O decálogo: caricaturas amables da oposición a Feijóo

Logo dunha precampaña anémica, onde as medidas contra a pandemia son a escusa perfecta para tapar a nula mobilización e debate cívico sobre as nosas eleccións, con honrosas e excepcionais iniciativas á marxe dos medios profesionais, coma é Té con Gotas e os debates da Fundación Luzes, chegamos ao único debate televisivo na TVG. Que haxa un con tódolos candidatos é cousa normal nun país normal, pero anormal nas nosas catro décadas de autogoberno. Por unha vez axuda o provincianismo endémico galego: agora que TVE fai esas cousas a TVG copiou o formato, decorado e ata os atriles da canle pública madrileña.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 02/07/2020

Comparte esta noticia
 
Coma o escarnio (beninencionado) é o recurso do que non ten poder velaquí uns perfís de urxencia sobre a alternativa a O Noso Alberto, como diría Paco Vedra no Faro.
 
Caballero, como evidenciou no debate, ten un alto concepto de si mesmo, en boa parte merecido pois non calquera chega a titular de universidade antes dos corenta e en plena Gran Recesión. Pero tamén amosou o seu forte temperamento. Non é algo novo: un servidor tivo un inesperado rifirrafe con el en redes porque non lle gustou un comentario que fixen sobre o desenrolo rural en Escocia, do que por razóns obvias algo diso sei eu máis.  
 
A Caballero debería chegarlle recuperar a segunda praza de feito e de dereito para poder manter o seu posto de líder do PSdG. E poder prantexar unha estratexia a medio prazo, do mesmo xeito que tampouco se apurou en entrar no Hórreo malia ser elixido líder do PSdG un ano antes. Aínda que cos socialistas galegos nunca se sabe, teñen un grande talento para queimar líderes a grande velocidade. Lémbranme aos seus correlixionarios do Labor australiano. Moi recomendable “The Killing Season”, dispoñible gratuitamente na web da canle pública australiana ABC.
 
Ana Pontón perde coa prosodia mitineira da UPG a naturalidade pola cal é a líder máis valorada tras Feijóo. Tamén é certo que leva nisto vinte anos. A reciclaxe do argumentario simplón do mundo de Podemos tenlle sido útil no medio prazo para recuperar boa parte do electorado que se esvaera para as Mareas. Que é nacionalista de oportunidade cando o mundo da vella Esquerda Unida non ofrece unha alternativa crible, coma foi o habitual durante a meirande parte dos últimos corenta anos. Poderá voltar aos niveis do 2005 co bipartito, e, quen sabe, mesmo ata os cumios da época dourada de hai 19 anos. A longo prazo as débedas a pagar con esa parte do electorado serán unha vez máis a rémora para converterse nunha alternativa antes nacionalista ca calquera outra consideración. De tódolos xeitos, ese nunca foi o ADN do BNG desde a súa fundación.
 
Paradoxalmente, Pontón, na súa prudencia estratéxica, lembra moitas veces a Merkel. Hai que agradecerlle o esforzo no aggiornamento comunicativo, nada fácil dado que boa parte do liderado real do partido, non tanto o grupo parlamentario, dóbralle en idade, o que impón non poucas peaxes. Non veremos nela un dominio do detalle que é natural en políticas coetáneas coma a Primeira Ministra neocelandesa Jacinda Adern.
 
Pero, sendo xustos, na política galega nin na española, iso nin se dá nin se esixe, nin sequera nos debates. O efectismo e o déficit de atención non o creou o tuiter. Non digamos xa que os programas electorais obrigadamente tivesen unha memoria económica que poida ser avalada por institutos independentes como ocorre co Institute for Fiscal Studies británico ou o CPB neerlandés. Non por falta de facultades de económicas ou do Foro Económico de Galicia.    
 
A superficialidade abunda ao falar do modelo asistencial privatizado, a demonización deste  e a idealización acrítica do funcionariado, ou a defensa, no último minuto posible, de Alcoa. Cando xa está firmada e acordada a chamada “transición xusta” de toda a grande industria europea. Se es Alemaña igual podes trampear un pouco, pero non é o caso. Achácaselle ao PP non ter política industrial. Non se adiviña a política alternativa da oposición alén dos parches nacionalizadores. E, se a hai, que se explique porque urxe.
 
 Co chamado Fondo de Recuperación da UE, ademais das partidas dos fondos Estruturais 2021-2027, diñeiro abonda para a última oportunidade de facer reformas estruturais. Esas tan temidas entre nós pero que son as que fan que na socialdemócrata Dinamarca haxa pleno emprego, bolsas para todos e sanidade universal. Pero claro, se en Galicia aínda non se gastou a metade dos cartos para 2014-2020 e estamos xa en 2020, non se pode esperar nada bo.  O lóxico é que se acordase en sé parlamentaria as prioridades de gasto para todos estes cartos. Polo menos para que se retraten todos, os que gobernen en 2020 e os que o farán en 2027. Galicia leva recibido da UE en 30 anos o equivalente case dous orzamentos anuais da Xunta, o quinto territorio de Europa en recibir máis: 15.000 millóns de euros. Por que será que me dá que perderemos tamén ese tren.
 
Esta é unha elección na que todos gañan: Feijóo porque agás polo medo ao COVID seguramente gañará como admiten os seus detractores, Caballero por voltar a onde tradicionalmente mora o PSdG, Pontón polo mesmo. Mesmo Toné ten o consolo de desfacerse da pantasma mareante, pois os que saian elixidos serán de Podemos a secas. E, coma os outros dous, é novo e pode agardar tempos mellores en Madrid que por moito que a Ministra de Traballo escureza o labor parlamentario estase na pomada e non no artificialmente convertido en parlamentiño do Hórreo.
 
Unha mención a Beatriz Pino por falar un galego correctísimo; dada a ubicación de boa parte do seu electorado galego, máis á dereita nacionalista española que o PPdG, non é pouco. Non se conforma quen non quere. O representante da España eterna resultou todo un acerto: cando non repetía as consignas que tan ben soan aló na chaira ardente pero que caen en oco nas nosas humidades, resulta ser un candidato identificable para boa parte da poboación. Un repoñedor de supermercado ata os mesmos de levar unha vida de traballar mal e gañar pouco, caladoiro dun partido nutrido dos que se quentan a boca nos grupos do wasap e, tamén,  non poucos líderes locais e populistas deste país.  Un arma cargada de futuro.
 
Gómez-Reino, apelido de non pouca fidalguía ente nós, resulta ser tamén un candidato máis atractivo có que se lle anticipa nos seus previsibles resultados. O seu estilo próximo e, por que non dicilo, o seu toque sedutor que tanta sona tiña nos tempos do Playa Coruña fano un candidato a futuro. Dixo o máis importante: a alternativa tripartita debería ter acordado un decálogo das cousas que poderían implantar nada máis chegar ao goberno. Estas cousas que se din cando non che queda outra por ser previsiblemente o máis júnior dos tres, pero que non está falta de razón. Ata o día de hoxe nin os fontaneiros se reuniron para repartirse os cromos de sobre o que  cada un ten que atacar ao Top Dog presidencial. Como diría Casado verbo de Cs, os tres están demasiado ocupados en pisarse a mangueira mutuamente.
 
E iso que sen pensalo moito ocórrenseme unhas cantas propostas para ese decálogo, pouco custosas ademais: dotar ao Parlamento e o Tribunal de Contas de medios económicos para que poida fiscalizar e facer propostas á marxe de quen goberne; pedirlle a BBC Media Action, que apoia o desenrolo dos medios independentes nos países en desenvolvemento, que faga unha auditoría da TVG e deseñe propoña unha reorganización da mesma; decreto e logo lei pola cal as subvencións a medios terán unha porcentaxe fixa do orzamento da Xunta e se asignarán en base a datos de audiencia e lectores, analóxicos e virtuais, certificados pola OJD. Os que o fagan en Galego recibirían o dobre. Dispor que os nomeamentos de cargos, se non hai un consenso na cámara, se fagan por sorteo entre aqueles cualificados.  Conxelar as listas de interinos na sanidade e eventualmente consolidalos como laborais estables e con garantías. Avaliación externa da prestación sanitaria e inspección das residencias. E iso sen entrar en reformas realmente estruturais coma o transporte público intermodal, o territorio, os servizos rurais, o mapa de titulacións que son obviamente outro cantar. Pero xa darían un aire fresco e novo á vida colectiva galega.
 
Sempre me sorprende o moito que o cren en Escocia, tanto o goberno como o parlamento. Nós, que igual temos máis do que gabarnos, e na práctica, non menos competencias. Xusto no día no que 84 anos antes, os galegos por primeira vez na Historia nos recoñecemos politicamente a nós mesmos como pobo, nada menos ca nun 99,24%, parece que nos resignemos a esvaecernos do mundo sen facer apenas ruído.
 
Tamén case nese mesmo día se cumpren os 80 anos desde que un xeneral desertor rodeado dunha banda de irmáns lanzou ás ondas da radio a chamada da dignidade que redimiu a vergoña e resignación de case toda unha nación. Igual é que os galegos co 36 e o que seguiu temos tanto que calar como os franceses sobre 1940 e o que veu logo. A diferencia é que de Gaulle morreu na casa e Castelao no exilio.
 
Non se adiviña entre nós un liderado político capaz de enfrontar e navegar as crises que se cernen sobre nós desde o horizonte coma fixeron no seu día os  Kekkonen, Ben Gurion, Churchill ou mesmo Castro. Tampouco estes son os referentes de ningún dos candidatos. Maquiavelo fundou o pensamento político moderno ao pedir ver as cousas como son e non como queren que sexan. Non é o caso. Así nos vai.

Candidatos no debate electoral da TVG nas eleccións do 12X
Candidatos no debate electoral da TVG nas eleccións do 12X
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA