Expertos avisan de que o sistema sanitario galego aínda non está preparado para a desescalada

Cálculos de investigadores sobre a suficiencia sanitaria das comunidades autónomas sitúan Galicia aínda por debaixo do valor mínimo que debería cumprir para relaxar as medidas de confinamento e alertan dunha “infradotación sanitaria”. A Xunta pretende iniciar a Fase 1 da desescalada o 11 de maio, antes do que se aconsella, o día 20.

Por Alberto Quian | Madrid | 07/05/2020 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

A capacidade dos recursos sanitarios para dar resposta ás necesidades derivadas dun crecente número de contaxios, nun escenario de pandemia como a da COVID-19, é a clave sobre a que traballan algúns expertos para a desescalada do confimamento. Galicia non estaría aínda preparada para relaxar as restricións adoptadas no marco do decreto do estado de alarma vixente desde o 14 de marzo.

Persoal sanitario en Vigo sae a aplaudir na habitual cita das 20.00 horas desde que comezou a crise sanitaria pola Covid-19
Persoal sanitario en Vigo sae a aplaudir na habitual cita das 20.00 horas desde que comezou a crise sanitaria pola Covid-19 | Fonte: © Miguel Núñez.

O país debería agardar polo menos até o 20 de maio para asegurar a suficiencia sanitaria. Porén, a Xunta defende que está lista para iniciar a Fase 1 da desescalada xa o día 11, como así lle solicitou ao Goberno central. Algo que, a teor dos datos, semella precipitado (nesta etapa permítense, entre outras cousas, reunións de ata dez persoas en domicilios, apertura de terrazas de bares e restaurantes ata un 50% do seu aforo e de pequenos comercios que respecten os protocolos de seguridade).

Para calcular a suficiencia sanitaria de cada autonomía toman como referencia China, país que empezou a desescalar cando a súa ISSa alcanzou un valor do 93%

O sistema sanitario galego non estaría listo para iniciar a Fase 1, como mínimo, até o 20 de maio, segundo o informe ‘Suficiencia Sanitaria y COVID-19’ que actualizan diariamente os grupos de investigación DSLAB (Data Science Laboratory) e methaodos.org da Universidad Rey Juan Carlos (Madrid), en colaboración coa Academia Joven de España. Estes expertos traballan con dous Indicadores de Suficiencia Sanitaria (ISS), un acumulado (ISSa) e outro diario (ISSd). Estes indicadores calcúlanse combinando os datos de altas, falecementos e persoas diagnosticadas coa Covid-19.

“A ISS é un indicador que mide a capacidade que ten un sistema de saúde para dar resposta ás necesidades derivadas dun crecente número de contaxios nun escenario de pandemia. Valores altos de ISS indicarán que o sistema sanitario ten a capacidade de absorber o fluxo de diagnósticos confirmados de coronavirus ao obxecto de que poidan ser tratados segundo os protocolos establecidos. Pola contra, valores baixos de ISS revelarán limitacións operativas do sistema sanitario que impedirán a correcta xestión do fluxo de casos diagnosticados”, explican os autores deste modelo.

Para calcular a suficiencia sanitaria de cada comunidade autónoma os científicos toman como referencia o caso de China, país que empezou a desescalar as súas medidas de confinamento cando a súa ISSa alcanzou un valor do 93%.

“Dada a diferente evolución da pandemia por comunidades autónomas, danse tres predicións por zonas xeográficas nas que España presentaría unha ISSa similar ao que tiña China cando empezou a desescalar as súas medidas de confinamento”, explican os autores deste proxecto.

GALICIA, CASE 20 PUNTOS POR DEBAIXO DO VALOR NECESARIO

Os cálculos dos expertos, a día de hoxe, sinalan tres territorios que xa acadaron a suficiencia sanitaria: a Cidade Autónoma de Ceuta, que o logrou o 27 de abril; País Vasco, o 6 de maio, e Murcia, hoxe.

En canto ao resto de territorios, din que se poden dar xa cinco predicións ou fases por zonas xeográficas nas que España presentaría unha ISSa similar á que tiña China cando empezou a desescalar as súas medidas de confinamento.

Na Fase 1 colocan Melilla, o 8 de maio. Na segunda fase estarían Cantabria e Comunidade Valenciana, o 14 e maio.

Galicia entraría na Fase 3, o 20 de maio, xunto con Andalucía, Madrid, Estremadura e Illas Baleares, todas elas por enriba do 70 %.

As demais autonomías deberían agardar máis. Na Fase 4 entrarían Aragón, Canarias, Cataluña, A Rioxa e Navarra, o 6 de xuño; por último, na Fase 6 inclúen Asturias, Castela-A Mancha e Castela e León, o 9 de xuño.

Galicia podería entrar no terceiro grupo de desescalada plausible, a partir do 20 de maio; agora a súa ISSa é do 74,73 %, lonxe aínda do mínimo recomendable

Basicamente, o indicador de suficiencia sanitaria acumulado debería acadar o 93%, segundo estes expertos (tomando como referencia o caso chinés). Este indicador mide a tensión acumulada do sistema: canto máis próximo a 100, máis desestresado está o sistema.

Galicia tería agora un valor do 74,73 %, 20 puntos por debaixo do que se considera necesario para relaxar o confinamento. Con todo, está por enriba da media estatal, que se sitúa no 70,44 % e sitúase no décimo posto, entre as 17 comunidades autónomas máis as cidades de Melilla e Ceuta.

País Vasvo lidera este apardado cun 98,40 %, seguido por Ceuta cun 98,10 % e Murcia cun 94,44%, sendo as únicas zonas onde se cumprirían arestora as condicións para unha desescalada segura para o sistema sanitario.

Melilla, cun 92,44 %, achéganse ao limiar marcado polos expertos para a suficiencia sanitaria acumulada e estaría de facto en condicións de iniciar a desescalada.

No que se refire ao indicador de suficiencia sanitaria diaria, o obxectivo é conseguir un valor maior de 1. A ISSd mide o estrés diario do sistema, de xeito que canto máis alto é, más desestresado está. O valor para Galicia agora é do 4,35, mentres que a media estatal está no 3,61. Con todo, Galicia está lonxe dos valores acadados para este indicador, por exemplo, por Murcia (21), Andalucía (12,81) ou País Vasco (12,81), que mostran os mellores datos neste apartado.

“Valores baixos de ISS diaria (por baixo de 1) indican un sistema con limitacións para xestionar o fluxo de casos diagnosticados. A partir do día no que a ISS diario é maior que 1, o sistema sanitario comeza a liberar recursos diariamente, é dicir, comeza a diminuír a súa saturación. Defínese un día positivo como aquel no que a ISS diaria toma un valor superior a 1”, detallan os investigadores.

RATIO DE COBERTURA POTENCIAL

Por último, tamén calcularon a Ratio de Cobertura Potencial (RCP), isto é, a proporción de casos activos por camas hospitalarias incluíndo as de UCI; e a Ratio de Cobertura Potencial UCI (RCPu), é dicir, a proporción de casos activos por camas UCI.

Para estes indicadores, “interesan valores por debaixo de 1, pois se traduce nunha cobertura hospitalaria total a todos os enfermos”.

Galicia ten unha RCP do 0,28, o que a sitúa no posto once entre as 17 comunidades autónomas máis Ceuta e Melilla; a media estatal é do 0,46.

A proporción de casos activos por camas UCI en Galicia é de 9,15, cando a media española é mellor, con 8,92

A cidade ceutí mostra o mellor valor, cun 0,01, seguida por Murcia cun 0,03, País Vasco cun 0,03 e Melilla cun 0,05. No lado oposto sitúanse Castela-A Mancha cun 1,80 e A Rioxa cun 1,75.

En canto á proporción de casos activos por camas UCI, en Galicia é de 9,15, cando a media española é mellor, con 8,92.

Ceuta destaca tamén neste apartado, cunha RCPu de 0,25, seguida por Murcia con 0,28, País Vasco con 0,43, e Melilla con 1,29. Pola contra, o peor valor é para A Rioxa cun 42,13 e Castela-A Mancha con 28,69. Castela e León con 19,65.

INFRADOTACIÓN SANITARIA EN GALICIA

Os autores deste modelo establecen que o “escenario desexable” é no que se dá unha “dotación sanitatia equilibrada”, é dicir, aquel no que hai “alta suficiencia sanitaria e alta cobertura potencial.

Outro escenario é marcado por unha “dotación sanitaria desequilibrada” no que “ou ben se ten alta suficiencia sanitaria con pouca cobertura, ou baixa suficiencia con alta cobertura”.

Por último, o peor dos escenarios é no que se evidencia unha “infradotación”, con “baixa suficiencia sanitaria e baixa cobertura potencial”.

Estes escenarios establécense combinando os respectivos indicadores e ratios (ISSa, ISSd, RCP, RCPu). 

Os cálculos sitúan Galicia no grupo de comunidades autónomas cunha “infradotación sanitaria” para a desescalada.

Todos estes cálculos van variando en función da evolución diaria da pandemia.

Suficiencia sanitaria vs. Cobertura potencial. Fonte: DSLAB

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Braisiño

Non importa. Feijoo está de campaña electoral e leva unha carreira tola con Urkullo para ver quen abre todo antes. Un irresponsable. E a oposición, a velas vir........

2 Gamela

Nin expertos nin fases nin estados de alarma ! Os datos son ben clariños para quen queira velos, aquí levamos 55 días e ninguén fai PCR nin de coña ! Así podemos pasarnos a vida metidos nas casas que dá exactamente igual ! Alemaña realiza 700.000 PCRs CADA SEMANA! Eiquí poñen multas !!! https://twitter.com/00Gamela/status...

1 Ana

Todolos anos morre xente de gripe e outras enfermidades e tamen vemos imaxes de hospitais cheos e non se para a economía do pais nin se recortan liberdades con un estado de alarma. Van arruinar o pais e enton si morrera xente pero de fame ou suicidandose. Bastaba con dar recomendacions aos colectivos de risco e confinar na casa aos enfermos e o resto facer vida normal. A solución mais económica era a "inmunidade de rebaño" mais iso non permite endeudar mais o pais e vendelo a precio de saldo aos "buitres" nin xustifica a vacunación. Sigan aplaudindo desde os balcons ao Novo Orde Mundial.

1 José

Vese que os efectos do virus son múltiples. Parece que nestes momentos o cerebro é un dos órgaos máis afectados..