GC Aberto

A COVID-19 e a educación

Por admin | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2020

Comparte esta noticia

A pandemia provocada polo SARS-CoV-2 (comunmente coñecido como coronavirus) non só levou consigo, por desgraza, milleiros de vidas, senón que carrexou consecuencias devastadoras que non só están vixentes na actualidade senón que tamén traerán consigo repercusións en tempo prospectivo que afectarán aos ámbitos económico, social, sanitario e, en consecuencia, ao eido educativo.

Un neno estuda e fai os deberes en casa coa axuda da súa nai, en Madrid (España) a 15 de abril de 2020.. Eduardo Parra - Europa Press
Un neno estuda e fai os deberes en casa coa axuda da súa nai, en Madrid (España) a 15 de abril de 2020.. Eduardo Parra - Europa Press

Un dos grandes erros que ao longo da historia cometeu o sistema educativo (a trazos xerais) foi o de considerar a escola como un microsistema completamente alleo ao macrosistema social, á rúa, á realidade que acontece fóra do centro. É primordial ter en consideración o contexto da nosa escola e a situación non só social e familiar do alumnado, senón tamén, por mor do sistema capitalista imperante e ao clasismo que trae consigo, á súa situación económica.

Á parte das diferenzas entre o alumnado fóra do centro escolar, as e os discentes tamén teñen diferenzas dentro da aula (diferentes ritmos de aprendizaxe, algunhas necesidades específicas de apoio educativo, diferenzas con respecto aos niveis de desenvolvemento psicocognitivo...). Algunhas profesoras e profesores (co visto bo da administración educativa en moitos casos) non atende a estas diferenzas, unificando e despersonalizando a educación.

Deste xeito, adaptármonos á realidade do alumnado é unha das tarefas máis dificultosas e con máis pexas que debe realizar o equipo docente de calquera escola do planeta, fundamentada na idea de que o alumnado é diferente (máis aínda se cómpre se exercemos como docentes nun centro público). Porén, portas para dentro da aula, dende xa hai bastantes anos tentouse, polo xeral, ter en conta a realidade do alumnado, establecendo certos principios de equidade.

En troques, portas para fóra da escola a realidade é moi distinta. Grande parte do profesorado (referíndome así a tódolos niveis educativos) non ten en conta a diversidade existente entre o alumnado máis alá da aula. Por exemplo, no que respecta á universidade, se hoxe en día

preguntaramos cantos dos estudantes da USC (ou de calquera outra universidade do SUG) poderían seguir a súa formación sen empregar a conexión a Internet, seguramente ningunha persoa respondería afirmativamente. Como entramos ao Campus Virtual? Como procuramos recursos e fontes bibliográficas para a realización dos nosos traballos académicos? Con todo, é xusto agora, nun momento no que se fai necesaria a docencia non presencial, cando as universidades ofrecen axudas económicas a aquelas persoas que as precisan ao non poder sufragar a súa conexión a Internet. Como faciamos antes en zonas rurais onde, a día de hoxe, e a pesar das axudas, a cobertura é escasa? Isto é un exemplo máis que reflicte a grande fenda dixital vixente hoxe en día.

Tendo en conta o ámbito que me concirne, a Educación Primaria, e recollendo experiencias de persoas achegadas, nalgúns cursos de Primaria (como tamén en Infantil) algunhas profesoras e profesores preocupáronse en achegarse ao alumnado a través das familias, empregando ferramentas como o WhatsApp, a pesar de que siga habendo familias sen acceso a Internet ou con moi mala conexión. Outras e outros docentes xa nin sequera se preocuparon en buscar algún xeito de contactar co alumnado.

En troques, esta obsesión por mandar tarefas e deberes ao alumnado (xa que non poden perder tres meses de escola dos 15 anos que probablemente botarán escolarizados), adquire grandes e preocupantes dimensións se falamos dos últimos cursos de Educación Primaria (5o e 6o, principalmente) e a Educación Secundaria Obrigatoria. Mostrouse nestas etapas que o Proxecto E-Dixgal, presentado hai anos pola Xunta como unha novidade que ía revolucionar e dixitalizar as escolas, tratouse en realidade dun elemento que, a pesar das súas boas intencións, non fixo máis que acentuar estas fendas entre o alumnado fóra da aula.

Máis alá disto, no que respecta á metodoloxía empregada polos docentes para achegar a escola ao alumnado en tempos de pandemia, tamén debemos ter en conta que se deben establecer solucións didácticas para contrarrestar a pobreza e a inxustiza espacial nos distintos municipios nos que se atopan ditos centros. Vémolo mellor cun exemplo: é o mesmo falar dun colexio localizado no centro da Coruña que dun centro localizado nun barrio obreiro olívico como é o do Calvario? Máis alá de fronteiras galegas, é o mesmo traballar nunha escola do barrio de El Viso, no distrito de Chamartín, en Madrid, cunha renda anual media

dos fogares superior a 100.000 €; que nun colexio localizado no barrio das Tres mil viviendas de Sevilla, un dos máis pobres do Estado español, con pouco máis de 10.000 € de renda anual media?

Deste xeito, se a administración xa é cómplice destas diferenzas, unha grande parte do profesorado encargouse de pronunciar máis se cómpre as mesmas (aínda que en moitas ocasións non con malas intencións, senón para cumprir coas exixencias dos mandos superiores: avaliar, avaliar e avaliar). Observo, na miña contorna, que moitas e moitos docentes envían moreas de tarefas. De verdade é tan crucial e tan decisivo no futuro do alumnado tres-catro meses sen escola no medio dunha pandemia? Creo que, máis que asfixiar o alumnado con tarefas nimias, é máis interesante que as e os mestres manteñan o contacto coas e cos seus discentes. Acaso non chegan as 6-7 horas diarias (como mínimo) que o alumnado bota nas escolas durante máis de oito meses para contrarrestar esta perda?

É importante subliñar que isto tampouco implica, sempre dentro das posibilidades do alumnado, que o profesorado recomende ler un libro que teñan pola casa e contarlle a historia á mestra ou mestre, realizar un crebacabezas, saír facer deporte, coser unha máscara, ou mesmo ler o xornal (tampouco debemos ser cómplices do sedentarismo e da inactividade). O que, dende a miña perspectiva, non pode ser, é que rapazas e rapaces de 10 anos con toda unha vida por diante se vexan máis atarefados que nunca.

Así, as fendas socioeconómicas e a sociedade clasista agroman xa dende os 3 anos (educación infantil) ata os 22 (universidade), e en moitos casos son ata percibidas polo alumnado.

Todas as diferenzas mencionadas agrávanse se temos en conta que algúns profesores se preocupan moito e outros se esquecen completamente do asunto. Na miña opinión, isto debería estar correctamente lexislado, xa que non é lóxico que, verbi gratia, o alumnado de terceiro dun centro traballe seguindo “certa regularidade” e o alumnado doutro centro ou mesmo de outras unidades (grupos A-B) non fixera nada durante o período de confinamento. Isto non só supón acentuar ditas diferenzas, senón que tamén dificultará a tarefa docente

en vindeiros cursos, xa que non saberán o nivel dende o que parte o alumnado.

Así, a pandemia provocada polo coronavirus (Covid-19) non só afecta á economía, ao emprego, á sanidade e, en consecuencia, a tódalas familias españolas; senón que este virus novidoso que parecía que non nos ía afectar e ninguén estaba preparado para facerlle fronte, tamén tivo efectos apreciábeis no ámbito educativo.

Neste momento cobra sentido esta pregunta indirecta: é lóxica a avaliación do terceiro trimestre?

En definitiva, para concluír e a modo de resumo, no pico dunha pandemia non importa aprender o algoritmo da división ou a análise sintáctica dunha oración; senón que se fai necesaria a chamada do profesor, o contacto docente-discente, o apoio, o afecto, o agarimo, un “que tal vai todo? Botas de menos a escola?” e non un “colle o libro de matemáticas e fai os deberes da páxina 31 á 34”.

XURXO VARELA OTERO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Pamela

Bravísimo!! Comparto a túa perspectiva.

2 Carlos f

Xenial artigo e perfecta reflexión!! Parabéns

1 Gamela

Parece que acabas de descobrir que existen e existiron sempre moi diversos "estilos docentes" (por chamarlle en plan lindo) sempre houbo profes que consideraron o traballo da aula coma un sofrimento insoportable e entraban dicindo abride o libro na páx. 35 e facede tódolos exercicios ata que vos chame para corrilixos (?) e houbo outros profes que facían xustamente o contrario: que tal onte? víchedes o programa Tururú na televisión, que vos pareceu? e así pasaban o tempo non sen antes interrogar a fulanito ou menganito para saber que lles parece tal ou cual profesor do centro (?) O único que fixo o coronavirus é facer público o que antes era PRIVADO (as aulas on line deixan co cú ao aire a centos de persoas que levan toda a vida facendo o mesmo sen que ninguén o saiba, e sobre todo sen que a Inspeción Educativa faga nada para remedialo !)

1 Xurxo

Boas Gamela, non é iso, senón que se subliña o feito de que a diversidade de metodoloxías docentes pode carrexar problemas nun futuro. Evidentemente, todos sabemos que dende os comezos do SE a diversidade de estilos docentes foi algo que o caracterizou.