuarios (cen menos que GC) e en Facebook está nos 5.000 (igual que GC); e Galiciaé ten 133 seguidores en Twitter e 2.136 en Facebook. Con estes datos na man, parece obvio que unha comunidade de 3.521 usuarios locais non debe ser ignorada nin menosprezada por ningún.

Así e todo, para GC non era unha cuestión só cuantitativa, senón máis ben cualitativa. Cabozo é unha comunidade cun gran potencial, en pleno desenvolvemento e netamente galega; é dicir, Cabozo é unha gran oportunidade para GC. E, sen dúbida, o recibimento que nos deron é tan insólito e extraordinario nunha rede social, como esperanzador e ilusionante.

Evidentemente, Cabozo ten cousas que mellorar, como GC. E están niso. Grazas a un acordo con m-tic! van ofrecer un deseño innovador e profesional que mellore a experiencia de uso da rede social galega.

Para rematar, abro unha paréntese para outra reflexión: unha das cousas que máis me sorprenderon negativamente ao entrar en Cabozo é a ausencia deses nomes relevantes da sociedade e a cultura galegas que falan cada día en Twitter e Facebook de construír país, de defender a nosa lingua, cultura, tradicións, costumes e idiosincrasia, pero ignoran a Cabozo, a única rede social realmente made in Galicia, con código propio creado totalmente desde cero, dirixida á sociedade galega, redactada integramente en galego e considerada como a primeira rede social de especialización territorial en España. Paradoxal forma esta de facer país ausentándose, non si?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alberto Quian Doutor en Investigación en Medios de Comunicación, Premio Extraordinario de Doutorado 2015-2016 e profesor de Xornalismo na Universidad Carlos III de Madrid. Naceu en Vigo o 7 de agosto de 1976. No ano 2000 comezou a súa carreira como xornalista en Faro de Vigo, ata que en 2008 deu un xiro co Posgrao en Xornalismo Dixital da Universitat Oberta de Catalunya (UOC). Dende entón desenvolve o seu traballo no eido dixital como especialista e investigador. Coa súa tese especializouse en ética e cultura hacker. É responsable de Redes Sociais e da área de Ciencia de Galicia Confidencial, labor que compaxina coa súa labor como investigador e con traballos para distintas empresas públicas e privadas no eido dixital e en medios tradicionais. Twitter: @AlbertoQuian. Autor do libro: 'El impacto mediático y político de WikiLeaks'.