As liturxias do 25 de xullo

Día de Galicia.Tamén da Patria Galega. Dúas denominación para dúas ópticas ideolóxicas distintas. As interpretacións que se fan desta data son moi ilustrativas polas liturxias que uns e outros organizan.

Por Xosé Glez. | Vigo | 24/07/2020

Comparte esta noticia
As invocacións relixiosas e as políticas manifestáronse de vello en distintos espazos. Os que se reúnen nas igrexas parroquiais ou na  catedral compostelá fano dialogando (algo imposible) co apóstolo. Os que convocan nas prazas públicas, arromedando os “mitines das arengas” dos galeguistas republicanos de noutrora, recorren aos mitos do imaxinario  da nación, reducíndos lamentablemente a tres ou catro memorias; cativo recurso, porque o mártires que tivo Galicia foron milleiros. En calquera caso, a exaltación dos valores sublimados na celebración do día, intentan por distintos medios buscar mediacións para conseguiren as súas arelas. 
 
A Galicia real precisa do maxisterio pedagóxico  continuado durante todos os días do ano para que os soños dun pais máis galeguizado se cumpran.  Sen a constancia  todo se reduce a celebracións rituais, nas só queda  a despedida resentida  “de hoxe nun ano”. As proclamas pronunciadas cos berros no ceo polos altofalantes a todo volúme, non abondan. Castelao, que será invocado moitas veces o día 25 de xullo, exerceu o maxisterio galeguizador dicindo que había que petar na alma do pobo ata conseguir un estado de opinión revolucionaria. Hai que espertar ao pobo do seu sono sen estridencias, con palabras acaídas que entusiasmen  e convenzan.
 
Sempre fun partidario da pedagoxía para levar a mensaxe da galeguización da nación a todos os sectores sociais; non só  a unha parte dela. Este labor esixe a utilización da intelixencia cun bo arseal de coñecementos para espertar o interese do indecisos  que moran no espazo mental da indiferenza. verbo a verbo, e neutralizar aos inimigos da galeguización, que habelos hainos, cos irrefutables argumentos da razón.
 
Cando estou a facer estas propostas lembro que hai ben anos intentei convencer a alguén que entón era coma quen di un ninguén da canella, pero que pasados os anos conseguíu empoleirarse nas instancias académicas, de que o galeguismo precisaba botar man de experiencias  como as misións pedagóxicas da época republicana protagonizadas polos intelectuais da época que removeron conciencias creando cidadáns libres. Aquel home, que pasados os anos converteuse nun consumado oportunista, escoitabame con retorcidas intencións que eu albiscaba no seu ollar, solicitoume o dereito de réplica para dicirme: “O activismo déixocho para ti. Eu dareille a Galicia na medida que ela me vaia dando a min. Galeguismo si, pero a vaquiña polo que vale”. Pilleille ao vóo as súas intencións. Efecctivamente, o personaxe que describo soubo facer do galeguismo un medio de vida, coma outros moitos que utilizaron  os fantásticos recursos económicos  que o goberno galego puxo ao seu dispor. Tal lexión de “galeguistas” foi incapaz de galeguizar a apática realidade sociocultural. Galeguistas de codia e brétema.
 
O que veño de relatar  é a  conduta frecuente daqueles  que cohabitaron os espazos culturais dun pretendido galeguismo que utilizaron, e seguen a facelo, para o seu medre persoal. Son persoas que durantes as décadas que nos precederon aboiaron sen faceren singulares esforzos  e determinantes para galeguizar á sociedade, máis aló de formaren grupiños gregarios nos que retroalimentárense. Con estes vimbios non se pode reconstruir a identidade nacional. O seu discurso cheo de eufemismos non ten lonxitude de onda; é un galeguismo de neboeiro de magros resultados. O refraneiro galego defíneo con nidieza: cacarexar e non poñer ovos. A conta de resultados non ten volta de folla; fala por si mesma.
 
A galeguización terá que ser integral ou non se producirá. Para iso cómpre conquistar espazos sociais inéditos con argumentos novidosos que sexan  entendibles alén dos marcos tradicionais con  trasnoitados discursos decimonónicos. Nosoutros (nós e os outros) debemos axuntarnos nun relato común. Mentres isto non aconteza, corremos o risco de que se esfiañe aínda máis a conciencia galega, engulida polas forzas asimilacionistas que actúan dentro dela. Hai que reaxir e reelaborar outras estratexias que non sexan unicamente, por exemplo, as do sistema literario que non contribúen a crear unha conciencia sólida de pais. Galicia necesita de moitos e plurais  protagonistas para  construírmos un relato común que nos autoidentifique. Precisamos dun discurso anovado que transforme as  potencialidades que están adormecidas, espertándoas e incorporándoas coralmente a ese alborexar novo que todos arelamos.
 
A catarse colectiva producida polas liturxias galeguistas do 25 de xullo non teñen os efectos desexados. Nos tempos que corren hai que substituir a lírica por un  prosaico e anovador relato galeguizador. Máis maxisterio pedagóxico cotiá para mudarmos a realidade, e menos recursos ás ladaiñas. Metámola na chencha: hai que transformar o imposible en posible.
 

Acto do 25 de Xullo
Acto do 25 de Xullo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA