Acordo dos tres grupos para crear unha comisión de reactivación económica pola crise da Covid-19

Queda creada tras a decisión unánime en xunta de portavoces, pendente da designación de 7 membros do PP, 3 do BNG e 2 do PSOE

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2020 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

Os tres partidos con representación no Parlamento de Galicia, PPdeG, BNG e PSdeG, chegaron a un acordo para a constitución dunha comisión non permanente de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da covid-19.

Así o decidiron este martes na reunión da xunta de portavoces, despois de que o luns o Bloque primeiro e os populares despois rexistrasen senllas iniciativas por separado para a creación deste órgano.

Parlamento de Galicia. PARLAMENTO
Parlamento de Galicia. PARLAMENTO | Fonte: Europa Press

Aínda non se determinaron os membros da comisión e os grupos teñen de prazo ata o vindeiro luns para a súa designación, pero a creación formal desta comisión xa é un feito, tras o acordo na xunta de portavoces. A composición desta comisión será proporcional, do mesmo xeito que nas restantes, con sete integrantes do Partido Popular, tres do Bloque e dous socialistas.

"ACORDO SATISFACTORIO"

En rolda de prensa tras a xunta de portavoces, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, cualificou de "boas noticias" e "satisfactorio para todos" este acordo, "reconducindo outras cuestións".

Por parte do BNG, a súa viceportavoz Olalla Rodil, tamén ante os medios de comunicación, reivindicou conseguir "axilizar" a súa constitución porque "non hai tempo que perder" e que o traballo deste órgano "non pode dilatarse no tempo" dadas as circunstancias para "miles de galegos" pola pandemia.

Mentres, o viceportavoz do PSdeG Pablo Arangüena asegurou que foi o seu grupo o que propuxo que "sexa a propia mesa do Parlamento a que impulse esa comisión", deixando "entre paréntese calquera discrepancia" e en busca do "consenso".

"SIMULACRO" DE DESACORDO

Primeiro foi o grupo do BNG o que anunciou, este luns a través dun comunicado de prensa, que xa rexistrara a iniciativa para a creación dunha comisión de reactivación.

A continuación, o grupo popular fixo o propio coa súa petición ante a mesa. Este martes, tras un debate sobre o nome para denominar á comisión e un "simulacro" de desacordo, en palabras de Arangüena, o tres partidos chegaron a un acordo "unánime", segundo valorou Puy.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta