Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 27/06/2020 | Actualizada ás 20:09
Varias decenas de persoas recibiron ao secretario xeral de Vox e deputado no Congreso, Javier Ortega Smith, con berros de "fascistas fóra, fóra de Pontevedra" antes de ofrecer un mitin na Alameda de Pontevedra, municipio no que o dirixente da formación que dirixe Santiago Abascal despregou este sábado a súa axenda.
No seu discurso fronte ao edificio do Concello de Pontevedra, que goberna o BNG co PSdeG, e a escasos metros do instituto Valle-Inclán, onde o propio Castelao exerceu como profesor, Ortega Smith volveu a chamar "antiespañol, racista e nacionalista" ao intelectual galego que emigrou a Arxentina para evitar a represión franquista.
O deputado de Vox xa usara estas palabras este venres, en Xinzo de Limia, para referirse ao galeguista que dá nome a un dos recoñecementos anuais que dá a Xunta de Galicia --xunto coas Medallas de Galicia--, tal e como son as Medallas Castelao.
Precisamente, estes galardóns entréganse cada 28 de xuño (este domingo) nun acto que, como é habitual, preside o xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, coincidindo coa dobre efeméride do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia do ano 1936 e a repatriación dos restos do político, escritor e debuxante galego.
Precisamente, estas palabras de Ortega Smith foron obxecto de balbordo nas redes sociais na xornada do sábado e tamén se pronunciaron en contra Podemos Galicia e o BNG, entre outras voces.
"Ortega Smith (Vox) en Xinzo de Limia chamando racista e xenófobo a Castelao. Con este tipo de xente é coa que quere gobernar Feijóo. Non o imos permitir. A esquerda temos que gañar estas eleccións. Se ti votas, Feijóo e Vox perden", sinalou Podemos.
Pola súa banda, o BNG apunta que "Castelao é a principal figura da nación galega no século XX". "E o nacionalismo galego é emancipador, igualitario, republicano, pacifista, internacionalista. Para un fascista falar de Castelao ou de nós, primeiro debe lavar a boca. #CastelaoSempre", tuitearon os nacionalistas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.