As críticas dunha estudante da UdC: "Preocúpalles máis unha nota que as nosas circunstancias persoais"

Boa parte do estudantado da Universidade da Coruña súmase ás protestas xerais dos campus universitarios galegos pola "falta de organización" e pola decisión de manter os exames por parte de moitos profesores, sen ter en conta, din, as circunstancias persoais que atravesa o alumnado.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2020 | Actualizada ás 15:53

Comparte esta noticia

"Falta de organización da Universidade da Coruña". Así resume unha estudante de enfermaría da UdC o xerme de todos os problemas que veñen enfrontando dende aquel 13 de marzo en que se decidiu a suspensión das clases presenciais por mor da pandemia da Covid-19. 

Unha estudante fronte ao ordenador
Unha estudante fronte ao ordenador | Fonte: EFE

A pesar de que, como norma xeral, se debe realizar unha avaliación continua das materias e non poderán ser obxecto de avaliación os contidos que non foran impartidos de maneira presencial ou non presencial, e/ou que precisen de materiais, recursos ou bibliografía que non estean accesibles nestes momentos; a realidade escapa bastante do que queda escrito nos papeis. "O reitor di que o método de avaliación o decide cada profesor e que primará a avaliación continua e por traballos, pero moitísimos deles deciden facer exames".

No caso desta estudante, das tres materias nas que está matriculada, deberá realizar proba de modo telemático en todas elas. Os compañeiros e compañeiras da súa aula de segundo teñen entre 2 e 3 exames dun total de cinco materias. "Hai unha parte de profesores que nos facilitan as cousas e utilizan traballos ou exames que só contan para subir nota, a eses si lles estamos moi agradecidos", relata a estudante. "Pero hai outros que se basean na importancia de chapar; algúns incluso non deron nin o temario, só nolo enviaron". 

O PROFESORADO, ALLEO ÁS CIRCUNSTANCIAS DO ALUMNADO

As reivindicacións do estudantado, cuxa boa parte del secunda a folga virtual convocada por Anega dende o pasado 16 de abril, teñen un eixo común, e é que o profesorado "non contempla" as circunstancias persoais que poden estar atravesando os alumnos neste contexto de crise e que dificultan a igualdade de oportunidades que unha universidade pública debe garantir. "Hai xente que ten familiares infectados, que está saturada por non poder saír, que vive en zonas nas que non chega Internet ou funciona mal, que teñen que compartir portátil varios membros da casa...", relata a estudante. As situacións son moi diversas e ningunha delas reúne as condicións óptimas para finalizar o curso con normalidade.

"Eu tiña a intención de seguir a folga, pero os profesores tomaron decisións sen ter en conta esta protesta e seguiron dando clases, polo que teño que asistir ás aulas virtuais e enterarme dos traballos se quero aprobar", denuncia. Co agravante, ademais, de que dende a súa aldea atopa "problemas para seguir o fío das clases". "Antes deixábanas grabadas, pero agora xa non o fan, e daquela moitas non as podo ver. É habitual que se corte a conexión ou que o programa non responda, moitas veces queda colgado".

MODELO BASEADO EN 'CHAPAR'

Outra das críticas do estudantado desta facultade de Enfermaría, que vén de organizarse nunha asemblea para facer máis presión sobre decanato e reitorado, pasa pola importancia que algúns profesores lle dan ao mero feito de 'chapar' uns contidos determinados. "Un exame tipo test online non demostra nada, só a habilidade de cada un para estudar de memoria e esquecer", denuncia a alumna. "Nos os estudantes consideramos que é máis educativo facer un traballo ca facer un exame, nestas circunstancias non aprendemos nada. Ademais, moitos profesores preocúpanse máis de que non copiemos que de que aprendamos".

Tanto é así que poñen sobre da mesa a intención de "endurecer os criterios de correción dos exames", fala outra estudante da UdC. "Están dando clase dúas horas por unha pantalla onde non aprendemos nada, e por riba, dinnos que nos farán tests máis complicados e que nos deixarán menos tempo para dificultarnos a posibilidade de copiar", denuncia. "Fan o que lles dá a gana". Segundo a última normativa, os criterios de avaliación mantéñense coma se esta se tratase dunha situación usual: o 75% da nota recaerá no exame e o 25% restante nos traballos; aínda que neste caso non se terá en conta a asistencia. 

"Xogarnos a maior parte da nota nun exame non ten sentido, preocúpanse máis de ter unha cualificación ca das circunstancias que xera esta situación". Igualmente, os estudantes denuncian a tardanza das medidas da UdC, que cualifican de "chiste" que aínda hoxe deban estar pendentes de como rematará o curso. "Botamos de menos que non haxa uns criterios unificados e que todo o estudantado da UdC teña as mesmas posibilidades de avaliación. Seguen con reunións cando os exames son en maio. Queremos unhas medidas claras e que se nos avalíe por traballos, que é como realmente aprendemos", sentenza, por último, a estudante de Enfermaría. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta