Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/12/2012 | Actualizada ás 16:00
Hai unhas semanas era o presidente da Real Academia Galea (RAG), Xosé Luis Méndez Ferrín, quen reclamaba máis compromiso por parte das administracións para manter viva esta institución. Desta volta é AGE, o grupo ao que pertence o propio Ferrín, o que lle pide á Consellería de Cultura que se comprometa orzamentariamente.
"AGE considera unha burla e unha mentira as previsións da consellaría de in-cultura en materia de orzamentos para a Academia Galega", asegura o deputado de EU, membro desta coalición, Xabier Ron, logo de coñecer que nos orzamentos da Xunta a cantidade para a RAG é de 300.000 euros.
Por iso, critica a Xesús Vázquez por terse "comprometido" na Cámara a apoiar esta institución e comprobar que ese comopromiso quedou en nada nos orzamentos do Goberno galego.
Declaración de guerra
E é que, para AGE os cartos consigandos pola Xunta á RAG abocana a realizar un ERE, "toda vez que a contía que se consigna apenas supón outra cousa que unha declaración de guerra á Academia".
Este grupo parlamentario xa anuncia que tentará enmendar esta situación no trámite orzamentario para que no documento final se achegue unha cantidade que permita o mantemento das funcións e tarefas que desenvolve a Academia. Cantidade que, para AGE, ten que rondar alomenos o millóns de euros. "Todo o demais supón continuar a guerra contra unha institución necesaria para a nosa lingua e cultura, patrimonio sen o cal non se entende ao noso país", denuncia Ron.
"Seremos belixerantes tanto coa fórmula da consellaría de afogar con recortes o funcionamento da Academia, canto coa política de gañar tempo e engordar a arbitrariedade, evidente na intención dos anuncios da consellaría de que haberá convenios específicos a maiores. Claro recoñecemento da absoluta insuficiencia do orzamentado na actual proposta do PP", critica AGE.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.