Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/07/2020 | Actualizada ás 09:25
ContraMINAcción presentou este xoves 2 de xullo un documento onde se enumeran unha serie de posibles vías de actuación en relación ao almacenamento de residuos mineiros. O obxectivo é que tanto comunidades veciñas ás minas, como traballadores e o medioambiente, estean protexidos ante os posibles perigos da almacenaxe de refugallos e outros materiais descartados da actividade mineira.
A iniciativa xorde das denuncias sobre os “fallos críticos” das políticas de almacenamento para os refugallos mineiros, pois ditos fallos se están producindo “con máis frecuencia e con consecuencias máis graves”. Entre os exemplos destas malas prácticas mencionan as verteduras de Monte Neme en 2014 e as de Touro que veñen sucedendo desde os anos oitenta.
As directrices buscan tolerancia cero coas fatalidades humanas e para iso demandan políticas de dano cero tanto para persoas como medioambiente. Así, para evitar a xeración de refugallos ou “pasivos ambientais” é urxente reducir a “demanda global de materias primas primarias a través dunha verdadeira economía circular”.
Piden que as instalacións de residuos mineiros só se deben construír e xestionar co consentimento previo das comunidades locais. Tamén deben adoptar as mellores prácticas e tecnoloxías dispoñibles e respectando os dereitos humanos, “incluíndo o dereito á vida e ao ambiente”.
Así mesmo as normas internacionais de seguranza deben ser independentes do control empresarial e establecerse implicando as comunidades locais, sociedade civil, traballadores mineiros e a comunidade científica. Por último, estas normativas deben garantir mecanismos financeiros para evitar que as comunidades locais, organizacións ecoloxistas e os traballadores poidan avisar sobre riscos ambientais sen sufrir represalias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.