Ilusionismo

As letras galegas de 2020 lémbrannos o lonxe que estamos de Portugal.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 12/05/2020

Comparte esta noticia

Cando todo isto pase Carvalho Calero terá a merecido homenaxe que se lle negou durante catro décadas de liberdade. Mais non cabe agardar nisto máis ca unha pequena reparación da  unha inxustiza con alguén sacrificado pola política da transición,  non porque abra un tempo novo con alén Miño.

Non hai moito “Portugal” para os Galegos era Valença, e cantos foron a Porto só para coller un avión, mercar ao Ikea ou os traballar polígonos industriais  antes de que os guiris puxeran de moda ir ó centro. Hai só uns días do ultimo aniversario do 25 de abril. Noutros tempos os habituais do Tarasca volverían pechar a noite cantando o Grandola do Zeca, pero tamén eles descoñecerán, agás que visen o documental da TVG “Portugal Galicia Encontros Desencontros”, que o “Este vaise i aquel vaise, e todos, todos se van” de Rosalía foi unha canción da clandestinidade e protesta contra o Salazarismo. Como tampouco saberán que hai unhas semanas pechou a derraderia taberna galega das ducias que non hai moito había no centro mesmo de Lisboa, mirando ao Texo, testemuña dunha emigración tan ampla como esquecida.

É un descoñecemento mutuo, así coma artificial. En boa parte sacrificio da razón de Estado. Tódolos galegos coñecen ao Cid Campeador, moitos menos que foi el quen prendeu ao noso Rei García. Pero case ningún galego sabe quen foi o Lidador que, xunto co futuro rei Alfonso Henriquez,  naceron galegos e fundaron un país novo. Calquera neno portugués diría que o seu primeiro monarca viña “de Leão”.  Ou que os castros do norte de Portugal son obra dos Lusitanos.  

Para moitos galegos a única fadista, aparte da galega Maria do Ceo, son o tríptico Dulce Pontes, Misia e Ana Moura, máis que nada porque tamén as coñecen en Tokio. Moito falamos da irmandade con Portugal pero a Mariza non a coñece ninguén en Galicia e quen lle deu un premio, á amizade ibérica, foi o goberno español. Non terán escoitado nunca a Raquel Tavares, Miguel Gameiro, Antonio Zambujo ou Marco Rodríguez. Nin saberán da voz grave e as eternas gafas de sol do Pedro Abrunhosa. Nunca pasaron pola Radio Galega pero quen quixer pode velos na playlist de Youtube.

Máis falar de fado tamén é estereotipo. En Radio Galega Música poñen  toda a música comercial en castelán pero non escoitarás o rhythm and blues e kizomba de Calema, o amor é así de HMB a dúo con  Carminho  que é a súa Mercedes Peón, e que só coñecerán polo seu dueto con español Pablo Alborán. O tempo é diñeiro, que rapea AGIR. Tampouco saberán de D.A.M.A. mais a algún oitenteiro soaranlle os GNR. Seguramente non o funk pop de Santos & Pecadores. Tamén deses tempos saberán de Tino Casal pero descoñecerán o grande António Variações, morto antes de tempo polo andazo da SIDA, e fundacional da música dos 80. As súas letras non cantadas recuperáronas  Camané con Humanos. Un mundo pra descubrir, se cadra pra completar a escasa oferta existente en galego, artificialmente escasa pois Portugal ten catro veces máis poboación pero bastante máis industria ca Galicia. Pero ese é outro tema.

En cinema coñecerán ao santo patrón Manoel de Oliveira e grazas a Hollywood a María de Medeiros e Joaquim de Almeida. Non saberán o rol que este compartiu coa grande Rita Blanco n´A Gaiola Dourada, feita por fillos da emigración e que calquera que teña medio país fóra se pode identificar, coma coas cantigas da diáspora de Linda de Suza, a Ana Kiro portuguesa, ou Tony Carreira.

Di moito que a única canción coñecemos é a Cabritinha de Quim Barreiros. Cantante que co seu look estereotipado, propio das cancións de pimba das festas do verán, máis semella que nos riamos deles que con eles, como fixo Touriñán cando Quin veu ao Land Rober.  Gustaríame que antes de ter pechado  “O 5 pra Meia Noite” Filomena Cautela tivese feito un especial cos de Roberto Vilar. Máis namentres hai vida hai esperanza.  

O humor portugués tan semellante e tan alleo viaxa máis doadamente a través do atlántico que a través do Miño. Algún coñecerá o humor de Gato Fedorento pero non o Matabicho do grande Bruno Nogueira. Como tampouco nunca visitaron o tesouro que e a videoteca de balde da RTP Play pra descubrir “Odisseia” con propio Bruno e Gonzalo Waddington co Nuno Lopes, posiblemente a serie mais ambiciosa feita en Europa. Ou Os Boys unha ficción que rindo sen rir ensina como funciona os arranxos e corruptelas Portugal, impensable na nosa televisión publica. Tampouco saberán da parodia do grande irmán “O Ultimo A sair” que media nación creu durante días que era real, coma se forse un experimento de Orson Welles.   O thriller “Filha da Lei” coa intensa Anabela Moreira e que non ten que envexarlle ao “nordic noir”.

Precisamos máis a Portugal - coma referente, espello deformado, ou  puramente coma terapia do que puidemos ser ou do que aínda podemos chegar a ser como do que non queremos devir-  do que Portugal precisa de nós. A nosa mesma existencia desmonta a propia narrativa da identidade nacional lusa por oposición á unha Castela, logo España, á que se precisa ver coma monolítica, e non tendo no seu seo cunha “rexión” que supón un térceo do tamaño do propio Portugal e ao cabo non tan diferente malia os séculos de separación pasados. Por algo aínda hoxe millóns de portugueses descoñecen que os galegos e o galego existen. Aínda que tras séculos de ignorancia, 40 anos sen fronteira no Miño e millóns de fondos europeos comezan a decatarse que o único perigo que  teñen os galegos é pra cos galegos mesmos.

Créanse novas afinidades. Non só os nacionalistas vibraron coa vitoria de Portugal na Eurocopa e coa de Salvador Sobral (co permiso da súa irmá) en Eurovision, como se fose mesmamente os triunfos dos que a nós se nos nega ata o dereito a aspirar a eles. Admiramos a nobreza na vitoria do entrenador Fernando Santos e a elegancia do Presidente Marcelo Rebelo de Sousa. A maior ledicia da vida daquela muller aos pes do Stade de France tras cincuenta anos a xeonllos limpándolles as escaleiras aos franceses.

Tralo intento falido de colaboración nos 90 entre a TVG e a privada católica SIC a cooperación entre as canles nacionais TVG e RTP vai cada vez mellor. Logo de experimentos esquecibles coma unha serie sobre o Camiño de Santiago, “Vidago Palace” e a ainda recene “A Espía” amosa a potencialidade da colaboración entre irmáns.

Na recente, exitosa coprodución, “Auga Seca”, puidemos escoitar por primeira vez a un portugués (Victoria Guerra) falar en correcto galego. A serie de grande orzamento e xa exportada internacionalmente, é simbólica polo potencial e a realidade dun espazo transmiñoto conxunto: a representación do urbano do lado “espanhol” é tristemente ficticia, con policías nacionais falando galego e o idioma dominador ausente agás na fonética de boa parte dos actores galegos. As mesmas barreiras e falsos amigos impiden de momento que programas televisivos conxuntos (como si ocorre no espazo escandinavo) non pasen de intentos frustrados coma a celebración dun Aquí Galicia-Aquí Portugal no 2017.

Oportunidades abondan para un espazo comunicacional conxunto. Houbo un tempo que A Nosa Terra reproducía contido do Público pero hoxe non ocorre. Xunto co Expresso, o Observador e o “i”, para alén do Diario de Noticias, ou Correio da manha (estes dous máis semellantes ás nosos) a prensa portuguesa é de moi grande calidade, se ben, certo é, excesivamente centrada nas pequenas cousas da elite lisboeta. Oportunidades hai para a sindicación de contidos, sobre todo para a raquítica prensa en galego. Por non falar que teñen nada menos que catro canles de noticias en continuo.  Fraga deulle as frecuencias da TDT galega a catro amigos. É no noso interese que as ocupen canles portuguesas.

Escoitar a portugueses usar correntemente palabras que nós xa non usamos ou que, coma moito, algúns gardamos nas memorias da infancia.    Dous pobos separados polo mesmo idioma. Un mesmo diasistema, catro normativas, pois eles tamén teñen as súas propias leas con Brasil. Foi doado pra os enxeñeiros de Google usar o código de programación do portugués para ofrecernos (de balde) un tradutor en Galego. Mais a mesma técnica amosa que estatisticamente a nosa prosodia cada vez está máis próxima do español, ata entre os galegofalantes nativos. Emporiso resulta frustrante que sexa tan doado pasar da comprensión á falta total de entendemento do que un portugués está a dicir  dependendo do contexto ou do rexistro que estea a usar, cando entendemos perfectamente a cantantes de flamenco ou humoristas sevillanos.

Que pase o mesmo co Urdu-Hindi ou cos idiomas, máis ben, dialectos con bandeira e forzas armadas, de Escandinavia, perfectamente intelixibles entre si (no caso do noruegués con dúas normativas oficiais, unha hiperenxebrista e outra que é danés) ou que en Flandres (seis millóns) precisan de pór subtítulos na televisión porque non se entenden entre eles non é consolo dos cómplices da diglosia cara o español. Demasiados galegos foron socializados para ignorar a Portugal do mesmo xeito que os nenos moldavos foron convencidos trala ocupación soviética que falaban un idioma que nada tiña que ver co romanés.

Carvalho Calero, ou Estravís, fixeron unha enorme aportación á nosa cultura. Dito isto a crecente popularidade entre o público de fala galega de expresións pseudo-lusistas (pois nin se molestaron en aprender portugués, nin sequera ese híbrido que é a normativa que promove a AGAL e que ten en Novas da Galiza a súa expresión máis sobranceira) non deixa de ser un disparate, sobre todo na Galicia real. Semella que como agora ata xente pouco sospeitosa de galeguista é capaz de expresarse nun galego aceptable, grazas ao ensino público, haxa quen precise distinguirse con outra cousa. Galicia coma instrumento de vaidade persoal.

Certo é que a normativa oficial (felizmente estabilizada camiño hai xa de dúas décadas) ten a inercia de estar excesivamente próxima ao español por ser nesa lingua na que se instruíron tódolos nosos autores desde o Rexurdimento adiante pero tamén é unha opción estratéxica: por unha banda evita a resistencia ao aprendizaxe escolar do galego dun sector moi importante e moi hostil da nosa sociedade (os mesmos que non querían a cooficialidade) e por outro ter a nosa propia normativa é un instrumento dun moi necesario, e moi escaso entre nós, reforzo de identidade de grupo. Ter unha actitude subsidiaria coa lingua de Lisboa, como se foramos belgas ou suízos francófonos con París non ten sentido. Pra dependencias metropolitanas xa temos a Madrid. E nese contexto entre o orixinal e o sucedáneo, antes ca unha normativa mediopensionista mellor aprender directamente o portugués “padrao”.  Cousa que ninguén fai, nin sequera unha suposta elite intelectual.

Falta vontade. As referencias de cultura popular actual que se citaron neste artigo non as coñece case ninguén en Galicia. Non falemos de Eca de Queiroz ou Pessoa. Saramago se tal porque a muller era sevillana.  E iso que no mundo de hoxe non haxa nin que saír da casa e mito menos cruzar a fronteira para acceder a toda esta cultura. Hai que ter interese.

 Non sorprenderá a ninguén que a Lei Paz Andrade de 2014 non fora a ningures logo de ter tido aprobada. Saíu adiante por unha coalición improbable, do mínimo común denominador, entre empresarios e parte do galeguismo. Pero non había vontade real, coma sí ocorre en Estremadura, onde a inmensa maioría do estudantado ten o Portugués como idioma escolar.

No eido da cooperación internacional o Consello da Cultura e logo a AGAL son observadores da Comunidade de Países da Lingua Portuguesa. Pero fixeron falta catro décadas para acumular a vontade de usar a potestade que nos outorga o Estatuto para solicitar, vía o goberno español, que Galicia tivese status de observador oficial na CPLP. Intento non nato, porque o corporativismo do servizo diplomático español xa se encargou de neutralizalo non fora un precedente para Cataluña noutros foros mundiais: o Reino de España solicitou para si mesmo a cadeira que ía ser para Galicia.

Parafraseando a Suso de Toro os portugueses son os únicos aos que nos sentimos capaces de ver con aire superioridade. Ou como obxecto exótico, orientalista. No fondo, Portugal é unha escusa, evocámolos superficialmente, sen querer realmente saber moito deles. Como tamén facemos co celtismo, Europa, Latinoamérica e mesmo a propia España. Evasións para que os galegos non teñamos que pensar sobre nós mesmos. Mirarnos ao espello. E falarmos entre nós. Ó final os galegos somos os ilusos.

bandeiras de Portugal e Galicia
bandeiras de Portugal e Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA