'50 anos da Casa de Rosalía', exposición que chega a Allariz

A mostra, que fai un repaso pola historia desta Casa-Museo que abriu ao público no 1971, poderase visitar na Alameda ata o 13 de xuño.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 06/06/2025 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’ é unha exposición na que se repasa a historia desta Casa-Museo que abriu as súas portas ao público o 15 de xullo de 1971 lembrando o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta Casa grazas á colaboración de milleiros de persoas.

Retrato de Manuel Murguía e Rosalía de Castro cos seus fillos na casa da Matanza
Retrato de Manuel Murguía e Rosalía de Castro cos seus fillos na casa da Matanza | Fonte: RAG.

A mostra, que se pode visitar na Alameda ata o 13 de xuño, está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Museo

50 ANOS DUN LOGRO COLECTIVO

A historia da Casa de Rosalía é a historia dun logro colectivo. Pouco despois da morte de Rosalía a casa da Matanza fica baldeira. Despois de varios intentos, é mercada en 1946 por Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera. O Patronato Rosalía, creado en 1947, acabou sendo refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Ata 1951 non se realizou a primeira restauración, segundo planos de Gómez Román. Pero foi a partir da presidencia de Sixto Seco cando en 1971, baixo a dirección de Fernández-Albalat, cando se puido inaugurar como Casa-Museo o 15 de xullo dese ano. Da montaxe e dirección do Museo encárgase Xosé Filgueira Valverde.

A Casa da Matanza converteuse en Casa-Museo en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. A partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, realizada no Pedrón de Ouro de 1970, iniciouse unha campaña na que participaron centos de persoas, de xeito particular e ás veces anónimo, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta