As costas de Pontevedra e A Coruña, entre as máis vulnerables a verteduras mariñas na Europa atlántica

A costa de Portugal lindeira con Galicia tamén está entre as áreas con maior risco por derramamentos contaminantes, segundo un estudo de investigadores da Universidade do País Vasco. As zonas máis sensibles a verteduras atópanse en Reino Unido, país que tamén é o máis exposto no conxunto de indicadores de vulnerabilidade da costa atlántica europea: verteduras mariñas, actividade portuaria, turismo, protección de áreas naturais, e calidade da auga e xestión de residuos.

Por Alberto Quian | Madrid | 17/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O risco de derramanentos mariños na costa galega segue sendo alto. De feito, as provincias de Pontevedra e A Coruña atópanse entre as rexións costeiras máis vulnerables a verteduras na Europa atlántica, segundo un estudo publicado na revista científica Marine Policy polos investigadores da Universidade do País Vasco (UPV/EHU) Javier Fernández Macho, Pilar González e Jorge Virto.

Unha marea de voluntarios limpa as rochas contaminadas polo chapapote do 'Prestige'
Unha marea de voluntarios limpa as rochas contaminadas polo chapapote do 'Prestige' | Fonte: Miguel Núñez.

Por países, Reino Unido e Portugal lideran a clasificación de vulnerabilidade por risco de verteduras mariñas na área do Atlántico europeo, seguidos por Irlanda e Francia. Por zonas, a costa do suroeste de Inglaterra e Gales rexistran os niveis máis altos de risco. Por exemplo, Torbay obtén a maior puntuación de vulnerabilidade a verteduras na escala deste estudo (9,99/10), seguido pola Rexión Suroeste de Gales (9,46), Devon (9,31) e Swansea (9,06).

Entre as 25 zonas máis vulnerables –cun risco por enriba da media europea– só hai catro rexións non británicas: en Galicia, Pontevedra (8,32) –no décimo posto– e A Coruña (7,49) –posto 25–, e no norte de Portugal, Cávado (8,03) e Alto Minho (7,92), nas posicións 15 e 18, respectivamente.

No caso da costa galega, compárase co Atlántico francés, Portugal, Cornualles (Inglaterra) e Gales, xa que “se ven afectadas principalmente por un risco de verteduras directo (67%), pero cun efecto moderado das correntes mariñas (33%)”.

ACTIVIDADE PORTUARIA

Os investigadores tamén calcularon o índice de vulnerabilidade á actividade portuaria, que se mostra “homoxéneo en toda a área atlántica”, sendo Reino Unido e Francia os países con máis risco, seguidos por Irlanda e España, mentres que Portugal alcanza os valores máis baixos de vulnerabilidade.

"A costa británica está moi exposta ao risco de verteduras mariñas; ademais, a súa actividade portuaria é elevada"

A nivel rexional, aínda que os rangos van de 0 a 9,02, o 75% das áreas analizadas están por baixo de 3,09 na escala sobre 10. “A maioría das rexións teñen índices de vulnerabilidade inferiores a 2, e só unhas poucas, aquelas cos niveis máis altos de actividade portuaria, mostran valores superiores a 5”, detallan os científicos, que destacan os casos de Belfast e Antrim (Irlanda), Plymouth e Bristol (Inglaterra), e Sena Marítimo (Francia).

Nesta clasificación, a provincia de Pontevedra atópase entre as 25 áreas máis vulnerables á actividade portuaria, por enriba da media europea, ocupando o posto 20.

Os investigadores definen un primeiro grupo formado por rexións cunha actividade marítima importante e diversa relacionada cos volumes de carga (39%), a área portuaria (24%) ou o transporte de pasaxeiros (20%), que inclúe as rexións de Sena Marítimo, Cádiz,  Sefton e Alentejo Litoral, onde se sitúan os portos de Le Havre, Alxeciras, Liverpool e Sines, respectivamente.

Un segundo grupo está composto por rexións cunha importante actividade de carga (92%), como as rexións irlandesas do oeste e sueste; Bournemouth e Poole, Dumfries e  Galloway e Newry, Morne e Down en Reino Unido; as rexións francesas de Vendée,  Ille-et-Vilaine e Pyrénées-Atlantiques, e varias rexións do norte de Portugal e norte de España, así como as illas de Forteventura e Lanzarote en Canarias.

E un terceiro grupo de rexións cun patrón de vulnerabilidade relacionado co transporte de pasaxeiros, como Dublín, Dorset, A Coruña e Cantabria, as rexións galesas do suroeste de Gales e Flintshire e Wrexham ou as rexións de Irlanda do Norte de Derry City e Strabane e Belfast.

TURISMO

Outro factor que determina a vulnerabilidade da costa é a actividade turística. Aquí, España aparece como o país máis vulnerable cunha media de 3,4 puntos sobre 10, seguido de Portugal e Reino Unido, mentres que Francia e Irlanda obteñen valores moito máis baixos (1,5 e 1,3, respectivamente).

"Os maiores riscos para a costa atlántica española proveñen do sector turístico, especialmente, como é lóxico, Canarias"

Na distribución rexional, obsérvase que sete áreas en España e catro portuguesas están entre as 25 máis vulnerables, mentres que ningunha das rexións francesas está neste grupo. Doutra banda, todas as rexións irlandesas, agás Dublín, atópanse entre as 25 menos vulnerables. A costa galega non está exposta aos riscos derivados do turismo.

Os autores do estudo destacan dúas tipoloxías distintas para as zonas con puntuacións máis altas: os centros turísticos tradicionais e o turismo urbano. O primeiro lugar nesta clasificación ocúpao o Algarve portugués, seguido de preto por Lanzarote e Forteventura (tres destinos de turismo clásico de sol e praia).

Pero no grupo das 25 rexións costeiras máis impactadas polo turismo tamén se atopan centros urbanos como Belfast (5º), Bristol (9º), Glasgow (13), Liverpool (14º), Lisboa (17º), Porto (21º), Dublín (22º) e Cardiff (25º). “Pola contra, outras áreas urbanas do Atlántico europeo relativamente grandes como Bordeus en Francia e Bilbao e Vigo en España teñen unha puntuación baixa”, contrapoñen os investigadores.

PROTECCIÓN DA COSTA

No estudo tamén se mide o nivel de protección das zonas costeiras. Neste caso, Irlanda é o país co maior número de áreas protexidas, seguido de España, mentres que Reino Unido ten o nivel de protección máis baixo.

"A costa galega é bastante vulnerable ao risco de verteduras mariñas, especialmente Pontevedra, seguida da Coruña e en menor medida Lugo. E obtén as mellores puntuacións en calidade das augas e tratamento de residuos"

As rexións máis vulnerables son aquelas sen áreas protexidas, nin terrestres nin mariñas: dezaoito na área do Atlántico europeo, principalmente en Reino Unido e Portugal. En contraste, as rexións menos vulnerables inclúen a maioría das rexións irlandesas, as illas españolas e portuguesas e as rexións francesas de Pyrénées-Atlantiques, Manche e  Finistère, así como as británicas de Bristol e Antrim.

Nesta clasificación, das tres provincias costeiras galegas, destaca Lugo, no posto 25 das zonas menos vulnerables, cun nivel de protección por enriba da media europea.

CALIDADE DA AUGUA E XESTIÓN DE RESIDUOS

O último indicador para medir a vulnerabilidade da costa europea é a calidade da auga e xestión de residuos. Aquí, Reino Unido é o país con maior risco, seguido de Francia, Portugal e España, mentres que Irlanda é o menos vulnerable.

A nivel rexional, o grupo menos vulnerable está formado por todas as áreas irlandesas –agás Dublín– e case a metade das españolas. Doutra banda, vinte e dúas rexións británicas atópanse dentro do grupo das vinte e cinco máis vulnerables.

Os autores destacan Cantabria na parte baixa de vulnerabilidade, seguida por Pontevedra e Lugo, mentres que A Coruña ocupa o sétimo posto entre as áreas con menos risco neste apartado.

RESULTADOS GLOBAIS

Sumando todos os indicadores de vulnerabilidade, as rexións con maior vulnerabilidade pertencen exclusivamente a Reino Unido. De feito, entre as 25 zonas con maior risco, todas menos tres – Cávado (17) e Porto (22) en Portugal e Eure en Francia (18)–, atópanse na costa británica.

"A clasificación global sitúa A Coruña e Pontevedra entre as provincias máis vulnerables da costa atlántica española, mentres que Lugo está nun lugar intermedio"

Nunha escala de cero a dez, as rexións británicas de Plymouth, Liverpool (9,8),  Cheshire West e Chester (9,7), Chorley e West  Lancashire (9,6),  Lancaster e Wyre,  Blackpool, East Merseyside (9,5), Warrington, Somerset e Mid Lancashire (9,2) lideran a clasificación xeral de vulnerabilidade costeira, con seis máis cunha puntuación tamén maior a 9,0.

O resto dos países atlánticos europeos non teñen rexións con puntuacións tan altas. En Portugal, Cávado roza os 9 puntos e Porto ten 8,9; en Francia destacan Eure (8,9) e Sena Marítimo (7,9); en España, Cantabria (7,1), A Coruña, Pontevedra e Forteventura (6,8).

Por países, a puntuación media é: Reino Unido, 8,2; Portugal, 7,1; Francia, 6,2; España, 5,4; e Irlanda, 4,0, cunha media xeral da Europa atlántica de 7,1.

ENTREVISTA

Para profundar máis neste estudo, falamos con Javier Fernández Macho, catedrático do Departamento de Econometría e Estatística da Universidade do País Vasco.

En primeiro lugar, que novidade metodolóxica e relevancia de resultados achega este traballo?

O estudo céntrase na construción dun índice sintético co que medir e comparar a vulnerabilidade das rexións atlánticas europeas (provincias no caso español). Como tal índice sintético, pretende asignar a cada unha desas 100 rexións un valor numérico a partir da información estatística contida nunha variedade de indicadores. Isto expón dúas cuestións nas que o estudo é novo: primeiro, que sistema de indicadores utilizar, e  segundo, como sintetizar a súa información nun único valor.

En primeiro lugar, o estudo selecciona e clasifica a información estatística relevante dispoñible (32 indicadores para cada rexión), nun novo sistema de indicadores de vulnerabilidade dividido en cinco vectores de interese. Isto podería servir de modelo para futuros estudos comparativos centrados noutras zonas costeiras do mundo.

En segundo lugar, o estudo propón a utilización dun novo método de síntese. Un problema típico dos índices consiste na relevancia da ponderación asignada aos indicadores que os compoñen, ata o punto de sospeitar que os pesos elixidos poidan ser artificialmente a causa de que algúns casos saian mellor parados que outros.

Neste estudo proponse a utilización de ponderacións flexibles obtidas directamente dos datos mediante unha técnica de programación lineal relacionada coa análise envolvente de datos (AED).

Por último, o estudo, mediante os dous puntos anteriores, obtén unha clasificación dos países da área atlántica europea utilizando o nivel rexional máis pequeno de cada país.

"A Coruña e Pontevedra atópanse no mesmo grupo caracterizado pola preocupación polas verteduras mariñas e a actividade portuaria, compartindo similares características que a costa sur de Irlanda, a de Gales, a Bretaña francesa e Cádiz"

Que fai que a costa británica sexa a máis vulnerable e a irlandesa a máis resistente?

A costa británica está moi exposta ao risco de verteduras mariñas. Ademais, a súa actividade portuaria é elevada. Mentres, non hai contrapartida nos outros vectores relacionados especialmente coa protección activa de áreas costeiras, calidade das augas e tratamento de residuos, nos que a costa británica puntúa bastante baixo.

Doutra banda, a costa irlandesa puntúa bastante ben en todos estes aspectos de protección e calidade; mentres que, malia estar exposta ao océano, en xeral atópase máis afastada das rutas de tráfico marítimo.

En liñas xerais, en que situación está a costa española e cales son as súas maiores vulnerabilidades/riscos?

Hai que ter en conta que, en conxunto, España ten unha costa atlántica relativamente pequena. Aínda así, os maiores riscos proveñen do sector turístico, especialmente, como é lóxico, Canarias. Pero estes riscos están ben compensados cunha boa protección, en termos comparativos, das súas áreas costeiras e, sobre todo na costa norte, da calidade das augas e tratamento de residuos.

E a costa galega?

Aínda que pareza tópico dicilo, a costa galega é bastante vulnerable fronte ao risco de verteduras mariñas, especialmente Pontevedra, seguida da Coruña e en menor medida Lugo. Doutra banda, obtén as mellores puntuacións en calidade das augas e tratamento de residuos. A protección activa da costa tamén é bastante aceptable.

Remarcando o anterior, é claramente máis vulnerable fronte ao risco de verteduras mariñas, mentres que os factores que a fan máis resistente refírense a calidade das augas e tratamento de residuos.

"Lugo atópase no grupo caracterizado pola preocupación pola protección costeira, xunto a practicamente toda a costa do Cantábrico español e francés e a costa de Portugal"

En comparación co resto de España, en que situación está a costa galega?

A clasificación global sitúa A Coruña e Pontevedra entre as provincias máis vulnerables da costa atlántica española –debido principalmente ao risco de verteduras–, mentres que Lugo está nun lugar intermedio.

Comparada co resto de Europa, en que lugar se sitúa nas súas análises?

En comparación ás 100 ‘pequenas rexións’ da costa atlántica europea, as provincias galegas ocupan lugares intermedios na clasificación de vulnerabilidade: 59, A Coruña; 60, Pontevedra; e 77, Lugo.

Na súa análise por grupos de pares sobre o patrón de vulnerabilidade, con que zonas se podem comparar as costas de Pontevedra, A Coruña e Lugo?

A Coruña e Pontevedra atópanse no mesmo grupo caracterizado pola preocupación polas verteduras mariñas e a actividade portuaria, compartindo similares características que a costa sur de Irlanda, a costa de Gales, a Bretaña francesa e, en España, Cádiz. Doutra banda, Lugo atópase no grupo caracterizado pola preocupación pola protección costeira, xunto a practicamente toda a costa do Cantábrico español e francés e a costa de Portugal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta