Non hai doce sen trece (segunda parte)

«Adeprender a vida é moi difícil / i ademáis cansa. / Cando tes a leución medio sabida non che sirve pra nada.» (Do poema “A leución”, Viaxe ao país dos ananos, Celso E. Ferreiro).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 30/07/2020

Comparte esta noticia
Ao paso que imos, tan devagar, Galicia tardará centos de anos en alcanzar un goberno alternativo, disposto a frear as desigualdades sociais, blindar e mellorar os servizos públicos básicos e restablecer as súas sinais identitarias, impelendo dinámicas que lle permitan á cidadanía presumir do sentido de pertenza que lle inxecte as doses de ansia necesarias para construír un futuro que, mírese cara onde se mire, non se avista no horizonte. Culpar desa presbicia ao electorado −e ás veces con certa sorna− como fai boa parte da progresía, é un defecto ocular que, dentro de catro anos, nos fará merecentes novamente da sentenza que hai uns días encabezaba a viñeta de Pepe Carreiro en Nós Diario: «En Galicia a alternancia facémola na oposición» 
 
O pasado 12X o BNG logrou uns resultados prodixiosos, capaces de catapultalo cara unha posición de luxo, dende a que pode enfiar −e capitanear− a alternativa ao PP. Mais, sería de ilusos pensar que a partir de agora todo será coser e cantar. Pois non. Hai que coser moito e cantar pouco, en primeiro lugar, porque o Bloque carece da carta náutica para incorporar á súa tripulación aos votantes que o utilizaron como barco-refuxio, alomenos para ascendelos de polisóns a grumetes. En segundo lugar, algúns prebostes deberían entender que os resultados electorais dos distintos procesos, malia os matices alxébricos, deberían parecerse máis entre si para consolidarse. Algo falla cando, en moitos concellos gobernados e cogobernados polo Bloque dende hai tempo, mercé aos éxitos nas eleccións locais, os resultados sofren importantes retrocesos cando hai eleccións autonómicas. E iso só pode corrixirse vernizando a xestión cunha maior e necesaria carga política, capaz de facerlle comprender á cidadanía que o que é bo para a cidade, para a vila ou para o rural, tamén é bo para o país. Finalmente, as cabezas pensantes do BNG deberían atopar o modo de atraer ás súas formulacións −e ás súas papeletas electorais− á parte que lle toca dos votantes que engordan a bolsa da abstención e, por suposto, aos galeguistas descolocados que mesmo alimentan as vitorias do Partido Popular. 
 
[O meu tío Lisardo opina que, mentres entre a primeira opción política e a segunda haxa unha diferenza de 23 parlamentarios, o ceo seguirá estando moi nubrado. E iso aínda que Feijoo teña que ir cara a Madrid, despois das vindeiras eleccións catalás].

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, preside a primeira reunión do futuro Grupo Parlamentario do XI Lexislatura
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, preside a primeira reunión do futuro Grupo Parlamentario do XI Lexislatura
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.