Galicia en Común propón unha renda vital de emerxencia

O BNG demanda pactar un plan de desescalada a nivel galego no Parlamento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2020 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

O portavoz da coalición Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, avisou este sábado á Xunta de que a desescalada do confinamento "non se fai con 'mercadotecnia'" e lanzou varias propostas "sociais" para "non deixar ninguén atrás".

A través dunha rolda de prensa telemática, Gómez-Reino reclamou a aprobación dunha "renda vital de emerxencia" que consista en "axudas económicas directas e urxentes para todas as persoas que non conten con ingresos suficientes" e que sofren "as consecuencias" da crise económica derivada da pandemia.

Neste sentido, o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas suxeriu que se pode facer a través dun incremento da renda de inclusión social de Galicia (Risga), das axudas de emerxencia ou outras vías que cubran "novas demandas".

Ademais, as propostas da coalición trasladadas á Xunta inclúen a "suspensión" --e non adiamento-- de taxas e impostos autonómicos a persoas que acrediten perda de ingresos; requisitos "máis flexibles" en axudas como bolsas comedor "ante o afloramento de novos casos de precariedade"; e a ampliación e prórroga do Servizo de Axuda á Dependencia (SAD).

De igual modo, pide "reforzar" a teleasistencia de persoas soas, maiores, con dependencia e positivos de coronavirus que o precisen; implementar un "plan específico" a domicilio de persoas que padezan enfermidades mentais; e axudas de conciliación para quen teña menores ou dependentes ao seu cargo, entre outras.

Así mesmo, Gómez-Reino puxo encima da mesa unha liña de axuda "urxente" aos concellos para que poidan "incrementar os recursos materiais e humanos" dos servizos sociais municipais.

PIDE Á XUNTA QUE "COLABORE"

Estas novas medidas enmárcanse dentro da batería de propostas que o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas leva "xa semanas ofrecendo" á Xunta, á que pediu que "colabore" e "coopere" co Executivo estatal e os concellos.

E é que, tal e comon lamentou Gómez-Reino, o presidente da Comunidade, Alberto Núñez Feijóo, "o que fai é criticar as outras administracións" en lugar de cumprir as súas "competencias", como é o caso da reapertura de mercados de proximidade que este venres o propio titular autonómico solicitaba ao Goberno. "Feijóo xa o podía facer como outros presidentes autonómicos, pero non fixo absolutamente nada", engadiu Gómez-Reino.

Na mesma rolda de prensa, o tamén deputado no Congreso apostou por que a desescalada se realice "baixo criterios técnicos" ditados polas autoridades sanitarias. Iso si, lembrou que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, xa dixo hai unha semana que o desconfinamento debe especificarse "no ámbito de cada territorio" e en función da súa "situación epidemiolóxica".

Así, tras incidir en que a desescalada "non pode ser 'mercadotecnia'" nin conter propostas con "falsas expectativas", reclamou que se dean "certezas e horizontes".

ELECCIÓNS GALEGAS

Preguntado sobre cando sería o mellor momento para a celebración de eleccións galegas, Gómez-Reino reiterou que nin as formacións "nin o conxunto da cidadanía está a pensar" neses comicios que xa foron suspendidos o pasado 5 de abril pola incidencia da pandemia.

Despois de coñecerse que o lehendakari, Iñigo Urkullu, baralla xullo como mes para as eleccións ante o temor de que haxa un rebrote da COVID-19 no outono, o propio Feijóo recoñecía que a cita coas urnas estaba "fóra da axenda" da Xunta.

Neste sentido, o portavoz e candidato de Galicia en Común-Anova Mareas insistiu en que eses comicios deben convocarse por "consenso" e nun momento en que haxa "plenas garantías" e en que a cidadanía "non estea preocupada pola situación sanitaria nin pola situación económica e social".

No entanto, e aínda que "é o momento de salvar vidas", si se mostrou disposto a "falar sempre de todo" no caso de que o presidente galego fixase proximamente unha reunión de partidos para falar da convocatoria electoral.

O portavoz da coalición Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, en rolda de prensa telemática.. GALICIA EN COMÚN-ANOVA MAREAS
O portavoz da coalición Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, en rolda de prensa telemática.. GALICIA EN COMÚN-ANOVA MAREAS | Fonte: Europa Press

BNG: DESESCALADA DESEÑADA DESDE GALICIA

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) aposta por un plan de desescalada propio para Galicia e demanda ao Goberno de Feijóo que se elabore "en consenso" cos grupos do Parlamento de Galicia. A líder do partido nacionalista, Ana Pontón, trasladará esta proposta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este domingo na reunión telemática prevista entre os partidos que compoñen o Parlamento galego.

Pontón deixará clara a aposta do BNG por unha "desescalada deseñada desde Galicia para saír progresivamente do confinamento e afrontar as consecuencias da crise con medidas adaptadas á realidade do país", explicou este sábado nun comunicado. Neste sentido, rexeita unha "visión uniforme e centralista sen ter en conta a diversa situación dos territorios, mesmo en termos epidemiolóxicos".

Desde a súa posición, o partido defende unha "desescalada consensuada con todas as forzas" do hemiciclo e advirte que o plan "non pode improvisarse nunha rolda de prensa" porque poderían botarse a perder "o que conseguimos con tanto esforzo nestes 40 días de confinamento".

Ademais, Pontón criticou a "incoherencia do PP" que en Madrid "propón unha comisión no Congreso para deseñar a desescalada, mentres Feijóo escapa da sede da soberanía popular". Liña seguida subliñou que "non é de recibo" que o presidente da Xunta "fuxa" do Parlamento "no medio desta pandemia" e que Feijóo "debe ter claro que non se pode gobernar Galicia desde unha pantalla de televisión nin cun telepresidente".

DESEMBARCO MARIÑA MERCANTE

Por outra banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, solicitou ao Goberno a realización de PCR aos tripulantes da mariña mercante que chegan a porto, para que poidan "practicar os desembarcos e as substituciones necesarias sen perigo para os traballadores".

Rego explicou que a imposibilidade de desembarco fai que os tripulantes con máis de seis meses a bordo, a pesar de cumprir o seu contrato, non poidan volver a casa e actualizar o seu recoñecemento médico.

Sen el as empresas non poden contratalos e apunta ao "problema de saturación" que se xerará cando finalice o estado de alarma, polo que "os tripulantes probablemente teñan que esperar meses para conseguir o seu recoñecemento médico e poder embarcar", conclúe.

CIUDADANOS

A portavoz de Ciudadanos en Galicia, Beatriz Pino, propuxo "devolver a xenerosidade" que o sector turístico mostrou durante a crise do coronavirus e ofrecer un "plan sensato de reactivación" do turismo.

Pino apuntou a "preocupación" do partido laranxa por este sector, xa que os efectos da crise se reflectirán no "turismo que supón máis dun 10% do PIB galego". Por este motivo, o partido presentou no Congreso un "decálogo que protexa a traballadores e empresarios e que incentive a demanda". "As perdas poderían alcanzar no 2020 preto de 2.500 millóns de euros en Galicia. Esta caída minguaría nun 3,9 % o produto interior bruto galego", precisou. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Por iso este espabilado segue a ser Deputado no Congreso (cobrando) mentras outros renunciaron ao cargo para se presentar en Galicia (Aranguena) ! Por que non marcha a Madrid e deixa que outras persoas máis preparadas e máis comprometidas sexan candidatos en Galicia (?) Agás Eva Solla que non foi quen de practicar a solidariedade que tanto predica e como enfermeira non deu un paso adiante... non fora ser o demo, que perdera os 96.000 Eurasos !!!