Por Xosé Glez. | Vigo | 01/06/2020
O fusilamento do seu fillo dous meses antes, Enrique Peinador Porrúa, fiscal en Madrid e activo combatente das Milicias galegas puido ser a causa determinante do seu falecemento. Porque deica entón gozara de boa saúde. O seu entusiasmo foi tal que mantivera reunións con outros compañeiros para reconstruir o Partido Galeguista na clandestinidade.
A lembranza deste 80º cabodano é un pretexto para afirmarmos que Enrique Peinador Lines foi o precursor da Responsabilidade Social Empresarial na Galicia do seu tempo; que foi un empresario sobranceiro que puxo ao servizo da institucións e da cultura galega unha boa parte das súas rendas patrimoniais.
En 1929 a familia Peinador outorga documento de doazón ao Estado dun terreo destinado a xardín e edificio en construción denominado Gándara ou Carregal de 2.250 m². valorado en 900.000 pesetas, para instalar, coa dirección da Universidade de Santiago de Compostela, un Instituto de Fisioterapia, Colexio Maior e Residencia de verán, de médicos e estudantes (mesmo estranxeiros) para ampliación de estudos relacionados coas devanditas disciplinas, e instalar ali liceos e gabinetes científicos “que os organizadores directivos acorden”. A Real orde ministerial aceptando a doazón calificouna “como un acto altruista e patriótico, que é merecente da gratitude do Estado e coñecemento público”.
O citado Sanatorio/Instituto de Hidroterapia, inconcluso, deseñado por Palacios, estaba previsto que funcionase coa mellor das tecnoloxías médicas. Tiña o obxecto de centrarse na cura ou alivio de enfermidades artriticas. Pretendíase darlle uso como escola sanitaria e tamén albergaba varias salas de reunións para congresos, espazos específicos para laboratorios e un museo que, pretendidamente, estaba destinado a ser o Museo de Historia Natural de Galicia. O proxecto era o resultado das actividades científicas que se viñeran realizando no Balneario coma fora o Congreso de Oncoloxía organizado polo catedrático da Universidade de Santiago Roberto Nóvoa Santos.
O profesor Ricardo Gurriarán Rodríguez, o seu biógrafo, (“Enrique Peinador Lines e Mondariz. Empresa,Turismo e País”, que se pode descargar en www.galeguizargalicia.gal), dá conta doutro proxecto: construír unha chamada Casa de América en Mondariz que servise de “centro á comunicación constante entre os habitantes da rexión pontevedresa e os milleiros de amigos e consocios que viven na Argentina, en México, Chile, Uruguay, Cuba e nos Estados Unidos do Norte”.
O Balneario contou con servizos modélicos como un Instituto de Nutrición situado no edificio da Baranda, con gabinetes nos que había raios X, laboratorios de análises e consultorios, dirixido polo doutor José García-Blanco, xenro de Enrique Peinador Lines.
Durante máis de cincuenta anos ocultouse a súa memoria ata que o Foro E. Peinador foi no seu rescate, tendo como aliado a José Antonio Lorenzo, alcalde do Concello. O galeguismo da posguerra e os estudosos da economía galega ignorárono tamén, con algunha excepción. A maioría do nacionalistas, centrados unicamente na reivindicación literaria, descontextualizaron a un personaxe clave do galeguismo do primeiro terzo do século XX. O seu mecenado foi intenso e extenso, xeneroso e proactivo: Real Academia Galega, Seminario de Estudos Galegos, a revista Nós e outras iniciativas do tempo foron as grandes beneficiadas do seu filantrópico patriotismo.
Vidales Tomé ao caricaturizalo cunha monteira definíuno perfectamente cun pé que di: “ENRIQUE PEINADOR. Que fala galego porque...pensa en galego!.