A trabe de ouro

Non cómpre sermos Keynes ou Marx para decatármonos dun feito evidente: as crises cíclicas do capitalismo poñen en perigo a moeda de curso legal pero consolidan o ouro como valor seguro. Esta realidade demostrada unha e outra vez pola Historia Económica tivo, e ten, as súas consecuencias arqueolóxicas, como non podía ser doutro xeito.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 17/01/2013

Comparte esta noticia
O ricaz NW da Península Ibérica é un magnífico exemplo desta tendencia. Se analisamos o traballo de xeólogos estranxeiros en Galicia no primeiro terzo do século XX, se botamos unha ollada ás concesións mineiras da época (en mans de alemáns, británicos, belgas e franceses) veremos como a ciencia e a xeopolítica están xunguidas irremediablemente. Coa 2ª Guerra Mundial non só o wólfram galego era un recurso estratéxico senón tamén o ouro pasou a ser un obxectivo prioritario. Neses anos 40 constátase un anovado interese pola materialidade xerada pola minería romana na antiga Gallaecia. Entre ese plantel de estudosos non faltaban académicos colaboracionistas da Francia de Vichy. En todo caso, esa época de crise serviu de primeiro chanzo para o interés internacional pola histórica riqueza aurífera galega. 
 
A crise enerxética de 1973 suporía o acicate definitivo para a redescuberta da minería romana no NW. O interés de empresas estranxeiras para voltar poñer en valor os antigos depósitos auríferos conlevou o desenvolvemento dunha liña de investigación liderada por Antonio García Bellido e o francés Claude Domergue. A administración arqueolóxica tardofranquista serviu de cobertura científica a uns intereses mineiros que lle acaían moi ben aos obxectivos da economía planificada da ditadura. Finalmente non se reactivaron as minas, pero todo ese traballo serviu para estudar sistematicamente a implantación da minería romana no Bierzo, na Valduerna, na bacía do Navia e no Este de Galicia. Este filón de información foi a base a partir da cal o arqueólogo Francisco Javier Sánchez-Palencia e a arqueóloga María Dolores Fernández-Posse  desenvolveron a Arqueoloxía de campo necesaria nos anos 80 e 90 para acadar que As Médulas de Carucedo fosen Patrimonio da Humanidade.
 
A terceira e última fase, polo momento, deste anovado interés aurífero é un produto derivado do crash de 2008. Distintas bisbarras de Galicia e Asturias son nos últimos anos campos de experimentación para multinacionais europeas e norteamericanas que procuran a reactivación de xacementos auríferos tanto primarios (en rocha) como secundarios (de natureza sedimentaria). O caso de Corcoesto insírese nesta dinámica. Máis alá da polémica sobre o tema, interésanos agora subliñar un aspecto salientable dende un punto de vista sociolóxico: parte das comunidades locais e da sociedade galega en xeral está a favor deste tipo de explotacións. Esta actitude obedece a diferentes causas, como son unha determinada concepción do Progreso e a Modernidade, a pervivencia dun sistema caciquil de control do poder ou a consciencia de vivir nunha eterna crise no eido rural. Así e todo, eu creo que neste panorama tamén cómpre xubliñar unha realidade que xoga na contra do activismo ecoloxista e dos movementos de resistencia contra este tipo de iniciativas. Estámonos a referir a un fracaso colectivo: despois de décadas tentando convencer á xente da necesidade dunha reconversión para o desenvolvemento rural, de dilapidar fondos europeos na promoción do turismo cultural, na creación de aulas e centros de interpretación pechados, de paradores arruínados e casas de turismo rural se abrir… despois deste investimento o rural galego segue a baleirarse. Os rapaces que seguían a vivir no Courel facíano porque traballaban na explotación da lousa. Este Nadal percorrendo a estrada que cingue o val do río Lóuzara entre Samos en O Incio demos cunha pintada á entrada dunha aldea semiabandonada: “Vamos comer turismo”. Moito me recordou ás pancartas escritas a mao e penduradas en Mondoñedo nas que se defendía “un Mondoñedo industrial”. A xente non é parva. A xente é víctima da incompetencia de burócratas e políticos sen escrúpulos, de técnicos de desenvolvemento local, de nós os supostos especialistas que sabemos o que é bo para a xente do común. Nin os discursos paternalistas, nin as boas intencións, nin a angueira pola concienciación patrimonial valen de moito xa a día de hoxe. Por iso proxectos como o de Corcoesto ou a reactivación das louseiras do Courel son vistos con moi bos ollos por parte dos habitantes deses sitios, por xente que foi enganada durante décadas. A mesma xente que se botou as maos á cabeza cando pechou a Cerámica do Castelo en Monforte de Lemos ou nestes días cando vai rematar a experiencia do Oural. A mesma xente traballadora que ve nestes recursos unha posibilidade para non marchar da súa terra. 
 
Galicia, hoxendía, atópase nun intre difícil no que as decisións, sempre políticas, poden dar coa trabe de ouro ou, en troques, poden dar coa trabe de alcatrán. O resultado dependerá de quen manexe o libro para atopar o tesouro. Na miña terra xa se atoparon as dúas. A mina de ouro romana dos Medos (antano a mítica cidade de Miraflores) foi destruída en nome do progreso para erguer un campo de tiro, un verquedoiro municipal, un campo de fútbol e un polígono industrial. Un día apareceu Don Manuel para inaugurar a primeira empresa do polígono: unha nave para a confección de biquinis. O emprendedor emprendeuna rápido e fuxiu cos cartos das subvencións. Nunca saiu un biquini dos Medos. Hoxe a nave é unha ruína máis. A destrución do Patrimonio e o falso estímulo industrial xunguíronse aquí para eliminar o principal recurso cultural que lle quedaba ao concello para atraer o turismo. 
 
En contraposición ao caso dos Medos, eu creo que si é posible unha conciliación de intereses dacordo con modelos de desenvolvemento racionais e participativos. Pero para iso fai falla outra clase política, outra Universidade e outra ciencia galega, como a protagonizada no seu día polo xeólogo Isidro Parga Pondal, verdadeiro artífice do I+D+I da riqueza mineira de Galicia.
 
P.S. De Montefurado falaremos outro día.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA