Marcela e Elisa, a primeira parella gay de España, xa teñen a súa banda deseñada en galego

O libro está guionizado e debuxado por Xulia Vicente e editado polo CCG.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/06/2020 | Actualizada ás 12:33

Comparte esta noticia

Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga casaron o 8 de xuño de 1901. Adiantáronse máis dun século á legalización do matrimonio homosexual en España. A súa historia foi investigada e dada a coñecer por, entre outros, Narciso de Gabriel e desde entón inspirou películas, exposicións, obras de teatro e un regueiro de publicacións. E desde hoxe tamén un cómic. 

Capa da banda deseñada editada polo CGC sobre Marcela e Elisa
Capa da banda deseñada editada polo CGC sobre Marcela e Elisa

O Consello da Cultura Galega(CCG) presenta  “Elisa e Marcela”, unha banda deseñada guionizada e debuxada por Xulia Vicente. Esta iniciativa súmase ás propostas coas que a institución conmemora, a través da súa Sección de Pensamento, o Día do Orgullo LGTBI+, que se celebra cada 28 de xuño.

“Sentín unha responsabilidade tremenda porque non estou afeita a facer  guións e moito menos a traballar sobre historias reais e comecei a facer un intenso labor de investigación” explica Xulia Vicente, a autora do guión e dos debuxos da historia nun comunicado remitido polo CCG.

Ese labor de documentación levouna pola historia da Coruña de principios de século, pola súa vestimenta, polo mundo das regueifas e pola forma de entender a sociedade dunha época. O resultado é un traballo de 32 páxinas debuxadas en lapis que conta a historia destas dúas mulleres pioneiras que conseguiron burlar a igrexa e as normas da época para converterse no primeiro precedente do matrimonio homosexual en España. 

A publicación está dispoñible na rede e preséntase acompañada dun making of no que a creadora, Xulia Vicente, explica o proceso de elaboración deste traballo ao tempo que debuxa a portada do cómic. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta