Médicos non ven "motivo" para a segunda onda do estudo do Sergas sobre o coronavirus

Non ven "motivo" para isto nun momento no que teñen que recuperar actividade asistencial pola pandemia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/06/2020 | Actualizada ás 16:06

Comparte esta noticia

Médicos e persoal de enfermaría da área da Coruña mostraron o seu rexeitamento á realización da segunda onda do estudo epidemiolóxico do Sergas sobre a circulación do coronavirus SARS-CoV-2 en Galicia porque non ven "motivo" nun momento no que teñen que recuperar actividade asistencial pola pandemia.

Proba de COVID-19
Proba de COVID-19 | Fonte: Europa Press

"Se a utilidade epidemiolóxica é cuestionable, a utilidade clínica é nula. Nada vai achegar aos nosos pacientes a información que se poida obter. Peor aínda, pode levarnos a darlles unha información errónea", comunicou a Asemblea da área Sanitaria da Coruña ante o inicio do luns 8 de xuño da segunda onda.

Así, consideran que iso lles "coloca ante un problema de ética profesional" relativo a "colaborar nun proxecto que non" lles parece "cientificamente sólido e ter que tomar decisións con datos que poden non ser fiables".

Ademais, apuntaron que a dedicación do persoal de enfermaría á realización do test, dos que dixeron que "non está acreditada suficientemente a fiabilidade", supón "un investimento de tempo e recursos nos centros de saúde que detraen doutras actividades de moito máis valor clínico neste momento" como a realización de "probas complementarias e recaptación e control de pacientes crónicos que quedaron relegados durante a fase álxida da pandemia".

"A escaseza de recursos, xa existente antes do inicio da pandemia, segue estando tan vixente como antes, e a tan cacareada necesidade de reforzar a Atención Primaria vai en sentido diametralmente oposta, ao cargarnos con tarefas cientificamente cuestionables", denunciou este persoal sanitario.

Deste xeito, súmanse á oposición da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) a continuar con este estudo epidemiolóxico. Por iso, a Asemblea da área Sanitaria da Coruña insta o Sergas "a non levar a cabo este proxecto".

En caso de continuar, destacan que "debería de facerse con persoal específico" dos servizos de Medicina Preventiva ou Saúde Pública, "como se fixo co estudo promovido polo Goberno central", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta