Os sindicatos alertan que o desemprego en Galicia sobe por encima da media e demandan "medidas urxentes"

As forzas sindicais sinalan que máis dun terzo da poboación activa de Galicia está sen traballar, sumando desempregados e persoas baixo ERTE.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2020 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

Os sindicatos con máis representación en Galicia --CIG, Comisións Obreiras e UGT-- advertiron do peor comportamento do mercado laboral galego respecto da media estatal durante o mes de abril, segundo reflicten os datos do paro publicados este martes e que apuntan a unha caída do 9,8% na comunidade, a quinta peor cifra do Estado.

En senllos comunicados, as centrais sindicais demandaron tanto á Xunta como ao Goberno central que adopten "medidas urxentes" para atallar a perda de emprego provocada pola crise do coronavirus, que en abril provocou un aumento de 17.148 persoas rexistradas como parados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo INEM).

A CIG destaca que, coa cifra de parados en 191.629 sumada aos máis de 200.000 galegos afectados por un ERTE desde o inicio da crise, ao redor dun terzo da poboación activa de Galicia non está a traballar nestes momentos.

Para a central nacionalista, o mercado laboral galego presenta un "panorama desolador", pois a crise sanitaria acumúlase ao "desmantelamento da industria" dos últimos anos. Por iso, demandan medidas "eficaces e urxentes" que garantan os postos de traballo neste contexto, así como a cobertura social para as persoas afectadas por despedimentos ou ERTE.

"Houbo xente que foi despedida ao principio, outra se acolleu a un ERTE despois, pero a realidade é que segue habendo despedidos porque os ERTE non garanten o mantemento do emprego. É imprescindible que o Goberno aplique medidas que freen a destrución do emprego, que obriguen ás empresas a manter os postos de traballa", sinalou o secretario de Emprego da CIG, Fran Cartelle.

COMISIÓNS

Pola súa banda, Comisións Obreiras (CC.OO.) sinala que a crise "golpea con forza" o mercado laboral galego, polo que instan á Xunta a "abandonar a campaña electoral e dedicarse a gobernar e exercer as súas competencias".

"Os traballadores galegos e as empresas seguen esperando a que a Xunta actúe para que os efectos da crise non arrasen o noso débil tecido produtivo", incidiu a secretaria de Emprego de CC.OO., Maica Bouza, que considera que o Executivo central, unha vez estea "controlada" a emerxencia sanitaria, debe "intensificar" as medidas de apoio ao mantemento do emprego e da actividade.

UGT

Por último, noutro comunicado emitido este martes tras a publicación dos datos do paro, UGT aleta que existen máis de 70.000 persoas en Galicia "sen ningún tipo de cobertura", á vez que insta á Xunta a configurar a través o "diálogo social" o plan de "reconstrución" da crise.

Deste xeito, o sindicato pon o foco en que a crise "non termina co estado de alarma" polo que defende a ampliación de procedemento dos ERTE e a aprobación dun íngreso mínimo vital de emerxencia.

INEM, Seguridade Social. EUROPA PRESS - Arquivo
INEM, Seguridade Social. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta