Feijóo pídelle ao Goberno central que compense á Xunta por atender aos maiores nas residencias e non nos hospitais

A Xunta, desconforme coa repartición dos 16.000 millóns ás CCAA, pide xestionalos "de forma autónoma" e que non só se teña en conta ás persoas que estiveron en hospitais ou en UCIs.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2020 | Actualizada ás 17:38

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo que o seu Goberno "non comparte" a fórmula de repartición do fondo de 16.000 millóns non reembolsable porque considera que "penaliza ás comunidades autónomas que xestionaron mellor a pandemia" da COVID-19 e pediu xestionar a contía "de forma autónoma".

Desinfección nunha residencia de maiores por parte da Brilat. BRILAT
Desinfección nunha residencia de maiores por parte da Brilat. BRILAT

Así, explicou que "só se financian as persoas ingresadas en hospitais e en UCI", polo que no caso de Galicia "quedan fóra os miles de persoas" diagnosticadas con COVID-19 que foron atendidas nos seus domicilios e "as 350 camas" das residencias de anciáns que foron medicalizadas para non mandar os maiores aos hospitais ou ás UCIs.

Pero, a pesar destas críticas, si recoñeceu que "algunhas cousas si se están tendo en conta": "De momento estamos mal. Un pouco menos mal que hai semanas, é certo, pero seguimos sen a proporcionalidade que nos corresponde". Por iso, e a esar de que valorou que "algunhas cousas" reclamadas desde Galicia "si se están tendo en conta", cre que a cantidade consignada para a Xunta aínda "está moi afastada" da "que lle corresponde por poboación protexida" fronte ao coronavirus.

Así o explicou Feijóo durante a rolda de prensa posterior á videoconferencia de líderes autonómicos co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, quen lles trasladou algúns cambios nos criterios de repartición do fondo, de modo que a poboación de cada comunidade terá agora máis peso.

En concreto, o presidente comunicoulles que 9.000 millóns destinaríanse a gastos sanitarios; 2.000 millóns para un fondo de Educación; e outros 5.000 millóns serían para compensar a caída de ingresos derivada do parón económico. Pero destes últimos, 800 millóns irían compensar a diminución da facturación dos servizos de transporte, como metro, proximidades ou autobuses interurbanos.

BAIXAR O IVE DO TURISMO

En plano económico, o titular do Executivo galego reclamou a redución do IVE para o sector turístico ata o 31 de decembro do próximo ano, é dicir, durante o que resta de 2020 e todo o 2021. A modo de exemplo, suxeriu a baixada do 10 ao 4 por cento --o tipo superreducido-- o imposto de valor engadido en servizos como a hostalaría, os balnearios e a restauración.

"Estou convencido de que isto non vai diminuír a recadación fiscal, senón que a vai a incrementar", explicou Feijóo, posto que confía en que, unha vez baixen os prezos no sector, o consumo "aumentará" e iso levará a "recuperar o emprego".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta