Galicia remonta en poboación grazas ó incremento das migracións, en cifras de récord

A entrada de migrantes creceu un 43% en 2019.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/08/2020 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

As catro provincias galegas gañaron poboación en 2019 grazas á entrada de migrantes, que provocou un saldo migratorio cun incremento cifrado no 43% sobre o ano anterior e que é o maior desde 2008. Así o informa a Xunta de acordo cos datos recolleitos na Explotación de Movementos Migratorios, publicada este luns polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

No ano 2019 entraron a residir en Galicia 17.747 persoas máis das que saíron, xa que 46.600 fixaron a súa nova residencia en Galicia, fronte ás 28.853 que deixaron a comunidade autónoma. Segundo os datos do IGE, o saldo migratorio externo de Galicia mellorou por sexto ano consecutivo e mesmo creceu un 43% sobre o ano 2018, no que fora de 12.391 persoas. "Ademais, a diferenza positiva entre entradas e saídas na comunidade autónoma é a máis elevada que se rexistra en Galicia desde o ano 2008", engade a Xunta.

En canto ás entradas en Galicia, no ano 2019 producíronse un total de 46.600 inmigracións procedentes do estranxeiro ou doutras comunidades autónomas, o que supón un incremento do 9% respecto ao ano anterior. "Esta cifra é a máis elevada desde o ano 2007 e a segunda máis alta de toda a serie histórica desta estatística", engade.

Sobre as saídas, en 2019 contabilizáronse 28.853 emigracións ao estranxeiro ou a outras comunidades autónomas, o que representa un descenso do 5% en comparación co ano 2018. Segundo os datos do IGE, a cifra de persoas que saíron de Galicia é a máis baixa rexistrada desde o ano 2010.

A CORUÑA, Á CABEZA

A Explotación de Movementos Migratorios revela tamén que en 2019 as catro provincias galegas gañaron poboación grazas aos movementos migratorios co exterior, "tendo en conta que en todas elas as entradas de novos habitantes superaron ás saídas".

Así, a provincia da Coruña conseguiu un saldo migratorio externo de 7.950 persoas, ao rexistrar 19.621 entradas e 11.671 saídas e a de Lugo tivo un saldo de 2.334 persoas, con 5.856 entradas e 3.522 saídas. Pola súa banda, a de Ourense contabiliza un saldo de 2.289 persoas, con 6.204 entradas e 3.915 saídas; e finalmente, a provincia de Pontevedra obtivo un saldo migratorio externo de 5.174 persoas, con 14.919 entradas e 9.745 saídas.

Inmigrante nunha obra. GOBERNO DE ARAGÓN - Arquivo
Inmigrante nunha obra. GOBERNO DE ARAGÓN - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta