Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2020 | Actualizada ás 19:54
Vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois o 24 de xullo de 2013 ven no feito de que a causa siga contra un alto cargo de Adif unha "demostración" de que "a investigación oficial --a que realizou a CIAF e que determina que o maquinista foi o único responsable-- é unha farsa".
Por iso é polo que a plataforma de afectados demande "que se repita" esa investigación, "tal e como pide Europa", e que "sexa independente", segundo destaca o seu portavoz, Jesús Domínguez.
Domínguez avanza, ademais, que a asociación recorrerá o peche para que a causa tamén se siga contra o exdirector de seguridade na circulación de Renfe, "porque tamén tiña que realizar a análise de risco" na liña do sinistro.
No auto do que supón o terceiro peche da instrución, o titular do xulgado, Andrés Lago, acorda o sobresemento deste alto cargo da operadora a pesar de considerar "significativo" o cambio que supuxo a desconexión do sistema de máxima seguridade a bordo do tren.
"SEN RESOLVER"
Pola súa banda, Jesús Domínguez lamenta que a denuncia dun extraballador de Talgo --que asegura que a empresa ordenou o borrado de avarías do tren transcorridas poucas horas do descarrilamento-- quedase "sen resolver".
"Non o dicimos nós, dio o perito", advirte, en referencia ao informe que entregou recentemente un enxeñeiro que considera que, polas declaracións que tomou o xuíz, non é posible determinar quen dixo a verdade sobre o suposto borrado.
En calquera caso, esta peritaxe tamén indica que non hai constancia documental do borrado de datos e que, de suceder, as hipotéticas avarías non terían relación causal co accidente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.