A Covid nas escolas: “A distancia dun metro da Xunta é unha trampa: na práctica serán 50 ou 60cm”

O curso da covid debúxase “negro” para docentes e Anpas ante o “inexistente” investimento dunha Consellería que se agocha detrás da autonomía dos centros para “desligarse das súas responsabilidades”. “Con estas medidas non podemos garantir a saúde dos nenos”, advirten.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/08/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A escasas semanas de que dea comezo o curso escolar máis atípico que se recorda todo apunta a que o clima de incerteza atravesado nos meses do confinamento volverá ás aulas case intacto. É a impresión que desprenden as declaracións dos pais, nais e docentes consultados por Galicia Confidencial logo de protestas sucesivas contra un plan de regreso ás aulas que, segundo denuncia a comunidade educativa, deixa “desamparado” ó profesorado e abre a porta á multiplicación dos contaxios.

Cacelorada de profesores ante a Xunta contra o protocola da Consellería
Cacelorada de profesores ante a Xunta contra o protocola da Consellería | Fonte: GC

O estalido das mobilizacións tivo lugar a raíz da saída á luz do protocolo de espazos, publicado tan só dous despois das eleccións nun “claro exercicio de electoralismo”, segundo denuncian dende Profesorado en Pé. “O documento non se sacou antes porque sabían que ía causar un profundo disenso social”, coincide Fernando Lacaci, presidente da Confederación de Anpas Galegas

Con todo, o protocolo de Educación foi só a primeira entrega dun conxunto de medidas que veñen de ser ampliadas co documento das instrucións docentes, publicado só dous días antes de que administrativos e docentes collan vacacións. “Estamos ante unha falta de rigor impropia de calquera administración seria”, destaca o presidente das Anpas, que subliña o carácter “propagandístico” do anuncio: “se dispós unhas normas pero logo non dás marxe para cumprilas só serven para dar unha rolda de prensa. Serán papel mollado”.

“PATADA PARA ABAIXO” ÁS RESPONSABILIDADES

“A Xunta leva dous meses centrada en dar solución ós partidos de fútbol e as discotecas, pero co ensino éntranlles as présas nas vacacións”

Aula. Marta Fernández Xara - Europa Press
Aula. Marta Fernández Xara - Europa Press

O problema, destacan os profesores, é que o adiamento “electoralista” da Consellería de Educación deixa ós centros públicos galegos nunha situación de especial debilidade de cara ó curso vindeiro ante a imposibilidade de preparar o regreso ás aulas con tempo. “Na práctica é coma se as medidas saíran o 1 de setembro cando o habitual é telas nos últimos días de xuño”, destaca Javier Gómez, de Profesorado en Pé. “A Xunta leva dous meses centrada en dar solución ós partidos de fútbol e as discotecas pero no que ó ensino respecta éntranlles as présas agora, nas vacacións”, ironiza Begoña Iglesias, profesora no IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña.

Con todo, a principal fonte de rexeitamento por parte da comunidade educativa non xorde tanto dos tempos escollidos pola Consellería senón do contido das súas medidas. Profesores, nais e pais acusan ó departamento de Carmen Pomar de planear un regreso ás aulas “a custe cero”, en palabras de Javier Gómez, no que a Xunta deixa as decisións en mans de docentes e administrativos para non ter que facerse cargo de posibles consecuencias.

“Hai unha delegación de responsabilidades que non corresponden ós profesores”, apunta Javier Gómez, que afea á Consellería a “patada para abaixo” que dá ás súas obrigacións “coa tan manida escusa da autonomía dos centros”. En concreto, o protocolo de espazos contempla a creación dun equipo especializado en covid -que deberá actuar en caso de atopar contaxios- así como a obriga de todos os docentes de velar polo cumprimento das condicións sanitarias; tarefas que dende a comunidade educativa consideran que deberían corresponder a traballadores con formación específica, “como acontecería en calquera empresa privada”, segundo Gómez. “Non estamos preparados para enfrontar estas circunstancias”, destaca o docente, que lamenta: “se hai un problema a responsabilidade recaerá nas persoas máis próximas ó cidadán, é dicir, a dirección”.

Abondando neste aspecto, as ANPAS póñense do lado do profesorado para criticar a “indefinición” intencionada do protocolo. “Unhas instrucións con moito detalle asomen responsabilidades, quitándollelas aos docentes. A Xunta fai o contrario: deixa abandonada á comunidade educativa para non cargar coas consecuencias nin cos custes”.

O “FALSO” METRO DE DISTANCIA

En liña co investimento autonómico, pais, nais e docentes afean á Consellería de Educación que pretenda enfrontar o curso da covid sen modificar de xeito substancial as instalacións dos centros, “xa de por si ateigadas”, segundo destaca Begoña Iglesias. Neste contexto, a comunidade educativa non dubida que a distancia esixida pola Xunta nas clases -de apenas 1 metro, segundo vén recollido no protocolo- está pensada para “non ter que baixar as ratios de alumno por aula” e, en definitiva, “non poñer un céntimo máis”, como denuncia Javier Gómez.

A distancia apuntada por Sanidade e Educación chama a atención de docentes e ANPAS por chocar coas propias recomendacións da Xunta para outros espazos escolares, como son as áreas de lecer, as bibliotecas ou os comedores. “Calquera centro comercial pide entre 1’5 e 2 metros”, apunta Gómez, que destaca como a separación das aulas “contradí as indicacións da guía infanto-xuvenil da Consellería, que fala dun metro entre persoas”.

A puntualización de Gómez obedece ao feito de que, na práctica, a distancia dun metro -se ben xa “escasa” segundo Profesorado en Pé- quedará en “apenas 50 ou 60 centímetros na práctica”, de acordo con estimacións da mesma plataforma. “A medida é unha trampa porque mide a separación entre o centro das cadeiras”, destaca Teresa López. “Polo tanto non segue o límite establecido pola OMS, que toma como referencia os cantos das mesas”. Deste xeito, tendo en conta as dimensións do alumnado, a distancia “será sempre inferior ó metro”, segundo destaca a docente.

TELEDOCENCIA “DESIGUALITARIA”

Neste contexto, o plan da Xunta pretende poñer coto ós contaxios apoiándose nos docentes para que estes sexan os que diagnostiquen se os síntomas da rapazada se corresponden cos da covid. “Non sei se falar de fantasmada ou vacile”, ironiza Begoña Iglesias. Por riba, o protocolo contempla que con tan só 3 casos en 7 días os centros teñan na súa man a decisión de pechar niveis educativos ou clausurar a actividade presencial.

Esta posibilidade carrexaría o regreso a unha teledocencia que profesorado e pais ven con “preocupación” ao lembrar as dificultades sufridas nos meses do confinamento. “A Consellería non nos deu medios nin indicacións, tivo sempre unha actitude cargada de esixencias pero sen prestar axuda”, destaca Teresa López, que lamenta que, dous meses despois, “todo siga igual”. “Non avanzaron nada en todo este tempo porque pensaban que a pandemia pasaría co verán”, pondera Begoña Iglesias.

Á parte das “xornadas interminables” e a “desconexión inexistente” que destaca a docente da Coruña, profesores e pais ven con malos ollos un regreso á ensinanza a distancia polas “claras desigualdades” que este modelo orixina entre alumnos, segundo Javier Gómez. “Por unha banda están os miles de alumnos do rural, que por motivos de localización non teñen acceso a internet ou só poden navegar de xeito precario. Pero tamén temos que ter en conta ó alumnado con dificultades socioeconómicas”, destaca en relación a unha “fenda” que se aprecia “de xeito claro” no nivel de seguimento das actividades. “Vese a diferenza entre os rapaces con familias cunha boa posición e os non o teñen tan fácil”.

Fronte a este cúmulo de “burlas” e “irregularidades”, segundo Profesorado en Pé, as demandas da comunidade educativa oriéntanse cara á conformación dun novo paquete de medidas que “garanta a seguridade de alumnos e profesores” poñendo fin a “esa política de non ampliar custos que mantén a Xunta”, segundo Gómez. “Os colexios son núcleos sociais e, en consecuencia, de contaxio”, pondera Lacaci, que lanza unha advertencia: “o positivo dun só neno pode ter consecuencias imprevisibles”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta