Feijóo sobre os contratos da empresa da súa irmá coa Xunta: "Manteño os principios éticos"

Eulen, a empresa da que é directiva a súa irmá, Micaela Feijóo, facturou case 30 millóns nos once anos de gobeno de Feijóo na Xunta.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, falou este venres sobre os case 30 millóns de euros que obtivo a empresa Eulen, a multinacional da que é directiva a súa irmá, Micaela Feijóo, en contratos públicos durante os 11 anos que Feijóo leva de presidente en Galicia, tal e como publicou Galicia Confidencial este xoves.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na duodécima videoconferencia de líderes autonómicos co presidente do Goberno, Pedro Sánchez.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na duodécima videoconferencia de líderes autonómicos co presidente do Goberno, Pedro Sánchez.. XUNTA

"Parécelle ético que unha empresa da que é alta directiva unha familiar súa teña recibido case 30 millóns de euros en concursos públicos da Xunta mentres vostede é presidente?", preguntoulle Galicia Confidencial na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Feijóo, visiblemente molesto, limitouse a contestar que cumpre todos os principios éticos. "Manteño os rincipios éticos que son unha forma de traballar que sempre mantiven na administración pública", limitouse a responder.

CONTRATOS

A maior parte dos contratos de Eulen coa Xunta foron de limpeza, mantemento, seguridade, servizos sociosanitarios e medio ambiente, aínda que tamén houbo doutras divisións da empresa como son os de servizos auxiliares e traballo temporal. Os grandes contratos de Eulen durante estes anos de Goberno de Feijóo foron co Sergas, a Consellería de Traballo e Benestar, coa do Medio Rural, a de Medio Ambiente e fundacións ou institucións como a Semana Verde de Silleda, Sogama ou a CRTVG.

As distintas divisións de Eulen aumentaron progresivamente as súas contratas na primeira lexislatura nas que a empresa facturou máis de 5,8 millóns de euros. A maior facturación da compañía dáse na segunda lexislatura de Feijóo con 17 millóns de euros. Na actual lexislatura de Feijóo, a do 2016-2020, a facturación descende a máis de seis millóns de euros, facturando só neste último ano máis de 1,5 millóns

ALTA DIRECTIVA

Micaela Núñez Feijóo é desde o 2016 directora da zona noroeste do Grupo Eulen, ámbito no que atende ás delegacións de Galicia, Asturias e Castela e León e, polo tanto, é a encargada de xestionar todos os concursos que teñen que ver con administracións e empresas privadas desa zona, incluída, obviamente, a Xunta de Galicia.

Previamente, a irmá do presidente galego foi directora provincial de Vigo e Pontevedra e delegada rexional de Galicia da empresa de xestión de servizos. Tamén figurou como apoderada noutras empresas do mesmo grupo, como Eulen Servicios Sociosanitarios, Eulen Seguridad e Flexiplan, a Empresa de Traballo Temporal con sede na compostelana Rúa das Galeras.

Eulen naceu hai 50 anos tendo unha primeira liña de negocio que foi a limpeza, pero diversificouse e agora ten sete liñas: limpeza, mantemento, seguridade, medio ambiente, servizos auxiliares, sociosanitarios e unha división de traballo temporal.

Segundo recolle a súa web, o Grupo EULEN conta con máis de 7.000 clientes en 14 países, máis de 90.000 empregados en persoal, máis de 60 servizos no mercado e vendas que superan os 1.500 millóns de euros en 2018.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ros

PP e ètica son conceptos que nunca casaron ben.