O que quero é celebrar esa caída do bipartidismo. Non é boa aínda que aos analistas da dereita lles encante o bipartidismo. A pluralidade de perspectivas, a entrada de moitas sensibilidades nos parlamentos é sempre algo bo, algo máis real que o bipartidismo, porque o conxunto social é plural, e se somos serios, haberá moi pouquiña xente que estea tan polarizada (ou tan esquematizada) nas súas cabezas para asumir que a realidade é como a ve Rubalcaba ou como a ve Rajoy, aínda que se chamen doutra maneira e teñan outras caras.
Unha das cousas que máis espantaba a Nietzsche da nosa cultura era a relixión monoteista. Non a relixión en abstracto, como moita xente pensa, senón o monoteísmo. Porque iso implicaba unha única perspectiva da vida, un pensamento único, unha única unicidade unitaria unicamente unha. E, claro, todo o que caese por fóra desas visións monolíticas de verdades supostamente eternas e reveladas, pertencía ao reino do satánico. E ás probas históricas podemos remitirnos: cando se pensa que existe un Deus único e que ese Deus, ademais, escribiu un libro con ordes a seguir baixo pena de condea eterna, daquela, todo fica xustificado e, ademais, por unha "boa causa". Por iso Nietzsche, e moitos non entenden isto e pensan que está de coña ou que como era medio toliño non dicía máis que parvadas, reclamou o politeísmo, e dicía que había que recuperar a crenza en moitos deuses distintos, como en Grecia, en especial na Grecia presocrática. E isto dicíao por amolar, si, basicamente, ao xudeo-cristianismo (que sigue gobernándonos: hai unhas estampas publicitarias xigantescas polas cidades adiantes pagadas pola Conferencia Episcopal contra do aborto e eu penso...se eses cartiños máis que para salvar aos non nacidos os dérades para salvar á xente pobre real que apodrece por aí morta de noxo...), mais tamén porque o politeísmo implica aceptar moitas perspectivas, que non todos pensamos igual, que hai moitos pensamentos válidos e que a verdade verdadeira non existe, e que, xa que logo, que hai máis que Rubalcabas e que Rajoys.
Así que, se cae o bipartidismo, será unha boa nova. E a pesar de que hai xente (sobre todo os analistas da dereita, insisto) que se pon nerviosa cando hai que procurar pactos de goberno (son os mesmos que din que debe gobernar a lista máis votada...sobre todo se é a do PP), o certo é que lle dará dinamismo á política, aos parlamentos e, probablemente, será moito máis representativo de verdade do que na sociedade hai.
Lembro nos oitenta cando Fraga dicía que o "natural" (encantáballe esa verba, cando "natural", non hai nada, absolutamente nada, todo é social, todo é político no senso máis grego da palabra) era o bipartidismo e falaba das bondades dese dualismo, e que o "natural" (xa saben) era a alternancia, que ás veces goberne o PP, que ás veces goberne o PSOE. Pois non, iso non é natural. E, de feito, nin é o desexable. Porque a sociedade, coma os deuses gregos, é plural.
Así que se por mor da actual crise da política e nomeadamente dos dous grandes partidos, o parlamento futuro é un crebacabezas multicolor e hai que facer mil pactos para que a cousa pite, eu, voume alegrar moito.