Once anos de cárcere para o home que tentou asasinar a súa muller en Ourense

O Tribunal Superior rexeita a versión de caída accidental do acusado.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 17/06/2020 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense que impuxo once anos de cárcere a un home que tentou asasinar a súa muller a golpes en xaneiro de 2017, segundo informa o alto tribunal galego.

Os maxistrados aseguran que a defensa do condenado "trata de impor a versión da caída accidental", á vez que subliñan que, tal e como declarou o médico forense, o testemuño da vítima é "compatible coas lesións que tiña".

Ademais, lembran que os axentes que realizaron a inspección ocular da casa constataron que na repisa da cociña había sangue, así como no corredor, ademais de pegadas de arrastre, o que "corrobora a versión da prexudicada, refugando a da caída accidental".

En canto á alegación de que o sospeitoso non tiña intención de matar a súa esposa --uns feitos que ocorreron no domicilio que o matrimonio portugués tiña na localidade ourensá de Castrelo do Val na mañá do 2 de xaneiro de 2017-- o alto tribunal indica que é "clara a sentenza".

En concreto, alude a cando afirma "que a morte non se produciu por causas alleas á vontade do autor, como o especial ancho do óso frontal da vítima e a pouca consistencia da tixola empregada como arma, o cal evitou que se producise un resultado mortal".

"O tribunal, en definitiva, realizou unha adecuada ponderación da proba sendo esta suficiente, ademais de coherente, racional e axustada ás regras da lóxica", sinala o TSXG na resolución na que desestima o recurso presentado polo condenado.

Sede Do Tribunal Superior De Xustiza
Sede Do Tribunal Superior De Xustiza

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta