O aumento de casos en Marín duplica á media galega e o foco de Santiago está descontrolado

O gromo de Marín afecta a xente "moi nova" e é "de risco". Os expertos detectan que a transmisión "volve aumentar" na área de Santiago.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2020 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

A comarca de Pontevedra e a do Morrazo, con fortes vínculos, son das que máis preocupan na súa evolución aos expertos do comité clínico, que apuntan a unha transmisión de COVID-19 que "pode ser importante" e á existencia dun brote que "non está baixo control", o que obrigou a manter as restricións de aforamentos e reunións na cidade de Pontevedra e nos municipios de Vilaboa e Poio, así como implantalas no de Marín.

Así o recollen as ordes de medidas preventivas para evitar a extensión da COVID-19 publicadas pola Xunta na tarde deste mércores, tras a reunión mantida polo comité clínico que avalía a situación epidemiolóxica.

Entre os municipios que este xoves estrean restricións está o de Marín, afectado por un importante aumento de casos de coronavirus que, previsiblemente, deriva da súa estreita relación coa cidade de Pontevedra, segundo o mércores explicaron os propios expertos. A principios de semana, o Sergas comunicaba ao concello que eran 50 os casos activos, segundo fontes municipais.

Este municipio, recolle a orde, ten unha taxa de incremento de casos nos últimos días que duplica á do conxunto da comarca do Morrazo e á de toda Galicia e o brote afecta a persoas de "idade moi nova", o que, unido á súa "ampla interacción co Concello de Pontevedra", fai que sexa de "risco alto".

O índice reprodutivo deste municipio apunta a que "a transmisión está activa" e "poden seguir xerándose novos casos". Os grupos de idade máis afectados son "idades moi novas", que presentan menor sintomatología e teñen unha maior posibilidade potencial de difundilo.

Do mesmo xeito que en Marín, a orde da Xunta apunta a que a situación en Pontevedra, Vilaboa e Poio (que manteñen as medidas) "non está baixo control" e os indicadores apuntan a que "a transmisión pode ser importante". A comarca leva en ascenso de casos desde o pasado 22 de agosto.

Tamén na provincia de Pontevedra, manteñen medidas restritivas os municipios de Lalín e Silleda, no Deza, cuxos brotes son de "algo/medio risco". No caso de Silleda, que se incorpora ás medidas, os expertos detectan un aumento "importante" na súa tendencia acumulada, polo que o gromo"non está controlado", e que cada afectado "pode estar a contaxiar a outras dúas persoas" de media.

EN SANTIAGO VOLVE A CRECER

Por outra banda, en relación ao mantemento das medidas para Santiago, o grupo de expertos detectou que a incidencia na comarca, tras un descenso a semana pasada, "volveu a aumentar" e que o Concello de Santiago "presenta un número de casos diario elevado".

Estas cifras, apuntan, evidencian que a transmisión "está a aumentar" e que o brote "segue evolucionando e non está controlado", polo que ten características de "alto/medio risco". As idades máis afectadas, concreta, son entre 15 e 39 anos, cun "número importante de asintomáticos" ou con poucos síntomas, que "facilitarían a transmisión" a través do contacto social.

Tamén a Xunta mantén as medidas restritivas para o Concello de Ourense, onde a taxa acumulada de casos de COVID-19 "segue sendo" e para Lugo, con cifras que "se manteñen elevadas" e en situación de "risco alto".

En relación á comarca de Baixo Miño --onde as restricións afectan á Guarda e O Rosal--, a taxa de incidencia aumenta desde o 26 de agosto, cun incremento na transmisión. Nesta zona a idade de afectados mesmo se rebaixa, co grupo máis frecuente o de 10 a 24 anos.

MELLORA A SITUACIÓN NA CORUÑA E BERGANTIÑOS

Finalmente, a Xunta mantén polo momento as restricións para algúns barrios da cidade da Coruña e para o Concello de Arteixo, a pesar de detectar unha "mellora epidemiolóxica" na área e unha tendencia á baixa.

Pola contra, levanta estas restricións nos municipios de Carballo, A Laracha, Laxe e Ponteceso, cunha "clara tendencia descendente" e unha redución "significativa" do número de casos.

Dúas sanitarias preparan probas PCR en Monforte de Lemos (Lugo).. Carlos Castro - Europa Press
Dúas sanitarias preparan probas PCR en Monforte de Lemos (Lugo).. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Volvemos ao punto de saída ? Pechan un aula de 5º de primaria nos Salesianos de Vigo ! Pero deixan traballando con normalidade a 3 profes que estiveron nesa aula (debe ser para que extendan o virus ás demáis aulas?) Lembrar que no mes de marzo nese mesmo colexio había 4 profes positivos, pero daquela non se lles facía PCRs a ninguén ! En definitiva non entendo nada: segundo a prensa local a nena positiva (é asintomática) ¿como fixeron para detectala? Misterios da Pandemia !