Pontón e Caballero agardan que Feijóo impulse o autogoberno e chegue a acordos polo ben de Galicia

Pontón pide a Feijóo "altura de miras" e que os seus 42 deputados "non lle impidan ver os problemas dos galegos". G.Caballero:"É momento de pór a capacidade do autogoberno ao servizo da cidadanía"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2020 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

Os líderes da oposición en Galicia, a nacionalista Ana Pontón e o socialista Gonzalo Caballero, agardan que a oferta de pactos e consensos de Feijóo sexa real e polo ben dos galegos e agardan que afonde no autogoberno para facer fronte a pandemia do coronavirus.

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha imaxe de arquivo dando declaracións no Parlamento. PARLAMENTO DE GALICIA
O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha imaxe de arquivo dando declaracións no Parlamento. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Así, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu "altura de miras" ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, e que neste o seu cuarto mandato, os 42 deputados dos que dispón o PP na Cámara galega "non lle impidan ver os problemas dos galegos" para alcanzar "grandes acordos de país".

Así se pronunciou Pontón tras asistir no Parlamento de Galicia, situado en Santiago, á toma de posesión de Núñez Feijóo como presidente da Xunta por cuarta vez consecutiva. Para a lider frontista, esta será unha lexislatura "moi difícil e moi dura" que obriga a chegar "a acordos de país" ante a situación "crítica" que marca a pandemia.

"A pandemia segue entre nós e atácanos no ámbito sanitario e económico", sinalou Pontón, que considera que Galicia "non sairá adiante con rutina", senón que é preciso pór en marcha "cambios estruturais" e "aprender das leccións" que deixou a crise da covid-19.

CABALLERO

Pola súa banda, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, afirmou este sábado, tras a toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta, que agora é "momento de pór xa toda a capacidade das competencias e do autogoberno de Galicia ao servizo da cidadanía galega".

Caballero sinalou que desexa "todos os acertos ao próximo Goberno", ao que lembrou que hai "un autogoberno galego definido no Estatuto que lle dá á Xunta moitas competencias en moitos ámbitos decisivos". Galicia, agregou, ten "plenas competencias" para "acompañar á industria, aos maiores, aos que teñen máis dificultades".

Esta "ten que ser a lexislatura da protección das persoas ante a crise económica, social e sanitaria" e é o momento de usar as competencias propias de Galicia para "o inicio do curso escolar, para pór todos os mecanismos de protección da política social nas residencias de maiores, para tomar todas as medidas de precaución fronte aos rebrotes", reclamou.

BEATRIZ PINO

A portavoz de Cidadáns Galicia, Beatriz Pino, deu a súa "felicitación e parabén" ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A través da súa conta de Twitter, a tamén membro da Executiva do partido laranxa trasladoulle "todo o ánimo e desexo de sorte e acerto" para o próximos catro anos "polo ben dos galegos". "Non será unha lexislatura sinxela pola situación que vivimos", valorou en referencia á pandemia da COVID-19.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta