A Xunta defende a DomusVi San Lázaro tras renunciar cinco enfermeiras

As profesionais renunciaron tras incumprir a dirección o acordo sobre quendas de traballo. "Sóbranme enfermeiras en Portugal", respondeu a directora do centro segundo apuntan fontes sindicais. A empresa nega esta versión.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/07/2020 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

A xefa do Servizo de Inspección de maiores e Discapacitados, Berta Besada Porto, defendeu a prestación de servizo que a residencia DomusVi San Lázaro, de Santiago, deu aos internos a pesar da renuncia a comezos de xullo de cinco profesionais de enfermaría.

Profesionais da atención primaria visitan usuarios de residencias de Xirona. ICS
Profesionais da atención primaria visitan usuarios de residencias de Xirona. ICS

Nun escrito remitido a un familiar e ao que tivo acceso GC, Besada Porto, di que tras darse de baixa etas enfermeiras, os servizos de inspección da Xunta “comprobaron que, de forma inmediata, o centro comezou a búsqueda de novo persoal”. “Quedou acreditado a contratación deste persoal en número suficiente para garantir a súa presenza física durante as 21 horas, tal e como esixe a normativa aplicable en materia de servizos sociais”, engade.

“Por parte deste servizo faise un seguimento continuo aos centros prestadores de servizos sociais a través das oportunas inspeccións, ao obxecto de controlar o cumprimento dos requisitos legalmente esixibles e a calidade asistencial procurando a mellora continua na prestación dos servizos”, recolle a misiva. 

Precisamente, o centro de San Lázaro foi un dos máis golpeados polo coronavirus. Nel morreron 53 maiores con denuncias por parte de familiares e persoal de numerosas irregularidades. De feito, as enfermeras que decidiron renunciar ao seu posto fixérono acusando á direccin do centro de incumprimento dos acordos sobre as quendas de traballo.

"TRAIO ENFERMEIRAS DE PORTUGAL"

No momento en que estas traballadoras quixeron abordar o tema das quendas e horarios coa directora da residencia, Gloria García, esta respondeu que “tiña máis enfermeiras en Portugal para traer”, segundo fontes da Asociación de Familiares DomusVi San Lázaro. A consecuencia inmediata é a falta de enfermeiras en varias quendas.

“As residencias temos fuga de persoal", dixo Isabel Salgado do comité de empresa da residencia. Ante esta situación, “a presidenta da patronal sempre responde que lle sobran enfermeiras en Portugal, nós non as vemos en ningunha quenda”. Salgado apuntaba entón que a empresa mantiña ofertas de emprego en portais de internet, polo que non cubriría as baixas en 21 horas tal e como apunta a Consellería de Política Social.

As enfermeiras que renunciaron aos seus postos eran indefinidas que estaban en listas do SERGAS. “Se a empresa non lles dá unhas condicións aceptables, deixan o posto”, sinala Isabel Salgado. 

"CREN QUE SOMOS PARVOS"

Tras recibir esta contestación da Xunta fontes da Asociación de Familiares DomusVi San Lázaro denuncian que Política Social semella que os quere tratar "como parvos". "Logo do acontecido nesta residencia e cos numerosos problemas laborais e asistenciais que existen, a resposta é saír en defensa desta empresa", denuncian.

Así din que é moi difícil contratar cinco enfermeiras en menos de 21 horas, tal e como xustifica a Xunta, e critican que é probable que os residentes estiveran desatendidos no momento no que as enfermeiras se deron de baixa.

VERSIÓN DA EMPRESA

Pola súa banda, desde DomusVi destacan que o centro de San Lázaro tivo que renovar o seu persoal de Enfermeria porque tres enfermeiras do centro optaron por cambiar de traballo e aceptar a recente Oferta Pública de Emprego do SERGAS. "Trátase dunha decisión persoal das enfermeiras que nada ten que ver con desavinzas coa dirección", indican en declaracións ao GC.

De feito, din que desde esta empresa "ofrecéuselles a oportunidade de compatibilizar horarios, pero estas profesionais preferiron a oferta pública de emprego". Neste sentido, apuntan que estas baixas xa foron cubertas e en ningún momento afectaron o cumprimento dos cocientes de atención directa fixados pola administración autonómica. "San Lázaro conta co persoal de enfermaría e médico que a normativa dispón e, mesmo, conta cun médico permanentemente de garda para cubrir necesidades extraordinarias que poidan acontecer", suliñan estas fontes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Copito

DomusVi y la administración van de la mano, como uno del otro, quienes salen perjudicados son nuestros ancianos. Que pena... Espero que el señor Feijoo cuando sea viejo y acabe en una residencia tenga el mismo trato sin distinción.

1 Ladfvu3

Mafia, mafia, mafia.