Por Galicia Confidencial | Quiroga | 18/03/2013 | Actualizada ás 11:28
O Aceite Galego de Oliva Virxe Extra Olei xorde da recuperación dunha variedade de oliva centenaria propia de Galicia. Así o constatou o Banco Mundial de Germoplasma del Olivo (BMGO) de Córdoba tras analizar e cotexar as mostras recollidas pola compañía galega con máis de 270 referencias de variedades españolas xa identificadas e catalogadas oficialmente. A denominación proposta, Brava, recolle as referencias bibliográficas históricas e os testemuños da tradición popular da época de maior apoxeo do cultivo de oliveira en Galicia.
Oliva made in Galicia
Partindo de referencias bibliográficas nas que se aludía á produción oleícola galega, o equipo de Olei somerxeuse no proxecto Xen-Olea co obxectivo de trazar o mapa de distribución das oliveiras en Galicia e determinar as características xenéticas e morfolóxicas desta árbore, para desenvolver esta variedade especial e achegar un valor engadido á actividade produtiva da zona.
Pero para conseguir plantacións e oliveirais frutíferos a partir de oliveiras autóctonas galegas foi necesario caracterizar a variedade en cuestión a nivel xenético, para evitar dúbidas sobre calquera tipo de procedencia ou relación con outras da Península. Por iso, durante o traballo de campo, o equipo de investigación recolleu 10 mostras de oliveiras de distintas zonas de Galicia necesarias para a análise varietal do BMGO.
O resultado da devandita análise evidenciou que 9 das mostras recollidas non presentaban o mesmo perfil xenético que o resto das 272 variedades xa identificadas e que 5 delas coincidían entre si a pesar de pertencer a distintas zonas de Galicia, o que evidenciou que existía unha nova variedade xénica propia desta Comunidade.
Esta nova variedade caracterízase por ser unha oliva de peso medio e forma ovoidal, lixeiramente asimétrica, de cor negra durante o seu proceso de maduración. Pola súa banda, a oliveira galega é unha oliveira de tamaño medio, porte ergueito e densa copa. Non tolera temperaturas menores de -10 graos, non presenta excesivos problemas de xeadas e é moi resistente á seca, aínda que as temperaturas elevadas durante a floración son o seu talón de Aquiles xa que provocan o aborto do froito.
É unha planta ávida de luz, de aí que as olivas situadas nas zonas mellor aireadas e iluminadas sexan máis grandes e presenten maior contido de aceite que as que nacen nas partes internas da árbore.
Quiroga e Valdeorras son bisbarras nas que se mantivo o cultivo de oliveiras ao longo dos anos. Sobre este punto de partida, Olei busca por toda Galicia as zonas de cultivo orixinarias para redebuxar o mapa natural da actividade olivareira na nosa Comunidade na súa época de maior esplendor. E aposta pola recuperación desta variedade autóctona en novas plantacións propias de Olei aplicando o coñecemento que adquiriu, froito de estudos previos que lle permitiron detectar as condicións edáficas (do chan), hídricas e climáticas máis axeitadas para conseguilo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.