Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 15/06/2020 | Actualizada ás 21:24
Os 14 gansos do Nilo, unha especie invasora, que se atopan nos espazos naturais de Pontevedra, principalmente na Xunqueira de Alba, non serán sacrificadas. Así o anunciou o edil de Desenvolvemento Sostible do Concello de Pontevedra, o socialista Iván Puentes, que suliñou que serán enviadas ao centro zoolóxico ornitolóxico Avifauna, situado no municipio lucense de Outeiro de Rei.
Puentes recibiu durante a fin de semana a confirmación de que Avifauna acollerá estas aves que retirará a empresa Larus Control dos espazos naturais de Pontevedra. O edil socialista agradeceu a boa disposición do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta, “que xa está a realizar as xestións para que as aves exóticas poidan ser trasladadas a este parque de conservación da natureza”.
“Avifauna asegura que ten capacidade para todos eles nas súas instalacións, polo que, tal e como avanzamos, estarán nas mellores condicións posibles”, sinalou. Ao mesmo tempo, lembrou que foi o Servizo de Patrimonio Natural da Xunta o que instou en marzo ao Concello a eliminar esta especie invasora, “moi perigosa para a subsistencia doutras autóctonas”, e que existen unha serie de instrucións e directivas europeas, estatais e autonómicas “que o Goberno municipal comparte e que obrigan a retirar estes exemplares dos ríos de toda Europa”.
“Son unha especie exótica e invasora -insiste-, especialmente territorial, e que, ao igual que outras especies invasoras como a velutina ou o cangrexo americano que temos na Xunqueira de Alba, están a destruír os ecosistemas propios de Galicia e a aniquilar outras especies autóctonas como os patos do país, que habitualmente vemos nos nosos ríos”, dixo.
Así, destacou que os controis se realizan “para evitar que se sigan estendendo e que teñamos aquí os problemas que xa se están a producir no Norte e no Centro de Europa (a súa taxa de crecemento anual sitúase en Holanda nun 28% dende o seu establecemento nas zonas silvestres en 1999)”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.