Científicos avisan: a vacina para o coronavirus tardará como mínimo un ano, agora “é urxente a procura de fármacos”

O Grupo de Análisis Científico de Coronavirus do Instituto de Salud Carlos III urxe a centrar esforzos no desenvolvemento de medicamentos.

Por Alberto Quian | Madrid | 27/04/2020 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

Os grandes titulares, ás veces sensacionalistas, sobre posibles vacinas para o coronavirus SARS-Cov-2, a loita propagandística entre gobernos por presentarse como os primeiros países en obter a vacina e os enormes intereses económicos de laboratorios semellan estar desviando a atención sobre o que científicos españois consideran agora a prioridade: a procura de fármacos para o tratamento de pacientes con Covid-19.

Coronavirus
Coronavirus | Fonte: diariojuridico.com

Os anuncios de posibles vacinas candidatas, que mesmo se dixo que poderían chegar este mesmo ano, están xerando unha falsa esperanza a curto prazo na poboación. A realidade é que, como mínimo, e sendo moi optimistas, a vacina non estaría dispoñible até dentro dun ano, segundo os expertos. É por isto que algúns científicos están pedindo centrar máis esforzos no desenvolvemento de fármacos que permitan –mentres non chega a vacina– reducir o impacto do SARS-CoV-2 no noso organismo.

"A obtención dunha vacina fronte ao SARS-Cov-2 require un período de tempo non inferior a un ano. Por ese motivo é necesario e urxente a procura de fármacos para o tratamento dos pacientes"

Así o reclama o Grupo de Análisis Científico de Coronavirus do Instituto de Salud Carlos III, nun informe titulado ‘Necesidad de encontrar fármacos frente a la enfermedad Covid-19’. Nel, din: “A obtención dunha vacina fronte ao novo coronavirus SARS-Cov-2 responsable da pandemia Covid-19 require un período de tempo non inferior a un ano. Por ese motivo é necesario e urxente a procura de fármacos para o tratamento dos pacientes ata que unha vacina eficaz e universal estea dispoñible”.

Con todo, non debemos pensar que a obtención dun novo fármaco é cousa dun día. O seu desenvolvemento “é tamén un proceso longo e custoso”, advirten os autores do informe, Mayte Coiras e José Alcamí.

Que se está facendo para a obtención de medicamentos para tratar a Covid-19? “Sen cura coñecida aínda para a enfermidade e sen un tratamento específico que demostrase eficacia, hai diversas estratexias terapéuticas sobre a mesa e numerosos ensaios clínicos para explorar posibles solucións”, expoñen estes expertos.

Estes traballos, segundo explican, están a ter en conta que o desenvolvemento da enfermidade se pode dividir en tres fases: unha primeira na que o virus infecta a boca, a farinxe e as fosas nasais; unha segunda na que ataca os pulmóns, e unha terceira na que a afectación pulmonar é tan grave que o paciente necesita soporte respiratorio.

As dúas primeiras fases, detallan, “estanse tratando con diferentes fármacos antivirais que tratan de frear a expansión do virus, mentres que na terceira trátase de combater con outro tipo de fármacos ante unha resposta ‘esaxerada’ do sistema inmunitario do paciente, caracterizada por un proceso que se coñece como ‘tormenta de citoquinas’”.

Así, os científicos están a traballar con obxectivos terapéuticos a curto e medio-longo prazo. Entre as estratexias a curto prazo atópase o que chaman reposicionamento, é dicir, o uso en pacientes con Covid-19 de fármacos que xa están aprobados para tratar outras enfermidades.

Mayte Coiras e José Alcamí apuntan a outra das estratexias, que consiste en investigar en ensaios clínicos moléculas que xa están a ser estudadas, pero que aínda non foron aprobadas ao non estar rematada a súa fase de investigación.

Xa máis a longo prazo, indican que se está tentando desenvolver novos fármacos, “algo para o que é necesario coñecer mellor a bioloxía do virus e as dianas celulares contra as que dirixir os medicamentos”.

"Non é posible a día de hoxe afirmar que se dispoña dun tratamento específico para a Covid-19 que sexa eficaz ao 100%. Pero é importante destacar que hai varios ensaios clínicos en marcha" 

FÁRMACOS COS QUE SE TRABALLA

Ante a urxencia na que estamos, os enfermos están a ser tratados con fármacos que, se ben “non confirmaron a súa eficacia” aínda, “si se consideran seguros”. Estes son: lopinavir e ritonavir, utilizados contra o VIH/sida; cloriquina e hidroxicloroquina, utilizados contra a malaria e algunhas enfermidades autoinmunes como o lupus; interferóns beta 1b e alfa 2b, que modulan a resposta do sistema inmunitario e que se utilizan para tratar patoloxías como a esclerose ou a hepatite; anticorpos monoclonais como tozilizumab e sarilumab, empregados para tratar a artrite reumatoide; inhibidor da ARN polimerasa remdesivir, utilizado contra o ébola.

A súa aplicación en pacientes está sendo individual ou con diferentes combinacións de cada unha destas solucións, ao tempo que “se están estudando en ensaios clínicos para coñecer mellor a súa posible eficacia contra o SARS-CoV-2”, explican os expertos.

Entre as posibles solucións terapéuticas que aínda non se empregan en pacientes e que se están analizando en ensaios clínicos destacan “os anticorpos monoclonais eculizumab, camrelizumab e leronlimab; o inhibidor da proteasa danoprevir, e o antiviral favipiravir, entre outros”.

“A comunidade científica trata de lograr con todas estas vías a suficiente evidencia para incluír as opcións máis eficaces en guías e protocolos que establezan os mellores tratamentos contra a Covid-19”, aportan Coiras e Alcamí.

Con todo, advirten, “non é posible a día de hoxe afirmar que se dispoña dun tratamento específico para a Covid-19 que sexa eficaz ao 100%. Pero é importante destacar que hai varios ensaios clínicos en marcha cuxos resultados serán publicados en breve. [...] Por último, é importante ter en conta que estes tratamentos non están exentos de efectos adversos a nivel renal, hepático ou cardiovascular”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Se non te mata o virus acaba contigo unha insuficiencia renal, hepática, ou un infarto ? Pois mira que estamos apañados... Bromas aparte, e como diría Trump, por que non probamos a inxectarlle nicotina aos doentes (e vemos que pasa?) ! Esta idea non podemos facerlla chegar a Pedro Sánchez Menguele non vaia a ser o demo que lle guste...