"A Xunta pon en perigo a saúde de milleiros de funcionarios ao incumprir protocolos de seguridade", din os sindicatos

Denuncian que non se respecte a Lei de Prevención de Riscos Laborais nin as "mínimas precaucións" na incorporación de 10.000 traballadores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/05/2020 | Actualizada ás 20:56

Comparte esta noticia

A Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO), Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) e Unión Xeral de Traballadores (UGT) denuncian en bloque á Xunta por "incumprir" o protocolo de reincorporación dos traballadores desta Administración á actividade presencial e solicitan que o paralice.

Así o fixeron constar nun escrito enviado este domingo á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia e Administracións Públicas. Segundo todas as forzas sindicais, o Goberno galego está a incumprir o protocolo de incorporación que foi aprobado no propio Consello da Xunta o pasado 8 de maio.

Baixo esta premisa, os sindicatos tamén denuncian que non se respecte a Lei de Prevención de Riscos Laborais nin as "mínimas precaucións que se teñen que ter para a apertura progresiva de centros e servizos en base ao sentido común". "Preto de 10.000 empregados poden estar chamados a esta reincorporación" debido á reapertura da actividade presencial en bibliotecas, museos e arquivos da Consellería de Turismo; as oficinas de emprego da Consellería de Economía ou as oficinas comarcais agrarias da Consellería de Medio Rural.

As forzas sindicais tamén aseguran que as Consellerías se están "saltando pasos de control e avaliación" coas chamadas telefónicas que realizan aos traballadores para reincorporarse este luns, sen que se tomaron "as medidas preventivas necesarias" nos centros.

REINCORPORACIÓN "Ás BRAVAS"

Neste sentido, explicaron que o venres a dirección xeral de Función Pública acabou de enviar os informes para solicitar os permisos en PortaX para a reincorporación. Dados os tempos que se manexan, os sindicatos pregúntanse "como lle vai a dar tempo ao persoal a solicitar o permiso correspondente á súa situación e ás xefaturas a resolvelo durante a fin de semana".

Para eles, este procedemento supón unha reincorporación "ás bravas" que pon "en risco a seguridade e saúde" dos traballadores, así como tamén supón o "abandono dos menores e maiores a cargo".

Os sindicatos consideran que non se escoitaron as súas reclamacións e piden que se paralice o proceso e ouzan as demandas para fomentar o teletraballo, así como a flexibilidade durante a reicorporación "progresiva ao traballo presencial".

"ACTITUDE IMPOSITIVA" DA XUNTA

En todo caso, rexeitaron a "actitude impositiva da Xunta que contradí o Protocolo, pon en risco ás persoas e usuarios de servizos públicos e vai en contra a prudencia e principio de precaución que a Adminsitración debería ter" neste aspecto.

Por todo iso, advirten á Xunta de que o proceso debe paralizarse "de forma inmediata e cautelar" e que, en caso de non responder a esta reclamación, os sindicatos veranse "na obrigación de defender os dereitos do persoal empregado público ante as instancias correspondentes".

Feijóo en rolda de prensa en San Caetano
Feijóo en rolda de prensa en San Caetano

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta