O alcalde de Cedeira insta a Feijóo a rectificar por criticar a retirada dunha rúa a Fraga

A localidade mantén as dedicadas a Fraga como presidente da Xunta e lembra que a que se retira se refire á súa etapa no goberno de Franco.

Por Europa Press / Redacción | Cobas (Ferrol) | 26/05/2020 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

O alcalde de Cedeira, o socialista Pablo Moreda (PSOE), instou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a rectificar tras as súas críticas á decisión do pleno deste municipio de retirar unha rúa dedicada a Manuel Fraga Iribarne.

Nunha misiva remitida ao máximo mandatario autonómico, o rexedor traslada o seu "malestar e tristeza" e estima que as manifestacións de Núñez Feijóo foron froito dunha información "errónea" transmitida desde o grupo municipal do Partido Popular.

En concreto, Feijóo acusou o goberno municipal de aprobar este cambio de denominación "no medio da pandemia da COVID-19 e de buscarréditos políticos". Ante iso, o alcalde considera que o presidente da Xunta "incorreu nun erro ao non contrastar os datos facilitados polo portavoz do PP no Concello de Cedeira, Luís Rubido, polo que as súas afirmacións nada teñen que ver coa realidade".

Neste sentido, o rexedor sostén que o responsable local do PP "actuou coa única intención" de facer "dano persoal" tanto a el mesmo como aos veciños de Cedeira" ao realizar "unhas declaracións maliciosas, dando a entender que isto se fixo durante o estado de alarma".

"TRISTEZA"

"A miña sensación de tristeza foi enorme ao escoitar nunha rolda de prensa ao presidente de todos os galegos facer unhas acusacións que non se corresponden coa verdade e que fixeron un dano moi grande tanto a min como a todos os veciños de Cedeira e sobre todo á miña familia", asegura o rexedor nun parágrafo da carta enviada este martes, 26 de maio, a Núñez Feijóo.

Nela, Moreda aclara ao presidente da Xunta que o pleno no que se tomou o acordo tivo lugar o 9 de marzo, "unha semana antes da declaración do estado de alarma, e que a decisión obedece ao cumprimiento, a instancia do Senado, da Lei da Memoria Histórica, que obriga a retirar o nome dunha rúa que lle foi dedicada a Manuel Fraga como ministro de Información e Turismo do goberno de Francisco Franco".

ETAPA DEMOCRÁTICA

Tras iso, o rexedor de Cedeira sinala que "en ningún caso", "lle pasaría pola cabeza retirar o nome dunha rúa dedicada a unha persoa que foi elixida democraticamente como presidente da Xunta de Galicia" e lembra que no municipio existen varias placas que levan o seu nome en recordo do período que estivo á fronte da Xunta.

Por último, o rexedor municipal convida o presidente da Xunta "a visitar Cedeira para que coñeza realmente os problemas que compartimos todos os cedeirenses, para sumar forzas e mellorar a calidade de vida dos veciños, sobre todo nestes momentos tan difíciles para as familias".

Manuel Fraga na praia de Pombais (Almería). EUROPA PRESS - Arquivo
Manuel Fraga na praia de Pombais (Almería). EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta